Que é e como funciona o novo computador cuántico de Galicia?

A máquina máis grande e potente de España e do sur de Europa inaugurouse esta mañá no Centro de Supercomputación de Galicia

Qmio. Este é o nome do novo computador cuántico de Galicia. A súa designación tamén expresa, dalgunha maneira, un desexo: chegar ao cumio e, polo tanto, ao máis alto. Así o trasladou esta mañá o director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa, durante a inauguración do novo computador. Esta máquina non só será a máis grande e potente de España, con 32 cúbits, senón tamén a de todo o sur de Europa. “É todo un fito”, apunta Orosa, que lembra que tan só hai outro computador cuántico nunha institución pública española: está en Barcelona e ten 5 cúbits. “Somos unha referencia para toda Europa”, insiste o director do Cesga, mentres subliña a colaboración da empresa Fujitsu como subministradora do computador.

Máis alá da relevancia desta máquina no seu contexto, tanto estatal como europeo, que é realmente un computador cuántico? Pero, sobre todo, para que serve?

Publicidade

Para que serve?

Orosa recoñece a dificultade de definir e explicar de maneira divulgativa que é un ordenador cuántico. Por iso, trata de achegar un termo de tan complicada compresión a través das súas funcionalidades na academia, na industria e quen sabe se na vida cotiá. Para iso, o director do Cesga explícanos que os computadores cuánticos serven para resolver os problemas que non somos capaces de resolver coa computación clásica. “E xa non só iso, senón que levaría moito máis tempo solucionalos e, polo tanto, non resultaría práctico usar as tecnoloxías tradicionais”, apunta o experto. Amais disto, a computación cuántica ten outro punto a favor: é máis amable co medio ambiente. Segundo traslada Orosa: “Consome moita menos enerxía para resolver o mesmo problema. É capaz de desenvolver algoritmos moito máis eficientes que os clásicos”.

Onde se pode aplicar?

Hai un amplo abano de ámbitos que se poden ver beneficiados polo novo computador cuántico de Galicia. “Ten mil aplicacións, dende o deseño de fármacos, pasando pola medicina personalizada, ata todo o que implique intelixencia artificial”, expón Orosa. De feito, no acto de inauguración celebrado esta mañá presentouse un caso de uso en Galicia. Empregando estas tecnoloxías cuánticas, unha colaboración entre Pescanova e Fujitsu logrou deseñar un algoritmo para optimizar os recursos nas piscifactorias, logrando un 37% de mellora nos gastos operativos. Pero non só iso, Orosa tamén menciona a importancia da computación cuántica para a detección de enfermidades, o recoñecemento de imaxes, a simulación de procesos biolóxicos e a optimización de diferentes procesos produtivos, como o pintado nas industrias de automoción.

Publicidade

Quen se poderá beneficiar?

Este novo computador servirá ao beneficio de diferentes organizacións e empresas galegas, malia que estea instalado na sede do Cesga, en Santiago. Nesta institución teñen un grupo de investigación en tecnoloxía cuántica no que aproveitarán esta nova máquina para seguir estudando e analizando os algoritmos cuánticos. De todos modos, tamén poderán facer uso do computador as tres universidades galegas de Vigo, A Coruña e Santiago, o CSIC e todas aquelas empresas que estean interesadas en facer estudos nos que se poida aplicar a computación cuántica.

Por que é tan importante para Galicia?

“É un fito”, insiste Orosa. “Somos os primeiros. A día de hoxe é o máis potente de España e tamén do sur de Europa”, recalca o director do Cesga. O experto tamén insta a aproveitar o ecosistema que se está a xerar grazas á instalación desta máquina tan potente. “A infraestrutura está para darlle uso, xerar coñecemento e facer casos prácticos que se poidan transferir ás empresas e teñan un impacto real na sociedade”, di Orosa. Finalmente, o director do centro recalca o importante que é aproveitar o potencial desta máquina para que o ecosistema cuántico galego continúe a medrar e, no seu camiño, tamén implique as empresas para na aplicación destas tecnoloxías.

  1. Talvez cumpra facer unha advertencia non menor. En galego, o nome da letra Q/q é /ke/ e non /ku/ (parte da anatomía humana). Polo tanto, o pretendido xogo gráfico empregado para chegar á palabra cumio parece fallido, salvo que, unha vez máis, botemos man do castrapo. Unha pena, abofé.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Castro de Rei é o único lugar da península onde nidifica o mazarico real, en perigo crítico

O enclave lucense concentra a totalidade da reprodución confirmada desta ave migratoria na Península Ibérica

Galicia impulsa o seu liderado en tecnoloxías cuánticas con dous novos laboratorios

O IGFAE e atlanTTic colaborarán no desenvolvemento de procesadores destinados á física de partículas e á computación óptica

O ceo non dá tregua: Galicia afronta a semana cun carrusel de frontes e chuvias case diarias

MeteoGalicia activa alertas laranxas por vento e mar mentres as previsións apuntan por episodios de inestabilidade sucesivos ao longo dos vindeiros días

As Illas Atlánticas perden o 40% da súa biodiversidade nunha década

Un estudo analiza o fondo mariño do parque galego e do Arquipélago de Cabrera e constata o declive das especies nas dúas áreas mariñas protexidas