Récord histórico de calor en 43 municipios galegos

O 25% de todas as estacións meteorolóxicas de Galicia superaron os rexistros anteriores de temperaturas máximas

Outubro comeza con récord histórico de calor en toda España. En Galicia superáronse as marcas nun total de 43 municipios galegos, os cales conforman o 25% de todas as estacións meteorolóxicas da comunidade. Dende MeteoGalicia apuntan que, sen dúbida, non lembran un episodio similar. Nunca aconteceu algo parecido como mínimo nos últimos 20 anos no que levan operativas estas estacións meteorolóxicas. O 1 de outubro foi o día máis caloroso desta fin de semana de plena estabilidade atmosférica, e, por ende, a xornada na que se superaron as temperaturas máximas. Aínda que se agarda moito sol nos próximos días, non se prevén novos récords de calor para outubro. De momento, e climatoloxicamente falando, esta situación vale para afirmar que en Galicia o verán está sendo máis longo do normal.

A masa de aire cálido que afectou a Galicia esta pasada fin de semana deixou os termómetros por riba dos trinta graos nunha boa parte de Galicia. As provincias que máis traspasaron as marcas foron Lugo e Ourense. Na estación lucense da Pontenova rexistráronse 32,01 graos; na de Bóveda chegouse aos 33,45, aumentando unhas décimas con respecto ao máximo anterior; en Portomarín, San Fiz (Chantada), o máximo superouse en máis dun grao; e en Sober (Xabrega), máis de dous, chegando os ata 34,41 graos. Segundo datos de MeteoGalicia, en Ourense acadan tamén récord de temperatura Abradelo (Samos), o Campus de Lugo, Castro de Rei e Castro R. de Lea, Conchada, Cospeito, Courel, Feiranova-Santaballa (Vilalba), Monforte, Morelle (Sarria), O Xipro (Fonsagrada), Olveda (Antas de Ulla), Pol, Portomarín, Riotorto, Sambreixo e San Clodio.

Publicidade

Na cidade de Ourense chegouse a 35 graos e estacións como a da Portela rexistraron 34,99, nas Petarelas (Rubiá) 34,06 e 34,57 en Prado (Castrelo de Miño). Baten tamén récord de temperatura Amiudal (Avión), Gandarela (Celanova), Larouco, Lobios, Monte Medo en Baños de Molgas, Pazo de Fontefiz (Coles), Ponte Boga (Castro Caldelas). 

Lugo é a provincia que máis récords de temperatura suma

Na Coruña seis concellos marcaron máximas nunca rexistradas anteriormente. Foron as estacións da Capela (32,85), Arzúa (32), Boimorto (33,38), Melide (33,28), Montaos en Ordes (31,9), Olas en Mesía (31,49) e Ordes (31,56). E tamén, outras sete estacións de Pontevedra recolleron unhas cifras moi altas o 1 de outubro: Atios, no Porriño (31,69); Camanzo, en Vila de Cruces (31,69); Gargamala, en Mondariz (31,21); Lalín (31,12); Mouriscade, en Lalín (31,23); Meder, en Salvaterra de Miño (32,9) e Pazos de Borbé (30,61). 

Publicidade

Un setembro moi cálido

A poucos días de facerse público o informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia de setembro, o organismo adianta a GCiencia que foi un mes “moi cálido”, cunha anomalía da temperatura máxima de 1,3 graos por riba da media. Non é a máis alta, xa que en 2018 se bateron todos os récords cunha anomalía de temperatura de 2,7 graos. “Entre hoxe e onte a situación cambiou drasticamente”, explican dende MeteoGalicia. Mentres que o 1 de outubro se rexistraban cifras históricas en canto a temperatura, o día 2 está marcado pola probabilidade de precipitacións no terzo norte de Galicia, unha situación que pode estenderse ata o martes. Con todo, a estabilidade atmosférica continuará pola senda da pasada fin de semana e a partir do mércores os ceos volverán a estar despexados. 

Como mínimo, os primeiros dez días de outubro semellarán a días de verán. Non se agardan máis precipitacións. “Será un comezo seco e cálido”, apunta MeteoGalicia sobre outubro. É moi cedo aínda para supor que este mes tamén se considerará “moi cálido” xa que o tempo está moi cambiante, pero a anomalía do pasado setembro (que é 0,7 graos máis alta que a de 2022) dá que pensar. “En canto aos días de calor, si que podemos falar dun verán máis longo”, explican dende MeteoGalicia. O organismo apunta que foi froito da “casualidade” que estas temperaturas se desen en outubro, xa que podería ter acontecido o último día de setembro. Ademais, polo momento, non se esperan novas marcas nos termómetros. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos