Así vive a píllara das dunas nas praias entre Galicia e Portugal

O grupo Ecoloxía Azul publica un vídeo con imaxes dos exemplares protexidos nun plan de recuperación que leva a cabo a asociación Anabam

É unha das especies ameazadas no litoral galego, cun equilibrio moi fráxil que precisa protección. A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha pequena ave limícola que tamén se atopa nunha situación vulnerable na zona norte de Portugal. Alí desenvolve un proxecto de conservación a Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam), entre as praias da Foz (Caminha) no esteiro do río Miño, e a praia do Forte do Paçô (en Carreço-Viana do Castelo). É o chamado Projeto Borrelho (nome que recibe en portugués a píllara).

Nestes lugares foron tomadas as imaxes que publica o grupo Ecoloxía Azul, que colabora tamén con este proxecto de Anabam, e que se recollen nun vídeo de máis de seis minutos que acaba de publicar o grupo. Nel pódese observar como se desenvolven nestes entornos varios exemplares de píllara das dunas.

Publicidade

Segundo os datos recollidos por Anabam ata o 20 de maio, no que vai de 2019 atopáronse 24 niños e naceron 9 polos de píllara das dunas. Catro deles xa están anelados para o seu seguimento.

A píllara das dunas no noroeste ibérico

A píllara das dunas, recoñecida como ave do ano 2019 por SEO-BirdLife, ten en Galicia e o norte de Portugal o seu último reduto no norte da península Ibérica, xa que desapareceu no resto de zonas do litoral septentrional, e só se ve xa na costa portuguesa e mediterránea da Península. Estímase que na actualidade quedan pouco máis dun cento de parellas ao longo do litoral galego.

Publicidade

Ante a magnitude do problema, a Xunta de Galicia aprobou en 2014 o plan de conservación da píllara, no que se marcan as liñas mestras para a súa protección. Sinaláronse medidas para levar a cabo en preto de medio cento de praias con posibilidades de albergar niños de píllara. Ademais, establécense limitacións nos accesos, na presenza de animais domésticos ceibos e nas actividades deportivas e de limpeza e no movemento de maquinaria, entre outras. Aínda así, seguen sendo frecuentes os incumprimentos desta norma.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A imparable desaparición da lagosta en Galicia: “Colapsou a comezos dos oitenta”

Un estudo repasa como a sobreexplotación da especie desde finais do século XIX provocou que a súa presenza sexa mínima nas costas

“O eucalipto nunca substituirá a vexetación autóctona”

Un estudo con participación galega nega que os eucaliptais sexan "desertos verdes" pero recoñece o seu impacto na biodiversidade

A anguía, en perigo de extinción? “En Galicia reduciuse máis do 85% dende os oitenta”

Europa valora prohibir a súa comercialización debido á situación de ameaza na que se atopa pero a Xunta oponse á medida

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre