Esta é a bacteria que mantén en alerta os pediatras e causou varias mortes en España

Os expertos denuncian falta de datos oficiais e cren que a falta de exposición a patóxenos pola pandemia provoca o aumento de infeccións por estreptococo A

Bacteria de estreptococo A. Foto: NIH Image Gallery

O Streptococcus pyogenes, tamén denominado estreptococo A, non é un patóxeno descoñecido. Todo o contrario: está ben controlado pola comunidade pediátrica. A comezos de decembro, a Axencia de Seguridade Sanitaria de Reino Unido lanzou unha alerta polo “aumento inusual” de infeccións causadas por esta bacteria, sobre todo no último mes. Malia que adoita provocar unha doenza leve, tamén pode derivar en cadros graves como a escarlatina e a enfermidade invasiva. Segundo os últimos datos, o estreptococo A provocou máis dunha ducia de mortes en nenos británicos menores de 15 anos.

A situación en España non é fácil de coñecer porque non é unha enfermidade de declaración obrigatoria. A Sociedade Española de Infectoloxía Pediática (SEIP) recoñece o falecemento dalgúns nenos, sen dar datos concretos, e un “número inusualmente elevado de casos graves”. Dende o organismo informan que, cos datos dispoñibles, é probable que España estea a sufrir un aumento da incidencia de infeccións causadas por estreptococo A. Malia a falta de información oficial, a SEIP asegura que xa se están analizando casos producidos nas últimas semanas e meses co obxectivo de controlar a situación e descubrir se realmente é un aumento alarmante. O Science Media Centre España asegura que se produciron dúas mortes na Comunidade de Madrid.

Unha poboación máis susceptible

A comunidade pediátrica está en alerta pero tamén insta á calma. Os expertos aseguran que aínda é pronto para sacar conclusións precipitadas e piden máis datos para facer unha valoración específica da situación. Unha das hipóteses que poderían explicar o aumento de casos é a falta de exposición dos nenos ao Streptococcus pyogenes nos últimos dous anos, debido á pandemia: tanto polas restricións e os illamentos obrigatorios como pola competencia viral e a falta de circulación de certos patóxenos. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), Federico Martinón-Torres, mantense prudente. “En España, de momento, non temos datos oficiais. Aínda que se notificaron casos de falecementos, poderían estar dentro dos números normais”, asegura en declaracións recollidas polo Science Media Centre España.

“En España non temos datos oficiais. Notificáronse falecementos pero poderían estar dentro dos números normais”

FEDERICO MARTINÓN-TORRES, xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago

En relación á situación do Reino Unido, Martinón-Torres explica que o máis rechamante é o incremento de casos respecto ás medianas de anos anteriores. É posible, pero incerto, —segundo expresa o pediatra galego— que algo semellante aconteza en España. “O que si é un dato obxectivo e claro é que se incrementaron significativamente o número de infeccións respiratorias nos nenos e estamos observando números significativos de asistencia primaria a urxencias e de hospitalizacións por infeccións respiratorias virais en xeral e por virus respiratorio sincitial en particular”, expón o experto. Os motivos deste pico, insiste, poden estar na menor circulación previa destes patóxenos debida á crise sanitaria e, por tanto, a unha maior susceptibilidade da poboación, que non estivo exposta previamente a estes virus. Todo isto é un caldo de cultivo favorable ás complicacións relacionadas con estas infeccións. “Unha delas é a sobreinfección bacteriana, e unha das bacteriais máis habituais e a pyogenes“, indica.

Atención aos síntomas

O investigador Jesús Saavedra, coordinador do proxecto PedGAS-net —unha rede nacional de estudo das infeccións invasivas por pyogenes— súmase ás prudentes palabras de Martinón-Torres. En declaracións recollidas no Science Media Centre España lamenta que a enfermidade invasiva provocada por este patóxeno non sexa de declaración obrigatoria, o que dificulta determinar con exactitude se se está a producir un aumento da súa incidencia. “A sensación na actualidade é de que existe un aumento relativamente importante, tanto da incidencia como da gravidade”, apunta. Con todo, matiza que se precisan máis datos e asegura que o estudo PedGAS-net está traballando xustamento niso. Espérase que nas próximas semanas haxa datos máis concluíntes ao respecto, así como unha identificación precisa das cepas e serotipos circulantes.

“Os pais non deberían sentir alarma porque as infeccións graves son moi raras”

JESÚS SAAVEDRA, coordinador de PedGAS-net

No que coinciden os dous profesionais é, ante todo, en non alarmar á poboación. Este tipo de alertas, segundo di Martinón-Torres, están dirixidas ás autoridades e aos profesionais sanitarios para que estean máis atentos e fagan un seguimento máis minucioso das doenzas ocasionadas por este patóxeno. “De cara a nais e pais, o primeiro é non sentir ningún tipo de alarma, dado que as infeccións graves son moi raras. A min gústame apelar o sentido común e valorar a cada neno, vixiando os signos de alarma”, engade Saavedra. Entre os síntomas que poden espertar a preocupación están a somnolencia importante, a dificultade respiratoria mantida, os vómitos que non ceden ou a febre que dura máis de tres ou catro días, sobre todo se é elevada ou difícil de descender. Así mesmo, as erupcións na pel, sobre todo se son extensas e moi vermellas.

“O mellor que pode facer a poboación é vacinarse de todas as vacinas recomendadas, especificamente de gripe, porque son patóxenos que se aproveitan doutras infeccións para danarnos”, engade Martinón-Torres. Polo tanto, se nos protexemos contra determinados virus, tamén se diminúen as posibilidades de contraer este tipo de bacterias. “Quero transmitir tranquilidade: os pediatras están perfectamente capacitados para recoñecelo e tratalo e a día de hoxe, coa información que temos, non é necesario tomar ningunha medida específica”, insiste o experto. E volve reiterar que os pronunciamentos feitos ata o de agora van dirixidos aos profesionais sanitarios. A poboación xeral, de momento, non debe preocuparse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.