A Costa da Morte é a zona litoral da Península con menor contaminación luminosa

Lista da contaminación luminosa das costas de España. Fonte: Dominic Royé (Datos: VIIRS Night Time Light Composite 2016 - NOAA).

Lista da contaminación luminosa das costas de España. Fonte: Dominic Royé (Datos: VIIRS Night Time Light Composite 2016 – NOAA).

O da contaminación luminosa é un problema que moitas persoas non perciben. Hoxe en día, sobre todo nas zonas urbanas, en constante crecemento, ninguén para a pensar nas poucas estrelas que brilan no ceo. Pola contra, en zonas afastadas da luz artificial, o firmamento brila con luz propia, e loce milleiros de estrelas, constelacións e galaxias.

Publicidade

Na intensidade da contaminación luminosa inflúen varios factores. Sobre todo, a densidade de poboación, pero tamén a actividade industrial e o uso dun determinado tipo de luz, ou a propia contaminación do aire, que pode magnificar ou reducir a cantidade de radiancia que se emite cara o ceo. Así, as zonas litorais, que adoitan estar máis densamente poboadas, emiten unha maior cantidade de luz artificial que as interiores.

As Rías Baixas e as Rías Altas tamén figuran entre as zonas ‘menos contaminadas’ pola luz artificial

Nunha conversa entre amigos, ao xeógrafo Dominic Royé, doutor en Xeografía Física pola USC e actualmente investigador na Universidade do Porto, diéronlle que as Rías Baixas deberían de ser a zona de costa con máis luz artificial. “Algo que non podía ser, botando un ollo rápido aos mapas nocturnos da NASA. Por iso, quería comprobalo”. Royé creou, así, unha lista das costas con maior contaminación luminosa da península Ibérica.

Publicidade

Para elaborar a clasificación, o xeógrafo utilizou o mapa da NASA que representa a radiancia do ano 2016. “Con estes datos, calculei a radiancia media nas costas, considerando un marxe de cinco quilómetros cara o interior como referencia para estimar o valor medio”, explica Royé.

E os resultados, aínda cos debidos matices, amosan unha situación relativamente positiva para Galicia. A Costa da Morte, as Rías Altas e as Rías Baixas, neste orde, son tres das catro zonas litorais da península con menor contaminación luminosa. “As tres costas están entre as que emiten menor luz. Pero hai que subliñar que só se trata nunha liña de 5 km desde a costa. Non discutiría se se debe ampliar esta franxa e considerar como costa unha área maior”, matiza o xeógrafo.

A pesar destes datos positivos no que se refire ás costas, Galicia non é dos mellores lugares para gozar de ceos limpos de luz artificial. Royé tamén elaborou un mapa da radiancia media segundo as rexións administrativas, e Galicia atópase por riba ou no mesmo rango de radiancia que a maioría das rexións da Península e de Europa, como se pode ver aquí:

Mapa da radiancia da contaminación luminosa das rexións de Europa. Fonte: Dominic Royé (Datos: VIIRS Night Time Light Composite 2016).
Mapa da radiancia da contaminación luminosa das rexións de Europa. Fonte: Dominic Royé (Datos: VIIRS Night Time Light Composite 2016).

Con todo, si hai lugares indicados para gozar do ceo no noso territorio. Alén do destino Starlight das Illas Atlánticas, cunha boa calidade pero que non é alleo á influencia da área de Vigo, os mellores sitios para contemplar o ceo son as montañas orientais de Lugo e Ourense, como Pena Trevinca, e algunhas partes das comarcas centrais, como A Ulloa, Arzúa, Melide, Deza ou Chantada.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla