Martes 20 Febreiro 2024

Setembro podería converterse no mes máis cálido a nivel global

Galicia comeza o outono cunha pronunciada subida das temperaturas, acadando os 30 graos nun adiantado 'Verán de San Miguel'

O verán de 2023 foi, xunto ao de 2022 e 2020, un dos máis calorosos dende que hai rexistros. Comezou o outono e as previsións apuntan a que, tendo en conta as series históricas, será máis cálido que o normal. O Verán de San Miguel, ese breve período no que a calor se resiste a marchar, adiantouse, e os termómetros en Galicia recibirán outubro con 30 graos. Nalgunhas zonas da península chegarase incluso a 35. Tendo en conta estes datos, algúns meteorólogos apuntan que setembro pode converterse no mes máis cálido rexistrado a nivel global. O investigador Mika Rantanen, do Instituto Meteorolóxico de Finlandia, plasmou nunha gráfica as anomalías da temperatura media global tomando datos do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Medio Prazo (ECMWF, polas súas siglas en inglés). Nel apréciase un repunte extremo nos últimos anos. E, no caso de Galicia, os últimos informes de MeteoGalicia evidencian unha clara tendencia á alza das anomalías de temperatura dende hai dúas décadas para o mes de setembro.

Avecíñase un outono máis cálido? O catedrático da Universidade de Santiago (USC) Gonzalo Míguez Macho, considera que é “bastante probable”. O último informe de MeteoGalicia sobre setembro de 2022 anotou que foi de +0.6 graos, algo que o convertiu nun mes cálido. As temperaturas máximas foron normais, mentres que as mínimas, foron cálidas. “O precedente xa o atopamos en 2021”, explican dende o organismo. A poucos días de que se publiquen os datos climatolóxicos de setembro deste ano, algúns meteorólogos agardan que se acaden novos récords. No caso de Galicia, Míguez cre que, tendo en conta que os últimos días de setembro serán practicamente de tempo de verán, alega que “é posible que quede un pouco por riba da media”.

Publicidade

Evolución das anomalías da temperatura en setembro para Galicia con respecto ao período 1981-2010

A diferenza doutros puntos da península, en Galicia non faltaron precipitacións para estes últimos meses. E, aínda que os meses se rexistren máis cálidos polas emisións de dióxido de carbono, o investigador da USC fai referencia a outros motivos. Concretamente á erupción do volcán Tonga en 2022, que provocou a acumulación de moito vapor de auga na estratosfera. “Todo apunta que a temperatura a nivel global, esa subida tan marcada, ten que ver con isto. É algo temporal. As anomalías tan grandes que estamos vendo este ano teñen que ver con iso”, sinala.

O outono en Galicia: na mesma tónica que o verán

En Galicia este verán choveu máis do normal. A comunidade conseguiu esquivar ondas de calor e, mentres que o resto da Península sufría temperaturas por riba dos 40 graos, Galicia estaba gozando de temperaturas frescas. Con todo, non foi así para todos os seus territorios. Este verán destacou pola falta de vento de nordés, que é o que alivia as altas temperaturas, e é o que provocou que nalgunhas zonas houbese un repunte na temperatura. O informe climatolóxico de MeteoGalicia de agosto, rexistrou para A Coruña un mes “extremadamente cálido para as temperaturas mínima, máxima e media, superando por décimas os rexistros máis altos da serie histórica”. A temperatura máxima media foi de 25,1.

“Depende da parte de Galicia á que mires foi un verán máis intenso ou non. Xullo foi un mes un pouco máis frío. Pero se miramos para A Coruña ou a costa norte de Lugo, houbo anomalías de temperatura. E en xeral para Galicia, o día a día, foi moito máis cálido”, explica o catedrático da USC. Por que existen estas diferenzas entre territorios? A clave está na circulación dos ventos. “Os ventos do sur e do oeste soben as temperaturas. Non houbo temperaturas extremas, como as vagas de calor, pero en xeral o verán foi máis caloroso”, continúa.

Por iso, en Galicia agárdase que o outono continúe na mesma tónica que o verán. Agárdanse precipitacións pero tamén que o frío se resista a chegar. “No contexto que temos de quecemento global, non é moi difícil. A probabilidade está aquí”, explica Míguez Macho. Recentemente, tres investigadores de China publicaron un estudo na revista Advances in Atmospheric Sciences que anticipa que 2023 podería ser o ano máis caloroso da Terra dende 1850. O informe baséase en que o primeiro semestre do ano foi o terceiro máis calido e prevé que as temperaturas medias mundiais aumenten esta segunda metade polo fenómeno de El Niño e os incendios forestais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As vagas de frío na península serán cada vez menos frecuentes e duradeiras

Este evento climatolóxico reducirase na península e Baleares aproximadamente un 50% en comparación co período 1971-2000

Confirmado: o mes pasado foi o outubro máis cálido dende que hai rexistro

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de confirmar que o mes pasado foi o outubro máis quente, cunha temperatura media de 18 ºC

As temperaturas en Europa aumentan máis do dobre que a media mundial

A temperatura global do continente sobe 0,5ºC cada década desde 1991 e acelera os fenómenos meteorolóxicos extremos