Xoves 25 Abril 2024

Un anaco de cráneo exhumado en Vilaxoán ten a clave da galeguidade de Colón

A antropóloga Inmaculada Alemán levarase para Granada restos óseos atopados na tumba de Xohan Mariño de Soutomaior para realizar a proba de ADN

Un anaco do óso parietal do cráneo de Xohán Mariño de Soutomaior. Esa pode ser a clave para tratar de demostrar a teoría de que Cristóbal Colón era, realmente, galego. Ou, polo menos, para seguir afianzándoa. Logo de varios anos de traballo de documentación e tediosa burocracia, os divugadores da Asociación Cristóbal Colón Galego conseguiron exhumar os restos dun membro da familia Soutomaior o pasado luns na igrexa de San Martiño de Fóra de Sobrán, en Vilagarcía.

Abrir o sepulcro do fundador de Vilaxoán e curmá do suposto Colón non foi doado. Os restos de Xohán Mariño estaban gardados baixo unha tapa de pedra de case dúas toneladas de peso. Foron semanas de preparación para levantar con seguridade a tapa do sarcófago. Pero logo do esforzo, o grupo de arqueólogos e divulgadores achou que a maioría dos ósos de Xohán Mariño estaban nun relativo bo estado de conservación. Especialmente un anaco do cráneo, que segundo explican dende Colón Galego “é codiciado polos arqueólogos xa que é un dos que máis carga xenética ten”. Agora, tócalle á antropóloga Inmaculada Alemán levarse para a Universidade de Granada o restos óseos atopados na tumba de Mariño e así realizar a proba de ADN que compare a xenética coa do almirante.

Publicidade

“Agora é momento de esperar. Sabemos que é un proceso lento e somos cautos. Ningunha das teorías participantes queremos meter présa. Preferimos que as cousas vaian lento, pero vaian ben“, explica Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, sobre os prazos para obter a resposta ás análises xenéticas. “Mentres, aproveitamos estes espazos para divulgar, que é o que máis buscamos dende Colón Galego”, engade. “Sobre todo, non queremos que se volva repetir o que pasou no seu día coa hipótese do Colón xenovés. Non nos interesa que os académicos e historiadores que están con nós despachen a orixe de Colón ás présas”, argumenta Esteban.

Falando de horizontes, dende o proxecto Colón Galego explican que os seus “son amplos”. “Os arquivos están aí aberto para que calquera persoa poda achegarse e investigar o que considere necesario. Nós, a fin de contas, non somos historiadores somos afeccionados e divulgadores curiosos”, segue Eduardo Esteban. “Queremos facilitar o labor que se poda facer de calquera das teorías. Hai moitos arquivos aínda sen abrir. Arquivos familiares de pazos e de casas nobres que van pasando dunhas mans a outras por herencia… Se se mantén unha rede de xente interesada é máis doado que se abran liñas de investigación novas ou sigan en pé as que xa existen”, remata o presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego.

A apertura do sepulcro “milagreiro” de Xohán Mariño

Para chegar ata este punto, dende Colón Galego levan traballando arreo anos. Nas últimas semanas, estiveron adicados á prospección de Poio e máis á preparación da apertura da tapa do sarcófago de 1,8 toneladas de peso do sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior. Ducias de persoas estiveron presentes para ver como, efectivamente, aínda había restos óseos, malia estaren visiblemente manipulados. Esa foi unha das curiosidades que se puideron observar durante a exhumación. Probablemente, isto débese a unha construción posterior na igrexa, na que tiveron que recompoñers as paredes. Os fémures e máis os ósos dos brazos de Mariño de Soutomaior son os restos atopados mellor conservados e o devandito óso craneal.

Segundo pudieron comprobar hai apenas dúas semanas, a tumba de Mariño de Soutomaior foi un histórico lugar de peregrinación entre finais do século XIX e comezos do XX. Este achado ten que ver co asesoramento da doutora en Historia Medieval iglesia de San Martiño de Sobrán, Vilaxoán Alicia Padín Buceta. Padín e o equipo de Eduardo Esteban, coordinador dos traballos e presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, atoparon a proba, maila teren a referencia moito antes. A “proba definitiva” é, segundo explican, un cadro que fixo Carlos Sobrino (coñecido pintor documentalista pontevedrés).

O sepulcro milagreiro | Carlos Sobrino

Nas súas pinturas, Sobrino foi facendo acopio de moitas tradicións galegas. De moitas romerías, de moitos dólmenes, de petroglifos… Entre todos eses cadros asinados polo pintor pontevedrés, pódese observar a unhas penitentes galegas rezando ante o que Sobrino define como “tumba milagreira”.

“Ese lugar tíñase como lugar de culto e peregrinación. Mais perdeuse, igual que outras moitas romarías que hai en Galicia. Ninguén nos falara dela. Foi grazas a mergullarnos nos arquivos e na documentación onde atopamos esa referencia”, explica Esteban. E fai un matiz: “É curioso porque se tiña un pouco oculto, xa que non é un santo ao que se venera. Tratábase dun arcediano, que ten atribucións de bispo, pero sen ser eclesiástico. É moi curioso”. De feito, na tumba, Mariño está soterrado sobre unha tumba con atributos de bispo.

Nese sentido, durante a apertura do sepulcro de Mariño de Soutomaior, puidéronse observar varios buratos que, segundo algúns membros do colectivo, poderían reforzar a hipótese de que este lugar tiña sona de milagreiro. Na historia, é certo que esta práctica tense realizado nos sepulcros de persoeiros que se asocian á divinidade para poder ter acceso físico ao interior da tumba.

Así naceu a teoría galega

A tese galega naceu en 1898 da man do historiador Celso García de la Riega, que tamén dá nome á Asociación Cristobal Colón Galego. O escritor argumentou en Madrid que Colón non podía ser xenovés. Despois, co paso dos anos, fóronse sumando motivos de defensa á orixe galega do almirante. Un dos piares sobre os que se sustenta a tese é, por exemplo, que os topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, asegura Esteban. O presidente da asociación engade que todos estes topónimos son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio. “Van desaparecendo a medida que te vas separando. En América hai 50 topónimos da ría de Pontevedra, 35 da de Vigo, 30 da de Arousa… De todas as costas, pero da que máis hai é da primeira”, argumenta.

Outro dos piares nos que se sustenta a teoría é a lingua que empregaba Colón nos seus escritos. “As cartas gardan poucos segredos. Hai adaptacións, palabras e xiros propios da lingua galega“, recalca o coordinador dos traballos. E insiste, tamén, na parte documental ao enfatizar que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América. Segundo Esteban, isto non o pode probar ningunha outra das teorías existentes. Indica, de feito, que hai constatadas dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Ao parecer, os mareantes foron os que construíron a capela e, polo tanto, é probable que a familia Colón pertencese a este gremio. “Colón usou topónimos de Pontevedra para nomear rías e illotes, pero tamén usou os nomes de catro confrarías da zona. Iso significa que non só coñecía as nosas costas, senón que tiña moita información do día a día”, asegura Esteban, enfatizando as posibilidades de que o almirante fose galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os defensores da orixe galega de Colón investigan a súa relación cos Soutomaior por vía materna

Está previsto que os resultados das análises xenéticas da Universidade de Granada, que só analizan a liña paterna, se fagan públicos en xullo

O presidente de Colón Galego: “Estamos nun momento de expectación e responsabilidade”

Os ósos extraídos das exhumacións de Poio e de Vilaxoán chegan á Universidade de Granada. Eduardo Esteban fai unha repaso dos últimos avances da teoría galega

Os restos óseos galegos vencellados ao ADN de Colón parten cara Granada

Chegarán á facultade de Medicina da Universidade de Granada este xoves para que os reciba a antropóloga física Inmaculada Alemán

Descobren con éxito restos óseos na tumba dun potencial familiar de Colón

A Asociación Colón Galego atopa con éxito os restos de Xohán Mariño de Soutomaior na tumba ubicada na igrexa de San Martiño de Sobrán