A Universidade de Vigo conclúe o proxecto MAJA acadando avances salientables na cría, o engorde e a repoboación da centola Maja brachydactyla, establecendo protocolos integrais de cultivo, dende a fase larvaria ata a obtención de xuvenís e o seu crecemento en batea. Isto é froito da colaboración entre investigadores dos grupos de Tecnoloxía Enzimática e Bioestruturas, GEN e da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) da UVigo e financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. O estudo permite xerar coñecemento para a recuperación de poboacións en declive doutras especies do xénero, tal e como explica Jose Eugenio López Periago, docente e investigador do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo da UVigo e investigador principal do proxecto.
Entre os fitos acadados, destaca o desenvolvemento larvario utilizando exclusivamente penso, a obtención do maior número histórico de alevíns de centola e unha porcentaxe do 68% de supervivencia no paso de megalopa —estadio larvario final dos crustáceos decápodos— a C1, o que constitúe o récord actual. Súmase a optimización de procedementos de engorde en bateas mexilloneiras, aproveitando subprodutos da miticultura, ademais do desenvolvemento dun proceso innovador para a extracción da vianda e o deseño de novos produtos de mercado. Tamén avaliaron e analizaron, dende a economía, a circularidade do modelo integral de cultura.
“O proxecto MAJA conseguiu desenvolver o cultivo da centola Maja brachydactyla ata a obtención de adultos, un fito que representa un avance importante para a diversificación da produción acuícola en España”, explica López Periago, que sinala que estes resultados amosan a viabilidade da súa cría en catividade, podendo aplicarse á recuperación de Maja squinado no Mediterráneo.
O proxecto, que comezou en xullo de 2024, foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar formado por investigadores do grupo GEN (Ecobas) e do grupo TEZE de Tecnoloxía Enzimática e Bioestruturas (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación) no Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM). Un ano e medio despois, os responsables do proxecto presentan hoxe os seus resultados nunha xornada que se desenvolve na confraría de pescadores San Antonio de Cambados.
Obtención de larvas e produtos derivados
Desde a obtención de larvas en condicións controladas cunha elevada taxa de supervivencia á de produtos derivados, incluídos subprodutos xerados no cultivo, o proxecto completou todas as fases do proceso produtivo.“Maja foi quen de estabilizar a cría en catividade de centola nas instalacións da Ecimat e levar a cabo o engorde de xuvenís en batea, utilizando o seu escombro como fonte de alimentación, o que demostra a posibilidade reducir a emisión de subprodutos á miticultura”, explican os investigadores. Tamén sinalan que a optimización dos parámetros de cultivo de larvas e postlarvas permitiu resolver problemas relevantes e establecer procedementos de manexo que aumentaron a supervivencia de xuvenís.
Como resultado, os responsables destacan a elaboración dun procedemento de cultivo validado e utilizado pola industria acuícola, facilitando a produción continuada de centola e a súa dispoñibilidade comercial durante todo o ano, o desenvolvemento dun protocolo de liberación piloto de xuvenís procedentes de criadeiro para a repoboación de bancos naturais desestruturados e a implementación dun sistema de cultivo en gaiolas suspendidas de batea que permite acadar a talla comercial.

Durante o proxecto, realizáronse múltiples ensaios de alimentación e densidade de cultivo e desenvolvéronse dietas de engorde específicas, así como procedementos para o seguimento do desenvolvemento morfolóxico mediante tomografía computerizada.
Un procedemento innovador de extracción de vianda
No ámbito da valorización, MAJA desenvolveu un procedemento innovador de extracción de vianda que permite separar a carne do cacho de xeito eficiente, mantendo a calidade e integridade. “Este avance posibilita a elaboración de novos produtos de mercado como conservas, patés e preparados conxelados, ampliando as opcións de aproveitamento comercial da especie”, detalla o investigador principal, xunto á viabilidade dun método de aproveitamento de cachos baleiros como materia prima para a formulación de suplementos avícolas e a extracción de biopolímeros de alto valor, como quitina e quitosano.

O grupo GEN, pola súa banda, completou a análise de circularidade do conxunto do proxecto, xunto cunha avaliación económica do modelo de negocio, determinando a sostibilidade económica, social e ambiental do sistema integral e aliñando os resultados cos principios da economía circular. “A posta a punto deste sistema integral de cultivo e engorde da centola constitúe un avance significativo, que permite aumentar a eficiencia produtiva nos polígonos de bateas de mexillón, mellorar a conservación da especie e xerar novos produtos de valor engadido. Todo iso contribúe á viabilidade económica dunha acuicultura da centola sostible”, conclúen as e os investigadores.














