Mobilización na Costa da Morte contra as luces que destruirán esta paisaxe nocturna

“Eu vou todas as noites alí ver as estrelas, porque é unha paisaxe cada vez menos habitual aquí. Naquel anaquiño de paseo apenas hai luz, e é un espectáculo ver o ceo”. Fala Suso Lista, veciño de Corme, percebeiro, artista e divulgador do patrimonio desta vila mariñeira da Costa da Morte. E Suso está indignado, porque o concello de Ponteceso proxecta instalar na zona varias farolas de “seis metros de altura”, segundo Lista, que racharían cun recuncho onde se pode contemplar o ceo no seu esplendor a carón da praia do Osmo.

A Costa da Morte, tal e como subliñaron recentes traballados realizados por investigadores como Dominic Royé, é un dos litorais da península con menor contaminación luminosa, debido á distancia cos grandes núcleos de poboación de Galicia. Non en tanto, as obras destinadas a aumentar en exceso o alumeado público, así como a instalación de parques eólicos na zona, tal e como advirte Lista, poderían comprometer este ‘fito’ para a paisaxe da zona.

Publicidade

“Non é necesario”, engade Suso sobre a instalación destas farolas. “A 10 metros deste camiño hai alumeado suficiente. É difícil, pero hai que intentar explicarlle á xente que tamén temos dereito a que haxa lugares libres de luz, e que é importante que se ilumine ben, sen tapar o ceo”.

A Costa da Morte é a zona litoral da Península con menor contaminación luminosa

A protesta impulsada por Suso Lista acadou un notable impacto a través das redes sociais, onde entidades como a Agrupación Astronómica Ío, da Coruña, e investigadores como Salva Bará, profesor da USC e experto en contaminación luminosa, amosaron a súa disposición de apoiar as medidas necesarias para evitar o impacto na paisaxe de Corme.

Publicidade

Neste sentido, diversas persoas e colectivos subliñaron a declaración institucional en defensa do ceo nocturno aprobada por unanimidade en 2015 polo Parlamento de Galicia, na que se defende o dereito a “un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento”, e avógase polo “control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxe”. Así, a declaración propón promover e exixir “o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así capta unha fotografía astronáutica a iluminación nocturna de Galicia

Este mosaico constitúe a primeira representación en cor da noite europea, elaborado con máis de 7.000 imaxes tomadas dende a Estación Espacial Internacional

Millóns de luces e unha pregunta: que custo ten o Nadal de Vigo na saúde e no ambiente?

A exposición prolongada á iluminación artificial, que na cidade olívica pode estenderse ata dous meses, ten efectos sobre os ritmos circadianos e a biodiversidade nocturna

A inesperada visita dunha balea á Costa da Morte

Unha familia francesa que se atopaba realizando unha actividade de pesca con Fish-Terra atopou o rorcual preto da lancha na que viaxaban

O mar baixo as luces: a contaminación luminosa como inimigo da vida mariña

En certas zonas portuarias, as poboacións de peixes presa diminúen un 25% e a taxa de supervivencia dos xuvenís é un 30% menor