Como medran a gaivota patiamarela e o peixe espiñoso?

Exemplar de polo de gaivota patiamarela (Larus michahellis). Fonte: Duvi.
Exemplar de polo de gaivota patiamarela (Larus michahellis). Fonte: Duvi.

Como afectan os determinantes ambientais ao desenvolvemento de certos animais vertebrados? Este foi a pregunta á que o investigador Javier Díaz tratou de responder coa súa tese de doutoramento, un estudo en profundidade  sobre como o sexo, o ambiente social temperá e o risco de depredación inflúen no comportamento, a coloración de camuflaxe e a expresión de xenes relacionados co estrés fisiolóxico.  Centrou o seu estudo en dúas especies moi concretas: a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o peixe espiñoso (Gasterosteus aculeatus).

“O coñecemento da estrutura e a orixe da variación dos trazos fenotípicos e o papel do desenvolvemento dos organismos nos procesos evolutivos consideráronse pezas claves para completar a teoría neo-Darwiniana da evolución, e a súa inclusión formal constituíu unha nova síntese ampliada da actual teoría evolutiva que tamén integra o papel do desenvolvemento”, explica o investigador, que encadra este estudo nunha nova corrente de investigacións que recalcan a importancia do estudo dos mecanismos xenéticos e ambientais que inflúen na diversidade dos caracteres a partir de alteracións dos trazos dos organismos durante o seu desenvolvemento.

Javier Díaz, autor da tese. Foto: Duvi.
Javier Díaz, autor da tese. Foto: Duvi.

Entre outros obxectivos, o  estudo propúxose estudar a plasticidade durante a fase xuvenil da coloración de camuflaxe e o comportamento de selección da cor do fondo –claro ou escuro- en resposta ao risco de depredación no peixe espiñoso, así como analizar como inflúen os efectos maternos, en concreto, as substancias do ovo e a orde de nacemento, no comportamento durante os primeiros días de vida dos polos da gaivota patiamarela. Por outra banda, o investigador decidiu tamén tratar de determinar si existía dimorfismo sexual na coloración de camuflaxe nos xuvenís do peixe espiñoso e nos polos da gaivota, e afondar na relación entre a coloración de camuflaxe, constituída por melaninas, e a expresión de xenes asociados co estrés fisiolóxico nas crías das gaivotas.

Para conseguilo realizou dous experimentos: un cos polos da gaivota na illa de Sálvora e outro en laboratorio con xuvenís do peixe espiñoso.

Entre outros achados, viuse que os xuvenís de peixe espiñoso non mudan de cor ante un risco

Os resultados acadados non deixaron lugar a dúbidas: os xuvenís do peixe espiñoso non modifican a súa coloración de camuflaxe ante un risco de depredación, suxerindo que a plasticidade deste trazo en resposta a unha ameaza de depredación é limitada ou ben demasiado custosa. Pola contra, o comportamento de elección da cor do fondo ante un risco de depredación si que se produce: os peixes sometidos a un risco de depredación tiveron unha maior presenza nun fondo escuro. “Estes resultados suxiren que a plasticidade no comportamento de elección da cor do fondo supón unha estratexia de camuflaxe en ambientes heteroxéneos, nos que os parches claros e os escuros están presentes”, explica o investigador.

O estudo sobre a gaivota patiamarela demostrou que os últimos polos en nacer emiten máis chamadas de atención

Con respecto á gaivota patiamarela é a xerarquía do nacemento, e non as substancias depositadas polas nais nos ovos, a que determina as diferentes estratexias de comportamento dos polos durante os seus primeiros días de vida. En concreto, os últimos polos en nacer dentro dun niño emitiron máis chamadas de atención aos pais, foron menos propensos a reaccionar ante unha chamada de alarma parental e tiveron unha taxa respiratoria menor que os que naceron primeiro, independentemente das substancias do ovo. “Estes resultados rexeitan a aplicabilidade xeral da asunción de que as diferenzas de comportamento entre primeiros e terceiros polos en gaivotas están programados polas substancias maternas depositadas nos ovos”, explica o investigador.

Se ben ata o de agora a maioría dos traballos centráranse no estudo do dimorfismo sexual de coloración en individuos adultos, que normalmente presentan ornamentos moi coloridos con importantes funcións no emparellamento, os resultados desta tese demostran que existe  dimorfismo sexual na coloración de camuflaxe nos xuvenís de ambas especies, “o que suxire que o dimorfismo nos xuvenís pode ser máis xeneralizado en vertebrados do que se asumira previamente”. Ademais disto, diferentes resultados achados ao longo da investigación suxiren que os polos máis escuros sofren menos estrés durante o seu desenvolvemento.

A falta de oportunidades laborais

O autor da tese, Javier Díaz (Plasencia, 1987) é licenciado en Bioloxía pola Universidad de Salamanca, con Máster en Biodiversidade e Bioloxía da Conservación pola Universidad Pablo Olavide de Sevilla e doutor en Bioloxía pola Universidade de Vigo. Autor e coautor de sete publicacións científicas en revistas internacionais, con más de 50 citas ata agora, actualmente atópase en situación de desemprego e buscando traballo tanto no ámbito académico como empresarial en España e no estranxeiro. “O meu caso é un exemplo máis de como en España o Estado forma doutores gastando moitos recursos públicos, pero logo non hai un mercado laboral nin público nin privado que poida aproveitar esta formación, apenas hai oferta laboral para o noso perfil en España”, recalca o investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.