A polémica está servida: a Comisión Europea acaba de prorrogar o uso do glifosato, o herbicida máis empregado do mundo, por 10 anos máis. Hai quen defende o seu uso, alegando que non existen alternativas tan eficaces; pero hai quen asegura que ten efectos neurotóxicos e canceríxenos. A Comisión Europea, apoiándose nas avaliacións da Axencia Europea de Substancias Químicas (ECHA) e da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), sentencia que “non hai evidencia para clasificar o glifosato como canceríxeno”. Porén, a Organización Mundial da Saúde, a través da Axencia Internacional de Investigación do Cancro (IARC), declarou en 2015 o glifosato como “probablemente canceríxeno”. Ante a diversidade de posicións das axencias reguladoras, o certo é que a Comisión Europea renova o uso do herbicida sen unha maioría cualificada —houbo empate técnico entre os Estados membros que querían prorrogalo, como España, e os que se opoñían—.
A prórroga para o uso do glifosato vén acompañada dunha serie de restricións dun herbicida que se usa masivamente, tamén en Galicia, para matar as malas herbas e manter limpas as estradas e as vías do tren. Entre as novas condicións para empregar este polémico produto fitosanitario están a prohibición do seu uso como secante e o establecemento de porcentaxes máximas de aplicación, entre outras medidas. A Comisión Europea tamén ampara a súa decisión de prorrogar o glifosato xustificando que, en último termo, son os Estados membros os que deben avaliar de maneira individual o uso deste herbicida. “Tras a renovación da aprobación, todas as autorizacións nacionais deben revisarse. Os Estados membros poden restrinxir o seu uso a nivel nacional ou rexional se o consideran necesario“, recolle a nota publicada pola Comisión Europea o 16 de novembro, día no que se anunciou oficialmente a renovación do uso do glifosato, despois doutro intento fallido o 13 de outubro.
As opinións da comunidade científica non tardaron en saír a luz, cunha gran disparidade de reaccións. A subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica da Universidade Politècnica de València, Rosa Porcel, considera que é “unha boa noticia para os nosos agricultores porque ata a data non dispoñemos doutro produto que sexa tan eficaz e seguro”. No que respecta á catalogación da IARC como “probablemente canceríxeno”, Porcel denuncia que foi unha decisión “rodeada de sombras” e con “posibles conflitos de interese no panel avaliador”. No lado oposto sitúase a investigadora Lucía Argüelles da Universidade Oberta de Catalunya, que cualifica de “sorprendente” a decisión de prorrogar o uso do glifosato. Apoiando a catalogación da IARC, asegura que tamén hai sentenzas contra empresas agroquímicas polos problemas de saúde derivados deste herbicida. “Non podemos seguir intoxicándonos”, sostén a experta en declaracións recollidas no Science Media Centre España.

Na liña desta opinión sitúase o sociólogo francés Sylvain Laurens, moi crítico coa renovación de uso do glifosato nun artigo publicado en The Conversation. En relación ao que apunta Argüelles, pon de manifesto o caso do xardineiro estadounidense Dewayne Johnson, que empregaba habitualmente Roundup y Ranger Pro, dous herbicidas con glifosato da compañía Monsanto. Ao traballador diagnosticáronlle un linfoma non Hodgkin e decidiu denunciar á multinacional, que hoxe é propiedade de Bayer. O tribunal fallou a favor de Johnson e obrigou a Monsanto a pagarlle 300 millóns de dólares. Pero este, segundo Laurens, non é o único caso, pero si talvez o máis mediático. Hai outra sentenza que suxire un vínculo entre a exposición ao herbicida durante o embarazo e as malformacións graves nos fetos. Ademais, un artigo publicado en Gciencia en 2022 facíase eco das accións de Bayer, que aceptou pagar en 2019 11.000 millóns de dólares ás vítimas do glifosato —arredor de 125.000 demandantes— para non ter que pasar polos tribunais.
“Detrás do uso masivo do glifosato hai moitos intereses comerciais”, declaraba Rosa Mosquera, doutora en Ciencias Biolóxicas da Universidade de Santiago, na noticia de Gciencia. Unha posición que comparte con Laurens, quen defende que a posición da Comisión Europea sobre o glifosato está profundamente influenciada pola industria. “O grupo de traballo do glifosato da UE ten un financiamento bastante transparente, con fabricantes de pesticidas que teñen interese en mantelo no mercado. Estas empresas reuniron os estudos que apoian a súa postura”, apunta o experto. De feito, Laurens é moi crítico co funcionamento da EFSA e da ECHA e asegura que esta última non fai un traballo de investigación propiamente dito, senón que tan só traballa con documentos que presenta a industria e que, por tanto, están nesgados. “Non fai falla unha teoría da conspiración para explicar a chegada á mesa desta proposta sobre o glifosato e a prevalencia dos lobbies en Bruxelas”, sentencia.
Os estudos galegos
A investigadora Rosa Mosquera aseguraba en 2022 a Gciencia que o glifosato “actúa como un disruptor endócrino” e sostiña que “ten un risco para a saúde”. Amais diso, facía mención a “numerosas publicacións” que relacionan o consumo de glifosato a través da auga co cancro de mama. Un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) seguía unha liña moi semellante, apoiados nunha revisión sistemática e da que se fixo eco Gciencia en xullo de 2022. Carmen Costas, Lilian Ferreira e Rafael Durán, do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, deixaban constancia na súa investigación do “potencial neurotóxico” do glifosato e aseguraban “que pode causar alteracións importantes na estrutura e función do sistema nervioso de humanos, roedores, peixes e invertebrados”. Así mesmo, indicaban que pode impulsar o estrés oxidativo, a desinflamación e a disfunción mitocondrial, que conducen á morte das neuronas e á aparición de trastornos da conduta e motores.
O glifosato introduciuse no mercado en 1974 da man da compañía Monsanto e en Galicia é un vello coñecido polo seu uso masivo para acabar coa maleza. De feito, en marzo de 2022 o Defensor del Puebo deulle un aviso ao Goberno, aos concellos e tamén á Xunta polo abuso do glifosato para o mantemento das estradas en Galicia. Polo tanto, a polémica polo emprego deste herbicida vén de lonxe, e a Comisión Europea adopta unha medida que non está exenta de polémica. De todos modos, os expertos conveñen en afirmar que é un problema con múltiples arestas. A reflexión de Laurens resume as palabras doutros tantos científicos que se opoñen ao uso do glifosato, pero que entenden o difícil que é regulalo: “É a pedra angular de todo un sistema agroquímico do que dependen o modelo agrícola dominante. Avanzar cara a un mundo sen glifosato supoñería reformular a estrutrura da industria agroalimentaria”.
A peor nova con moito que nos podía acaer. Estamos nas mans duns tolos que non saben o que fagan por encher o peto a costa de acabar coa saúde da xente. E Europa baixa os pantalóns e déixase asoballar por Bayer porque pode mercalos a todos e aínda lle sobran cartos. Mágoa!