Sábado 20 Abril 2024

A seguridade do glifosato non depende do que diga un tribunal

*Un artigo de

En poucos días fomos testemuñas dun par de sentenzas que certos grupos ecoloxistas poderían considerar unha vitoria. Estes ven na tecnoloxía aplicada á alimentación un problema, máis ca unha ferramenta para mellorar as nosas vidas. Nesta ocasión tocoulle a Monsanto, recentemente adquirida por Bayer.

Publicidade

Vexamos o que aconteceu.

O 10 de agosto, un tribunal de San Francisco (California, Estados Unidos) condenou a Monsanto a indemnizar a Dewayne Johnson con 289 millóns de dólares por danos e prexuízos. Este xardineiro de 46 anos padece un cancro terminal e asegura que se debe á súa exposición a un herbicida da multinacional. Trátase dun linfoma non hodgkiniano, un tipo de cancro nos linfocitos do sangue.

O herbicida é o Roundup®. O seu principio activo, o glifosato.

A situación de Johnson é dramática, por suposto. A preocupación social polos produtos químicos usados en agricultura é crecente. Pero, é isto certo? Estannos envenenando?
Campo sementado en Estados Unidos. Unsplash, CC BY

Que é o glifosato e como funciona?

O glifosato, baixo a marca Roundup®, foi introducido por Monsanto en 1974 e converteuse no herbicida máis usado en agricultura. Desde o ano 2000, no que expirou a súa patente, comercialízano máis de 20 empresas. É barato, efectivo e seguro.

Si, tan seguro como calquera outro produto químico co que se sigan as instrucións para a súa manipulación e aplicación. A ninguén se lle ocorrería beber lixivia, amoníaco ou desatascador de tubaxes, non si? Aínda así, son comúns nos nosos fogares.

A vantaxe do glifosato é que é tóxico para o que queremos eliminar: plantas. O seu principal uso é a eliminación de malezas en agricultura, pero aplícase tamén en parques e xardíns públicos e privados.

O seu mecanismo de acción é simple. Impide a formación de certos aminoácidos que precisa a planta para vivir, cuxa ruta de síntese é exclusiva das plantas. Grazas a isto, o glifosato non presenta toxicidade en animais.

O glifosato, comercializado por empresas como Monsanto, utilízase como herbicida en vías públicas, terreos privados e cultivos agrícolas.
O glifosato, comercializado por empresas como Monsanto, utilízase como herbicida en vías públicas, terreos privados e cultivos agrícolas.

Para que nos fagamos unha idea: a cafeína, o vinagre e o paracetamol teñen índices de toxicidade maiores que o glifosato.

O herbicida é absorbido polas follas (non polas raíces) e a súa vida media é moi curta (22 días), polo que os seus efectos acumulativos teñen un impacto mínimo. Aplícase, o produto circula, e ao cabo duns días a planta morre.

O verdadeiro éxito do glifosato chegou a mediados dos anos 90, cando Monsanto empezou a comercializar plantas modificadas xeneticamente para resistir ao glifosato. Isto permitía utilizalo para eliminar as malas herbas sen que o cultivo se vira afectado. A vantaxe ambiental e económica era notable, xa que a cantidade necesaria de herbicida reduciuse.

O uso destas sementes disparouse á velocidade que diminuíu o de herbicidas. En calquera caso, por se alguén o está pensando, en Europa non hai ningún cultivo transxénico resistente ao glifosato.

Que di a ciencia sobre a súa toxicidade? É canceríxeno?

En marzo de 2015, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), pertencente á OMS, cualificou o glifosato dentro do grupo 2A. Isto quere dicir que é “probablemente carcinóxeno para o ser humano”, xunto con profesións como traballar de perruqueiro, nun local de frituras ou ser artesán do cristal. Está ao mesmo nivel que ter quenda de noite no traballo, consumir carne vermella e as bebidas moi quentes. Nada disto se prohibiu.

Cabe destacar que esta lista elabórase tendo en conta o nivel de evidencia que existe e non cuantificando o risco que teñen as substancias.

Esta decisión entraba en conflito cos informes achegados uns meses despois pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), onde un estudo sobre os efectos do glifosato chegou á conclusión de que “é pouco probable que [o glifosato] supoña un risco carcinoxénico para os humanos”.

A decisión inicial da IARC estivo rodeada de sombras desde o principio. Descubriuse que a axencia omitira información clave no seu informe, que apoiaba a seguridade do produto. Esta información non chegou a ver a luz. Tamén se criticou a metodoloxía utilizada pola IARC xunto con posibles conflitos de interese do panel avaliador.

A decisión que tomou a IARC vai en contra do que estimaron en 2016 os outros 3 programas da OMS/ FAO que avaliaron a posible toxicidade do glifosato. O Programa Internacional sobre Seguridade Química, o Grupo Central de Avaliación e as Normativas para a Calidade da Auga Potable, (todos da OMS, do mesmo xeito que a IARC) ditaminaron que “é improbable que o glifosato presente un risco carcinoxénico para os humanos pola exposición a través da dieta”.

Este ir e vir espertou dúbidas sobre a independencia dos estudos e os intereses duns e outros. Desde entón sucédense novas avaliacións independentes, que supoñen tempo e diñeiro, para tratar de demostrar outra vez a súa seguridade.

A día de hoxe hai máis de 800 estudos e informes de organismos oficiais ademais da EFSA (o último neste mesmo ano) e a OMS/FAO. A Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos (EPA), a Autoridade de Protección Ambiental de Nova Zelandia (EPA), a Axencia Canadense de Regulamentación de Xestión das Pragas (PMRA), a Comisión de Seguridade Alimentaria de Xapón (FSC), a Administración de Desenvolvemento Rural de Corea ( RDA) e o Instituto Federal Alemán de Avaliación de Riscos (BfR). Todos conclúen que é pouco probable que o glifosato sexa carcinoxénico para os humanos. Necesítanse, de verdade, máis estudos?

Manifestación contra Monsanto en Vancouver. Fonte: Rosalee Yagihara/Wikipedia, CC BY.
Manifestación contra Monsanto en Vancouver. Fonte: Rosalee Yagihara/Wikipedia, CC BY.

Hai alternativas ao glifosato?

Tentáronse métodos alternativos. Tras varias probas dos concellos para eliminar o glifosato das nosas cidades, volveron a usalo. É o caso do concello de Sevilla. A realidade é que actualmente ningún outro herbicida é capaz de substituílo, debido á súa efectividade, prezo e escasa toxicidade.

Hai herbicidas extremadamente tóxicos. Para os anfibios, as atracinas. Para o ser humano, o paraquat. Ambos están prohibidos na UE desde hai uns anos, pero seguen sendo dos máis utilizados en Estados Unidos a pesar da abafadora evidencia na súa contra.

Os datos din que deixar de usar o glifosato tería consecuencias socioeconómicas importantes. Só no noso país, perderíanse máis de 2.000 millóns de euros e 5.000 postos de traballo. Na Unión Europea, o seu uso renovouse ata 2022.

Volvamos ao Tribunal Superior de San Francisco. Dado que non se puideron achar probas que puidesen relacionar o uso do glifosato e o linfoma non-Hodgkin de Johnson, o xurado determinou que Monsanto non advertiu na etiquetaxe do produto do risco para a saúde.

O glifosato era potencialmente canceríxeno? Segundo a IARC, si, e por tanto debía indicarse na etiquetaxe.

Puido provocarlle un cancro ao Sr. Johnson? Na categoría 1 da IARC, “carcinóxenos para o ser humano”, atopamos o sol, o tabaco, o alcol e as carnes procesadas. Todos eles demostraron ser canceríxenos. Por esa mesma regra, un enfermo de cancro podería demandar a empresas cárnicas e tabacaleiras.

Como demostrar que o cancro foi consecuencia dun só factor -dese en concreto- e non de varios? Todo isto é demasiado complexo e case imposible de demostrar. Debería o salchichón ibérico incluír unha etiquetaxe advertindo de que é canceríxeno?

Monsanto enfróntase a un proceso xudicial longo se pretende apelar. Non será a última vez: agardan 5.000 demandas semellantes. Con independencia do seu resultado, o glifosato seguirá sendo seguro.

Unha sentenza é unha resolución, ás veces acertada, ás veces non, dun caso concreto nunhas determinadas circunstancias. As sentenzas xudiciais nunca substitúen á evidencia científica. E iso é o que debería prevalecer, sempre.

Rosa Porcel Roldán é investigadora en Biotecnoloxia Vexetal da Universitat Politècnica de València.

* Cláusula de divulgación: Rosa Porcel Roldán non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático