Un equipo galego secuencia por primeira vez os cancros transmisibles dos berberechos

O estudo achega datos clave sobre a súa evolución: dende o tecido de orixe ata mutacións similares ás dos tumores en humanos

Os cancros contaxiosos descubríronse recentemente grazas aos avances no campo da xenética que nos permiten determinar en que individuo se orixinou unha célula tumoral. Actualmente só se coñecen cancros contaxiosos en cans, demos de Tasmania e varias especies mariñas. Agora, e por primeira vez, un equipo galego secuenciou os cancros transmisibles nos berberechos que poden propagarse a través da auga, descubrindo novos coñecementos sobre como estes cancros se estenderon entre as poboacións animais durante centos e posiblemente miles de anos.

O estudo, realizado por investigadores do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela e colaboradores de varios países, descubriu que os tumores de berberecho son altamente inestables a nivel xenético. O traballo, que achou que estes cancros teñen un xenoma moi desestruturado, permitiulles describir o tecido en que se orixinaron estes cancros contaxiosos e algúns mecanismos que usan as células tumorais para evitar a súa extinción.

Publicidade

Os cancros do berberecho teñen un xenoma moi desestruturado

A importancia deste estudo levou á revista Nature Cancer, na que ata a data unicamente tiñan cabida estudos en humanos ou, como moito, en organismos modelo, a publicar por primeira vez un traballo realizado nunha especie invertebrada que non representa un modelo típico como é o berberecho. A investigación comparte páxinas nesta revista con outro traballo de similares características, pero realizado noutra especie, a ameixa norteamericana.

O equipo dirixido por Jose Tubío tamén creou o primeiro xenoma de referencia de alta calidade do berberecho que permitirá realizar futuros estudos sobre outras cuestións xenéticas da especie.

Publicidade

Cancros que poden sobrevivir a altos niveis de inestabilidade cromosómica

Os berberechos pertencen a un dos grupos de animais máis antigos da Terra, os moluscos bivalvos, que habitaron a Terra durante máis de 500 millóns de anos e apareceron por primeira vez uns 300 millóns de anos antes que os dinosauros. Estes animais poden contraer cancros transmisibles que se propagan mediante células cancerosas vivas, que pasan dun berberecho a outro a través da auga de mar. Os cancros non poden transmitirse aos humanos e só se propagan entre berberechos susceptibles.

Este estudo centrouse no berberecho común (Cerastoderma edule) e os investigadores recolleron ao redor de 7.000 berberechos en 36 localizacións de 11 países de toda a costa europea e norte de África, desde Marrocos ata Rusia, na procura destes tumores, achando animais infectados en España, Portugal, Francia, Inglaterra e Irlanda. Curiosamente, os investigadores tamén identificaron varios berberechos que inesperadamente foran coinfectados por células de dous tipos de cancro ao mesmo tempo.

Analizáronse 7.000 berberechos en 36 localizacións de 11 países de toda a costa europea e norte de África

O achado máis inesperado foi atopar que estes tumores de berberecho teñen un xenoma moi desestruturado. As células cancerosas dentro dun só tumor conteñen números moi diferentes de cromosomas, algo que non se observa noutros cancros contaxiosos. Algunhas células contiñan tan só 11 cromosomas e outras ata 354 mentres que o número de cromosomas nas células sas dun berberecho normal é sempre 38. Isto é sorprendente, xa que as células cancerosas humanas non poden sobrevivir a altos niveis de inestabilidade cromosómica, aínda que os niveis moderados a miúdo fan que os tumores teñan máis probabilidades de propagarse a outros órganos e volverse resistentes ao tratamento. Os investigadores seguirán estudando a xenómica destes cancros para entender como as células de cancro contaxioso de berberecho sobreviven para os efectos da inestabilidade xenómica para comprender isto en todas as formas de cancro, incluído o humano. Tamén observaron unha firma mutacional descrita en tumores cerebrais e mieloides humanos.

Tumores moi antigos

A análise xenética da evolución dos tumores tamén permitiu aos investigadores atopar estratexias que usa o cancro para evitar a súa extinción, por exemplo, a evidencia de que as células cancerosas roubaron mitocondrias (os pequenos orgánulos que xeran a enerxía da célula) dos seus berberechos hóspede polo menos sete veces no pasado.

En canto á orixe, os investigadores descubriron que os dous cancros contaxiosos en berberecho son leucemias, é dicir, orixináronse no tecido da hemolinfa (o “sangue” dos berberechos). Isto suxire que o cancro se aproveita da oportunidade que ofrece a hemolinfa para expandirse por todo o corpo. Aínda que é difícil estimar con precisión a idade dos cancros de berberecho, os achados deste estudo suxiren que estes cancros probablemente xurdiron hai séculos ou mesmo milenios.

É probable que estes cancros xurdiran hai séculos ou mesmo milenios

En conclusión, crese que estes cancros contaxiosos se orixinaron na hemolinfa, propagáronse lentamente a través das poboacións europeas de berberechos acumulando mutacións diversas e capturando ocasionalmente mitocondrias das células hóspede como substitución das súas propias cando se danan.

Estes resultados foron xerados no marco do proxecto europeo Scuba Cancers (www.scubacancers.org) que foi financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con 1,5 millóns de euros para investigar as causas xenéticas que fan que unha célula de cancro se contaxie dun individuo a outro.


Referencia: Somatic evolution of marine transmissible leukaemias in the common cockle, Cerastoderma edule (Publicado en Nature Cancer)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego investiga as algas mariñas como alternativa aos antibióticos en coellos

A investigación de Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC avalía con resultados prometedores o uso destes organismos na mellora da saúde intestinal dos mamíferos

Este cranio de quen é? Como identificar restos humanos con imaxes de antes e despois da morte

Un investigador do CITIC desenvolve un sistema que axudará a mellorar a metodoloxía da superposición craniofacial

Todo caduca: o investigador que recrea obras de arte para estudar como envellecen

Un experto en ciencia de materiais colabora co CGAC para avaliar a calidade e durabilidade dos materiais que se empregan no patrimonio artístico do centro galego

Unha tese da USC propón o uso de bagazo de Albariño para o penso e microalgas para facer filloas

O investigador Aly Jesús Castillo estuda o emprego de novos alimentos ou materias primas para dar resposta ás actuais demandas do sector agroalimentario