A excelencia científica é o criterio que determina a concesión das Starting Grant, as prestixiosas bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para facilitar que investigadores e investigadoras novos poidan desenvolver os seus propios proxectos independentes. Proxectos como o estudo do cancro transmisible en animais mariños do investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía José Tubío, ao que o ERC vén de conceder 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento desta investigación ao longo dos vindeiros cinco anos. “Para min é como recibir unha medalla olímpica, porque a competencia é enorme, este ano presentáronse preto de 3000 proxectos, a maioría dunha calidade extraordinaria, e vanse financiar arredor de 300”, sinala Tubío. O investigador, que a través dun contrato Ramón y Cajal incorporouse este ano á Universidade de Vigo tras unha etapa de catro anos en Cambrigde, convértese así no segundo investigador da institución académica viguesa en ser seleccionado neste prestixioso programa.
O programa do ERC está dirixido a investigadores cunha traxectoria de entre 2 e 7 anos desde a finalización do seu doutoramento e promovidas co propósito de reter, impulsar e aproveitar o talento das novas xeracións e permitirlles desenvolver os seus propios proxectos. Á convocatoria de 2016 das Starting Grant presentáronse un total de 2935 proxectos nas tres liñas subvencionables, Ciencias Físicas e Enxeñaría, Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias da Vida. Nesta última, dividida á súa vez en nove paneis que reuniron un total de 854 proxectos, insírese a proposta coa que vén de ser seleccionado Tubío, que identifica dúas das claves para a súa selección. A primeira, ter preparado a fondo a entrevista previa á resolución final, que o levou en xuño a presentar o seu proxecto, con bivalvos incluídos, ante o comité de expertos da ERC en Bruxelas, xa que “a convocatoria esixe un proxecto competitivo e orixinal, pero tamén saber defendelo”. E a segunda é “contar coa axuda de David Posada”, o primeiro investigador da Universidade recoñecido neste programa europeo e que na actualidade conta cunha axuda Consolidator Grant. Á Starting Grant de Tubío súmase ademais a obtida pola investigadora Elena Ojea, que no vindeiro mes de outubro se incorporará á Universidade de Vigo.
O proxecto foi seleccionado de entre preto de 3000 candidaturas
Para Tubío, a súa selección neste programa “é o premio a cinco anos de traballo, dunha dedicación practicamente plena”. O investigador foi un dos 85 candidatos e candidatas que concorreu nun panel “moi competitivo”, o de Xenética, Xenómica e Bioinformática, do que un total de 20 foron seleccionados para a fase de entrevista previa a esta resolución final, na que o comité de expertos do ERC valora a excelencia tanto do investigador, como do proxecto co que concorre. Nese senso, a súa traxectoria previa como investigador da xenómica do cancro, que durante os últimos catro anos desenvolveu na Universidade de Cambrigde, con máis de dez artigos publicados en Nature e Science, dous deles como autor principal, serviron como aval da candidatura presentada por Tubío coa Universidade de Vigo como institución de acollida. “Pero, loxicamente, a guinda é o proxecto”, salienta este investigador da novidosa liña que constituirá o seu campo principal de traballo, o estudo dos cancros transmisibles en animais mariños.
Explica Tubío que ata hai un ano non se coñecía a existencia de “cancros que poden transmitirse dun individuo a outro” en especies mariñas, unha casuística só coñecida ata entón en cans e no demo de Tasmania, dúas especies nas que o investigador galego centrara precisamente a súa investigación en Cambridge nos últimos anos. “Neste caso, trátase de cancros que se transmiten polo mar dun bivalvo a outro, polo que se o pensas, este mecanismo é como unha metástase, só que en lugar de transmitirse dun órgano a outro, faino entre individuos diferentes”.
“É o premio a cinco anos de dedicación plena”
Afondar pois nos “mecanismos que ocorren nas metástases a través do estudo destes cancros tan especiais” e identificar “aqueles xenes que fan que unha célula se volva transmisible, os mecanismos moleculares que fan que unha célula poida saír dun animal e ir a outro” constitúe a base desta investigación. Os 1,5 millóns de euros que lle outorga o ERC destinaranse “na maior parte á secuenciación dos xenomas de animais mariños” e á contratación de persoal investigador, ao que tamén se suman os gastos de equipamento e consumibles tanto do laboratorio no que Tubío traballa co seu equipo no Cacti como do que “poderíamos chamar laboratorio satélite na Ecimat, sen o que non se podería realizar este proxecto” e que, como sinala Tubío, constituíron unha “vantaxe competitiva” neste proceso de selección, xa que farán posible a obtención de mostras que contribuirán a que este sexa un proxecto de investigación “100% vigués”, nunha institución que “ten unha tradición de traballo enorme na xenómica dos bivalvos”.