Maquinaria pesada arrasa unha zona de aniñamento das píllaras das dunas nunha praia de Ribeira

Unha escavadora elimina un sistema dunar de interese europeo na praia de Aguiño e destrúe a vexetación da área

O pasado sábado 6 de xuño, en torno ás 11:50 horas, unha escavadora foi vista na praia do Róbalo, en Aguiño (Ribeira) por unha veciña da zona. A muller declara que a maquinaria se atopaba movendo area, co que, en consecuencia, destruíu a vexetación dun sistema dunar de interese europeo, un espazo no que aniña a píllada das dunas, unha especie protexida.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) fíxose eco do acontecido e alude ao Anexo I da Directiva 92/43/CEE de Hábitats, que, entre outros elementos, recolle as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (‘dunas grises’).

Publicidade

Unha denuncia sen resposta

A veciña que presenciou os feitos comunicoulle a este xornal que denunciou a situación ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) esa mesma mañá, mais isto non detivo a actuación da máquina. A muller puido comprobar que, pola tarde, as dunas xa desapareceran. Ao confirmar a evolución dos acontecementos, chamou de novo á Garda Civil, pero a resposta que recibiu foi que a súa denuncia quedaba fóra das competencias do corpo. Así, decidiu comunicar estes sucesos a diferentes asociacións ecoloxistas galegas.

Agora, Adega denuncia estas actuacións: “Cando aínda non se cumpriu un ano do traspaso efectivo de competencias da costa á Xunta de Galicia, esta nova agresión aos hábitats e especies protexidas pon a proba a xestión da Xunta do litoral durante a tempada de verán”, declara a asociación nun comunicado. “Semella, pois, bastante claro cal é o obxectivo da Xunta: converter a costa galega nun decorado para o turismo masivo”, asevera.

Publicidade

Adega reclámalle á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que inspeccione o lugar in situ para verificar o alcance e natureza das afeccións detectadas, así como a súa legalidade. “[Debe comprobar] a existencia das autorizacións ou avaliacións ambientais que resultasen preceptivas habida conta dos valores naturais presentes neste espazo”, sinala. A Asociación solicita a adopción de medidas cautelares que preveñan daños maiores no sistema e tomar as decisións sancionadoras e de restauración precisas, no caso de detectarse unha infracción normativa.

Un ataque á fauna e flora do sistema dunar

A praia está fronte á illa de Sálvora, preto do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, nunha zona na que aniña a píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus), unha especie de ave protexida. Adega sinala que o animal está en plena época reprodutiva, polo que esta destrución do seu hábitat pode ter un impacto na súa viabilidade. Ademais, conta que tamén é posible que nela aniñara, polo menos, unha parella de lavandeiras amarelas (Motacilla flava).

A Asociación indica que tamén a flora do espazo se viu afectado, dado que, como informa Adega, co movemento de area retiráronse as seguintes especies: arenaria do mar ou herba de sal (Honckenya peploides), arxémona ou papoula marítima (Glaucium flavum), abrótano mariño (Artemisia crithmifolia ou Artemisia campestris, na súa subespecie mariña), cardo mariño (Eryngium maritimum), cebola das gaivotas ou azuzena marítima (Pancratium maritimum), e alhelí marítimo (Malcolmia littorea).

Sobre a responsabilidade medioambiental

Luis Pérez Barral, anterior alcalde do concello, asegura que o BNG levará esta situación ao Pleno Municipal e pedirá explicacións ás autoridades. “Puidemos confirmar que o concello solicitou un permiso a Portos, pero queremos saber se había unha resolución favorable no momento das actuacións”, explica, e engade que, aínda que si houbera un informe positivo, deberá valorarse o impacto que isto causou na zona por tratarse dunha área de aniñamento dunha especie en extinción.

3 COMENTÁRIOS

  1. O mesmo fixo o Concello de Baiona con maquinaria da Deputacion na praia da Ladeira (zona ZEC) hai 4 dias. Tamén mandei a protesta a través da páxina Meu Concello e ao 062 e sigo sen resposta algunha.
    Agradeceríalles que nos informasen de quen é responsable da vixiancia e xestión das noas ZEC. Na Ladeira e na foz do Miñor non se lles mira nin unha vez ao ano.

  2. As dunas non son montes de area sen valor: son ecosistemas vivos que protexen a costa e albergan especies ameazadas. Cando a conservación queda subordinada á maquinaria, todos perdemos.
    Destruír en horas un ecosistema que tardou décadas en formarse é a mellor definición de mala xestión ambiental. Se os feitos se confirman, estamos ante un grave fracaso na protección do noso patrimonio natural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Campaneiro, coroceiro e muiñeira: unha exposición retrata profesións galegas tradicionais en desaparición

A mostra foi elaborada por máis de 30 estudantes e poderá visitarse no Museo Etnolóxico de Ribadavia ata abril de 2027

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Un proxecto con participación galega estuda novas formas de radioterapia contra os tumores cerebrais

InnovaRTBRAIN investiga tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos cancros do cerebro máis agresivos e complexos