Xoves 25 Abril 2024

Atopan restos óseos na necrópole de Poio onde buscan a orixe galega de Cristóbal Colón

Os arquéologos cren que os ósos poden ter máis de 200 ou 300 anos segundo as pezas de cerámica que apareceron na exhumación

Un equipo de arqueólogos galegos acaba de atopar restos óseos no adro da igrexa de San Salvador de Poio. A necrópole é un dos puntos clave dunha investigación que pretende resolver unha das grandes incógnitas da historia: cal é a orixe de Cristóbal Colón. O proxecto, capitaneado pola Universidade de Granada, busca corroborar as hipóteses que se foron tecendo arredor da descoñecida procedencia do almirante. Entre elas, a que defende a súa ascendencia galega. A exhumación de Poio é o primeiro paso dos investigadores, que continuarán co levantamento dun sepulcro en Vilaxoán. Os restos atopados serán sometidos a análises xenéticas e cotexos cos propios ósos de Colón e dos seus familiares, co obxectivo de dilucidar se a súa orixe é verdadeiramente galega.

“É difícil datar os restos. Os arqueólogos só poden facer unha estimación e pensan que poden ter máis de 200 ou 300 anos. Esta tese apóiana na gran cantidade de pezas de cerámica que están aparecendo na exhumación”, explica Eduardo Esteban, coordinador dos traballos e presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, o principal bastión da tese galega. Malia o rápido que apareceron os primeiros restos, o equipo tamén advirte dos inconvenientes. O terreo está moi removido porque, ao parecer, o cemiterio trasladouse nos anos 70 e o adro tamén experimentou unha ampliación. “Está aparecendo cerámica moi antiga onde non corresponde”, matiza Esteban.

Publicidade

A vindeira semana comezará o levantamento do sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior que, segundo a teoría galega, é un suposto parente do almirante

Está previsto que a exhumación en San Salvador de Poio remate este xoves pola noite pero non descartan retomar os traballos a vindeira semana. “Estamos nunha cota de 0,8 e gustaríanos chegar, polo menos, a 1”, explica Esteban, dando conta da marxe que aínda ten o equipo para continuar a investigación. Outro dos alicientes sería a visita dos expertos da Universidade de Granada implicados no proxecto, que viaxarán a Galicia a comezos da próxima semana. Acudirá o director científico da iniciativa e catedrático de Medicina Legal, José Antonio Lorente, así como a antropóloga física Inmaculada Alemán. Está previsto que os dous fagan unha valoración dos traballos.

O motivo da súa visita deberase, fundamentalmente, ao inicio da segunda exhumación que contempla o proxecto: a apertura do sepulcro de Xohán Mariño de Soutomaior. A tese galega defende que puido ser un parente próximo de Colón. “Tivemos que retrasar o seu comezo porque alguén cementou a sepultura. Hai que retirar todo ese cemento con seguridade e garantía”, apunta Esteban. Malia este inconveniente, o equipo ten depositadas grandes esperanzas nesta exhumación. As primeiras valoracións indican que se trata dun sepulcro cunha argamasa moi antiga, polo que é probable que nunca se levantara. É dicir, que permanecera intacta ao longo dos últimos séculos. “É unha boa noticia pero debemos esperar. Non sabemos se hai ósos. Hai unha importante vía de auga xusto enriba do sepulcro. Se non entrou, os restos poderían estar en perfecto estado”, continúa indicando Esteban.

Un proxecto de case 20 anos

Hai 19 anos, Lorente e o seu equipo propuxéronse resolver o misterio da orixe de Colón. Para iso, en 2003 extraéronse restos óseos do almirante, enterrado na Catedral de Sevilla, e tamén do seu fillo Hernando e do seu irmán Diego. Dende aquel momento, hai case dúas décadas, os restos quedaron ao resgardo nunha sala blindada da universidade, á espera de novos avances nas técnicas de análise xenética. Case 20 anos despois, en 2021, a cámara volveuse abrir cun claro obxectivo: corroborar as diferentes teorías sobre a orixe de Colón. Non só a galega, tamén a portuguesa e a navarra, entre moitas outras. Lorente subliña, nun artigo publicado en The Conversation, que o obxectivo non é “baixo ningún concepto nin de ningunha maneira, demostrar que non era italiano porque era español ou portugués”. “A nosa máxima aspiración é a de xerar datos científicos, xenéticos, que axuden tanto a confirmar a hipótese verdadeira como a descartar as que –lamentablemente– non o sexan”, engade.

O nacemento da teoría galega

A tese galega naceu en 1898 da man do historiador Celso García de la Riega, que tamén dá nome á asociación. O escritor argumentou en Madrid que Colón non podía ser xenovés. Despois, co paso dos anos, fóronse sumando motivos de defensa á orixe galega do almirante. Un dos piares sobre os que se sustenta a tese é, por exemplo, que os topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, asegura Esteban. O presidente da asociación engade que todos estes topónimos son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio. “Van desaparecendo a medida que te vas separando. En América hai 50 topónimos da ría de Pontevedra, 35 da de Vigo, 30 da de Arousa… De todas as costas, pero da que máis hai é da primeira”, argumenta.

Outro dos piares nos que se sustenta a teoría é a lingua que empregaba Colón nos seus escritos. “As cartas gardan poucos segredos. Hai adaptacións, palabras e xiros propios da lingua galega“, recalca o coordinador dos traballos. E insiste, tamén, na parte documental ao enfatizar que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América. Segundo Esteban, isto non o pode probar ningunha outra das teorías existentes. Indica, de feito, que hai constatadas dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Ao parecer, os mareantes foron os que construíron a capela e, polo tanto, é probable que a familia Colón pertencese a este gremio. “Colón usou topónimos de Pontevedra para nomear rías e illotes, pero tamén usou os nomes de catro confrarías da zona. Iso significa que non só coñecía as nosas costas, senón que tiña moita información do día a día”, asegura Esteban, enfatizando as posibilidades de que o almirante fose galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os defensores da orixe galega de Colón investigan a súa relación cos Soutomaior por vía materna

Está previsto que os resultados das análises xenéticas da Universidade de Granada, que só analizan a liña paterna, se fagan públicos en xullo

Anunciación Casado, a ‘Pasionaria de Viana’: comezan os traballos de exhumación

As accións enmárcanse no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023 liderado por un equipo interdisciplinario da USC

O presidente de Colón Galego: “Estamos nun momento de expectación e responsabilidade”

Os ósos extraídos das exhumacións de Poio e de Vilaxoán chegan á Universidade de Granada. Eduardo Esteban fai unha repaso dos últimos avances da teoría galega

Os restos óseos galegos vencellados ao ADN de Colón parten cara Granada

Chegarán á facultade de Medicina da Universidade de Granada este xoves para que os reciba a antropóloga física Inmaculada Alemán