Un novo tratamento podería reparar o epitelio danado da retina na dexeneración macular

Anna Abbadessa acometerá no CiMUS unha inxección para paliar esta patoloxía, principal causa de cegueira nos países desenvolvidos

A investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS), Anna Abbadessa, acaba de ser distinguida cunha bolsa do programa de posdoutoramento Junior Leader da Fundación La Caixa. Abbadessa desenvolverá ao abeiro desta convocatoria, unha solución nova que posibilite cunha soa inxección rexenerar o epitelio danado da retina en casos de Dexeneración Macular Asociada á Idade (DMAE), unha enfermidade ocular con alto impacto social e económico. O proxecto desenvolverase ao longo dos vindeiros tres anos.

“A miña liña de investigación céntrase no desenvolvemento de novos biomateriais para a liberación controlada de fármacos e aplicacións de enxeñaría tisular dirixidas a enfermidades crónicas e dexenerativas, entre elas a DMAE”, explica a investigadora. “Atráeme especialmente o deseño químico e racional de sistemas de micro/nanopartículas e hidroxeles para a encapsulación de fármacos e células a través de tecnoloxías de vangarda, como é o caso da bioimpresión 3D e microfluídica, para terapias personalizadas”, engade.

Publicidade

A dexeneración tisular, diana da investigación 

A DMAE é a principal causa de cegueira nos países desenvolvidos. Dada a súa prevalencia mundial (8,7%) e o continuo aumento do envellecemento poboacional, prevese que 288 millóns de persoas cheguen a verse afectadas por esta enfermidade nos países occidentais en 2040, coa súa consecuente carga socioeconómica.

“Actualmente, a DMAE trátase con inxeccións intravítreas mensuais de fármacos. Lamentablemente, esta práctica repetitiva e invasiva non está ben tolerada por parte do paciente; implica un custo sanitario elevado e non é unha solución definitiva xa que non se dirixe á dexeneración tisular intrínseca da enfermidade”, lembra Abbadessa.

Publicidade

O proxecto galardoado diríxese ao deseño dun sistema novo que cunha soa inxección rexenerará o epitelio danado da retina. O proxecto contará cunha experimentación in vitro e in vivo para facilitar a translación do sistema desenvolvido á práctica clínica. Ademais, contará con colaboradores españois e estranxeiros expertos en oftalmoloxía preclínica e clínica como o grupo de Ocular Delivery de Ghent University (Bélxica) e o Instituto Oftalmolóxico Fernández-Vega (Oviedo, España).

Impacto do proxecto

A translación clínica do devandito sistema permitirá superar os retos da práctica clínica actual baseada en inxeccións invasivas frecuentes para establecer así unha cura definitiva para esta enfermidade. “É o noso principal obxectivo. Isto redundará na mellora da calidade de vida de millóns de persoas e nun alivio sen precedentes para o sistema socioeconómico”, conclúe. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos