Castelao en Bos Aires, en 4K e 8K

O xornalista César Galdo procesa as filmacións de Eligio González, que recolle a presenza do intelectual rianxeiro desde 1940 ata o seu pasamento

En xullo de 1940, despois de estancias en Nova York e Cuba tras exiliarse por mor do golpe de estado do 1936 e a represión que desencadeou, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao era recibido en Bos Aires por unha multitude de migrantes galegos. Alí estaba Eligio González, un fotógrafo nacido en Entrimo, Ourense, en 1899, que deixaría testemuña en vídeo dalgúns episodios da vida do intelectual rianxeiro ata o seu falecemento na capital arxentina en 1950.

A fita, muda, que Eligio González regalou ao Centro Galego de Bos Aires, recolle algún dos discursos máis lembrados de Castelao na cidade, así como algunha das visitas que recibiu nos últimos meses de vida, onde aparece xunto á súa dona, Virxinia Pereira, e o seu sepelio. A peza foi restaurada en 1995 polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), e está publicada na web da institución. Agora, o xornalista César Galdo (que xa recuperara hai uns meses un fragmento do documental Un viaje por Galicia, de Manuel Arís, onde se amosan imaxes do país dos anos 50), recuperou o filme sobre Castelao en Bos Aires e procesounas para conseguir “unha imaxe 96 veces maior cá orixinal”, en resolución 8K e 4K. Destaca Galdo, con todo, que para reproducir o filme na maior resolución de 8K é preciso un navegador compatible.

Publicidade

Explica o autor do vídeo que, ademais de incrementar a resolución, subiu a frecuencia de fotogramas ata os 60 frames por segundo, ” co que se consegue unha reprodución máis fluída”. Esta é a peza completa de Eligio González.

Entre os programas usados, Galdo explica que empregou Atube Catcher para descarga do vídeo, Adobe Premiere Pro para selección de fragmentos e exportación do material sen compresión, Dain App Alpha 1.3 para intercalado de fotogramas, exportados en PNG con compresión mínima, Adobe Premiere Pro para importación de fotogramas e exportación de novo en avi sen compresión, TopazLabs Video Enhance AI (V1.3.5 Beta) para exportación de fotogramas a 8K con compresión mínima, e, finalmente, Adobe Premiere Pro para importación de fotogramas, incorporación de títulos explicativos e exportación de arquivo final en MP4.

Publicidade

A restauración de vídeos antigos grazas ás novas tecnoloxías de edición tomaron pulo nos últimos meses, despois de que se convertera en viral o traballo dun realizador ruso, Denis Shiryaev, que fascinou a millóns de persoas en todo o mundo a comezos de 2020. Nel pode verse un dos primeiros filmes da historia, A chegada dun tren á estación de La Ciotat, dos irmáns Lumiére, na mesma resolución de 4K a 60 fotogramas por segundo. “Como os programas cos que se fixo este traballo están dispoñibles na rede, calquera persoa cos coñecementos precisos pode intentalo, así que decidín facer a proba”, explicaba en febreiro a GCiencia César Galdo.

A intelixencia artificial rescata en 4K a Galicia dos anos 50

Hoxe en día, segundo contaba Galdo, “os algoritmos de intelixencia artificial aplicados ao tratamento de imaxes fan posible aumentar a resolución de vídeos antigos e mesmo de bobinas de cine”. No caso do filme de Arís, o xornalista procesouno para obter o resultado en 4K a través de dous programas. “En primeiro lugar, despois de descargar o vídeo publicado polo CGAI, escollín un fragmento para aplicarlle o algoritmo de interpolación de fotogramas DAIN“, continúa o editor da peza. “O que fai isto é que colle dous fotogramas consecutivos e ‘constrúe’ un intermedio para completar a información”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se ve a Terra en tempo real e en 4K dende a Estación Espacial Internacional

A plataforma SatélitesArg reúne emisións da NASA e da empresa británica SEN para mostrar paisaxes do planeta a 400 quilómetros de altitude

O manuscrito no que Castelao descoñece a súa elección como membro da RAG

A institución publica en formato dixital documentos vinculados ao ingreso do escritor galego o 25 de xullo de 1934

Así soa a voz orixinal de Castelao

O Consello da Cultura Galega vén de compartir unha nova dixitalización do discurso que ofreceu o autor nunha estrea da súa obra de teatro

Así se viu a efémera eclipse de Lúa desde Valdoviño

O fotógrafo César Galdo recolleu o fenómeno, pouco perceptible e que durou apenas uns minutos, na mañá desde venres desde a costa ferrolá