Xoves 25 Abril 2024

O exdirector do CERN: “Somos tres partículas en distintas combinacións. Todo é física”

“O desafío actual é comunicar o que se está facendo”, afirma Rolf-Dieter Heuer, director do acelerador de partículas cando o descubrimento do bosón de Higgs

Non hai estudante de ciencias puras que non fantasíe con ver, experimentar ou traballar na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra. O seu exdirector Rolf-Dieter Heuer (Alemaña, 1948 é presumiblemente un dos científicos máis interesantes e polivalentes dos últimos anos e acaba de estampar a súa firma no Libro de Honra da Universidade de Santiago (USC). Doutorado en Heidelberg, é unha figura central da Física de Partículas do século XXI e presidiu a conferencia de prensa na que se anunciou o descubrimento do bosón de Higgs en 2012, “a partícula de Deus”, como a denominou o márketing mediático para explicar o gran misterio que segue a ser a orixe do Universo coñecido.   

Heuer, que liderou o CERN durante seis anos de 2009 a 2015, dedicou boa parte da súa carreira a investigar a colisión entre partículas elementais. Hoxe alterna o seu labor de divulgador coa presenza en cumios chave da xeopolítica internacional como o Foro de Davos para dar voz á comunidade científica e achegar o rigor dos datos ao petit comité de líderes globais. 

Publicidade

Este xoves, Heuer estivo en Santiago no marco da V Semana da Ciencia do IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), por onde xa desfilaron o pai da teoría de cordas, Gabriele Veneziano, ou Lyn Evans, que lidera o  colisionador de Hadrones (LHC). Este xoves ofrece unha conferencia de divulgación no auditorio de Abanca sobre ‘A exploración do Universo temperán no CERN’. Pero antes, didáctico, preciso  e cun humor fino e xermánico, recibe a GCiencia no Hostal dos Reis Católicos do Obradoiro cunha máxima: a ciencia é compartir e cooperar para o progreso colectivo. 

—Dirixiu o CERN de 2009 a 2015. Cal foi o maior desafío entón e cal hoxe? 

—O primeiro desafío entón e hoxe é obter financiamento. O segundo, foi reparar o LHC (o gran colisionador de hadróns ou Large Hadron Collider) que entón estaba avariado e o terceiro é coordinar grandes equipas de traballo internacional. O desafío actual tamén pasa por comunicar correctamente o que estamos a facer. 

—Hai que lidiar tamén cos egos na ciencia? 

—Claro, como en calquera disciplina. Onde non? Hai que motivar para compartir. Na base, nos xenes da ciencia e da investigación está cooperar e compartir. No illamento, pérdese. Perdemos todos. 

—Hai un compromiso real e tanxible dos gobernos coa ciencia máis aló dos premios e dos enunciados?

—Eso depende. Depende moito do Goberno, do Estado e do momento. Os Premios Nobel están ben pero non o son todo. Moitos gobernos téñense decatado do que a ciencia supón e do que a ciencia implica. Da necesidade de empurrar e impulsar tanto a ciencia básica como a ciencia aplicada, que están interconectadas e se retroalimentan. Faime gracia como moitos mozos sosteñen nas súas mans os teléfonos móbiles mentres proclaman que non lles interesa a física, sen decatarse de que o que teñen nas súas mans… é física! A física é todo e está en todas partes. 

“A diferencia dos políticos, os científicos non temos axenda oculta. Eles traballan en ciclos electorais curtos e, a miúdo, teñen pouco interese e outros obxectivos”

—Vostede ten participado no Foro de Davos para darlle voz a comunidade científica. Escóitaselles? 

—Durante a miña etapa a fronte do CERN estiven preto da política e mesmos acadamos ser observadores na Asamblea das Nacións Unidas en Nova York. A diferencia dos políticos, os científicos non temos axenda oculta.  Os políticos traballan en ciclos electorais curtos e, moi a miúdo, teñen pouco tempo, pouco interese e outros obxectivos. 

—O CERN é o Centro Europeo para a Investigación Nuclear. Tiveron presións da industria armamentísica?

—Non. Os seus fines están claramente regulados. Outros organismos internacionais como SESAME en Oriente Medio,  acrónimo de Synchrotron-light for Experimental Science and Applications in the Middle East, ou o Observatorio Europeo Austral (ESO) e o EMBL (European Molecular Biology Laboratory) empregan o modelo do CERN. 

Bosón de Higgs

—Hai dez anos dun dos descobrimentos máis radicais da Física de partículas: o bosón de Higgs, un 4 de xullo do 2012. Longamente buscado. É alquimia ou foi como procurar o Vellocino de Ouro?

— (Ri) Pois depende de como o enfoquemos. Foi complicado pero aí está. 

—O premio Nobel de Física, Leon Lederman, falaba da ‘Partícula de Deus (The God Particle)’, para explicar que é a que lle da a masa as demais, pero sei que a comunidade científica non lle gusta moito esa denominación. 

—Está ben se sabes cal é a súa orixe e que ven dun xogo de palabras en inglés derivado de  ‘The Goddamn Particle’ (A Maldita partícula),  polo moito que custou atopala. 

“O especialmente interesante son as combinacións das partículas para formar moléculas, o ADN e o cerebro, que é o que nos fai diferentes”

—Se o universo é a resposta, cal é a pregunta? Sabemos máis hoxe que hai dez anos ou sabemos que hai moito máis por saber?

—Atopamos unha resposta que abre novas preguntas. Esa partícula está illada? Ten familia? Introdúcense novas ideas como a antimateria que hoxe ten aplicacións na Medicina como o PET/TC (Tomografía por Emisión de Positróns), que ate despois de 40 anos de ter sido descuberta nin se concibía. 

—A humanidade, todo o que coñecemos. Somos partículas? 

—Dende moi cativo tiven esa inquedanza. Ti, eu, todos temos tres partículas en diferentes combinacións para conformar os nosos corpos e esta mesa; todo é física. Eu non diría que somos partículas. Estamos feitos delas. Tres que están presentes na orixe de todo na historia do propio universo. O especialmente interesante son as súas combinacións para formar moléculas, o ADN e o cerebro, que é o que nos fai diferentes. 

—O modelo estándar é para a física o que a táboa periódica é para a química. Qué acontece se está errado? Teríamos que resetear e reconstruír o coñecemento? 

— (Sorrí) Non está mal. Nas enerxías e velocidades que podemos estudar, o modelo é correcto. (Isaac) Newton non estaba errado e a súa teoría foi e é correcta para velocidades pequenas (comparadas coa da luz) e forma parte do mesmo modelo. 

—Cómo anda de saúde a ciencia europea? 

R—Esa é unha cuestión aberta. Diría que nunha boa posición pero é un esforzo colaborativo. Sen os colegas de Estados Unidos e Xapón (por exemplo, entre outros), o LHC ou o bosón de Higgs non tería éxito.  Temos que falar da necesidade de facer ciencia xuntos porque é a base das nosas vidas. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos detectan dunha colisión entre dous obxectos a 650 millóns de anos luz

A observación das ondas gravitacionais destes elementos cósmicos fai sospeitar que o máis lixeiro é unha estrela de neutróns e o máis pesado un burato negro

A USC contribúe nunha nova técnica para estudar reaccións nucleares en explosións estelares

O investigador Yassid Ayyad desenvolveu parte da análise neste traballo internacional que se publica na revista ‘Physical Review Letters’

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

O Shazam das ondas gravitacionais ten acento galego

Un traballo liderado por Juan Calderón "dálle a volta á tortilla" aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos