Todo o mundo sabe o que se sente cando che fan cóxegas, pero ata o de agora non se comprendía por que algunhas partes do corpo eran máis sensibles que outras. Un novo estudo revela que dita sensibilidade segue un patrón similar en todas as culturas e que está determinada por algo máis que a susceptibilidade ao tacto.
Para sabelo, os expertos do traballo, publicado en Nature Human Behaviour, estudaron 448 adultos novos de entre 18 e 30 anos procedentes de contornas culturais chinesas, neerlandesas e gregas. Os participantes falaron sobre as súas experiencias coas cóxegas e sinalaron as partes do seu corpo onde eran máis vulnerables. Tamén indicaron o grao de sensibilidade ao tacto, dor e pracer, o que permitiu aos expertos investigar se estas sensacións presentaban un patrón corporal propio e distintivo.
Similitudes sorprendentes
Os resultados amosaron semellanzas entre os tres grupos e case todos os participantes sentiron cóxegas polo menos unha vez. As rexións do corpo que se identificaron como máis ‘vulnerables’ foron o pescozo, as axilas, o abdome e as plantas dos pés con independencia da cultura e personalidade de cada individuo. Ademais, cando as cóxegas as realizaba unha parella íntima, o patrón era similar, pero tamén incluía a íngua e a parte interna das coxas.
“Non só nos sorprendeu que esas zonas fosen sensibles ás cóxegas, senón a forza coa que este patrón corporal se xeneralizaba entre as distintas culturas e suxeitos” explica a líder do estudo e investigadora da Universidade de Radboud, Konstantina Kilteni. “Isto suxire que podería existir algo así como un ‘mapa’ das cóxegas”, puntualiza.
Patrón corporal único
Os expertos compararon estes patróns cos da sensibilidade táctil, a dor, pracer e outras sensacións corporais; e revelaron que, a pesar de que houbo certo solapamento, as cóxegas posúen un percorrido corporal diferente que se pode distinguir doutras experiencias sensoriais.
Así mesmo, sinalaron que estes resultados lles axudaron a poñer a proba varias hipóteses pasadas, o que lles axudou a sinalar que a sensibilidade ás cóxegas xorde dunha combinación de factores sensoriais fisiolóxicos e sociais.
Un trazo evolutivo?
Estas semellanzas non se limitan só a fronteiras culturais, xa que algúns dos patróns en humanos tamén se observan en grandes simios. Os primates utilizan as súas mans (ou a boca) para facer cóxegas en moitas das zonas parecidas ás dos humanos, á vez que as súas ‘vítimas’ responden con sons parecidos á risa.
Os expertos cren que ten algunha función social porque tenden a producirse entre individuos con vínculos fortes. Nos bonobos, por exemplo, as parellas con unións sólidas, como as nais e os seus nenos, fanse cóxegas entre si con máis frecuencia que as parellas con vínculos débiles. Estes paralelismos expoñen a posibilidade de que a sensibilidade ás cóxegas non sexa simplemente algo exclusivo dos seres humanos.
Referencia: A capacidade humana de sentir cóxegas é unha experiencia sensorial xeneralizada, culturalmente compartida e organizada polo corpo, publicado en Nature Human Begaviour.














