Dende un calendario azteca a puntas de frecha de sílex: así é o fondo da centenaria Biblioteca América da USC

A institución celebra 100 anos da súa inauguración oficial cunha exposición na que se amosa de xeito inédito o primeiro título 'honoris causa' concedido na historia da universidade

A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela está de aniversario: celebra 100 anos dende a súa apertura oficial en 1926. A tal fin, o claustro do colexio Fonseca acollerá ata o 31 de outubro unha exposición que presenta un percorrido pola historia da institución e que, de xeito inédito, expón un documento que permanecera oculto ata agora: o primeiro título de doutoramento honoris causa outorgado pola universidade. O receptor de tal distinción foi Gumersindo Busto, creador e promotor da Biblioteca América.

Este espazo bibliográfico é un dos máis singulares do patrimonio cultural galego: trátase, como indica a propia institución, dun dos fondos americanistas máis singulares conservados en España. E aínda que este ano cumpre o seu centenario, en realidade a biblioteca levaba xa máis de dúas décadas funcionando —dende 1904— antes da súa grande apertura oficial, que se celebrou nun acto internacional: por un lado, tivo lugar a ceremonia de inauguración en Santiago de Compostela e, polo outro, o impulsor da biblioteca, que pasou a maior parte da súa traxectoria en Arxentina, organizou en Bos Aires un banquete conmemorativo. A institución conta con múltiples mostras, entre as que destaca a Colección de Obxectos e Curiosidades. Nela atópanse pezas tan singulares como pezas cerámicas procedentes da Quebrada de Humahuaca, no noroeste arxentino, acompañadas de puntas de frecha de sílex; unha reprodución impresa da Acta da Independencia de Chile; o pano do brigadier xeneral uruguaio Manuel Oribe; unha careta boliviana utilizada en festas para representar conquistadores españois; ou unha escultura de latón do século XVII cuxa procedencia precisa é descoñecida. Tamén conta con outras coleccións como a Etnográfica-Conmemorativa, da que destaca un calendario azteca.

Publicidade

A mostra que se presenta en Fonseca é un tributo ao labor de difusión da cultura latinoamericana da biblioteca e o traballo de Gumersindo Busto e de todas aquelas persoas que sucederon a súa obra. “É unha homenaxe ao persoal bibliotecario que ao longo de 100 anos catalogou, coidou, encadernou e mimou os fondos“, conta a profesora de Historia de América da USC Pilar Cagiao. Ela, xunto ao tamén docente Eduardo Rey, é a comisaria da exposición, titulada A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926.

O nacemento dunha ponte entre culturas

No albor do século XX (e, en realidade, xa dende antes), a concepción de América estaba configurada en torno ao soño dun destino no que facer fortuna. “Era fundamentalmente coñecida por ser o lugar ao que ían os inmigrantes para facer diñeiro, para ‘facer as Américas‘. Descoñecíase que tiña unha cultura, unha tradición, un saber propio“, explica Cagiao. A docente sinala que esta ignorancia cara á riqueza patrimonial de latinoamérica foi o que inspirou en Gumersindo Busto a necesidade de compartir neste lado do Atlántico os coñecementos que circulaban alí.

Publicidade

“Foi, en esencia, creada como fondo de temas relacionados con todos os países de América. Para el era fundamental difundir os seus saberes e, para iso, chegou a pensar en crear unha universidade hispanoamericana. Porén, finalmente ese proxecto quedou nunha biblioteca-museo que serviría para espallar e recompilar contidos americanos”, engade a comisaria da exposición. O obxectivo inicial de Busto é aínda a máxima pola que se rexe a institución, mais, na actualidade, ten unha segunda misión: “Queremos que a biblioteca sexa difundida, porque aínda que celebramos o centenario da súa inauguración oficial, e a pesar da súa antigüidade, non é moi coñecida”, admite Pilar Cagiao.

Esta necesidade divulgativa non se limita ao labor de difusión de coñecemento e o apoio a investigación, senón que constitúe unha característica fundamental da preservación —e, especialmente, da ampliación— dos fondos da biblioteca: “Ten a singularidade de que está composta no seu conxunto por doazóns ou por canxes. Todos os fondos iniciais foron entregados voluntariamente por persoas coas que falou Gumersindo Busto: escribanos, compañeiros, personalidades varias da época…”, sinala a docente da USC. Engade que Busto sempre se valeu do apoio de compañeiros e amigos para impulsar o seu labor; así e todo, o seu falecemento en 1937 supuxo un golpe importante á expansión da biblioteca. “Cando faltou el, desapareceu o motor que impulsaba a institución“, recoñece Cagiao.

Na actualidade, explica a comisaria da exposición, son os docentes especializados na historia de América da USC quen manteñen activa a biblioteca, aínda que con achegas usuais de compañeiros e coñecidos. “Aínda que non ten o impulso dos anos da súa creación, todos [os profesores desa área de investigación] os que van de viaxe a eses países volven con algo que engadir aos estantes“, afirma Pilar Cagiao.

Máis alá do papel

A Biblioteca América é enciclopédica e continental: trata múltiples campos de coñecemento —botánica, medicina, xeoloxía, economía, etc.— a través de todos os países americanos. A comisaria da exposición recoñece que destacan os fondos de Arxentina debido, precisamente, a que era a zona pola que máis se movía Gumersindo Busto e, en consecuencia, da que máis elementos captaba para enviar á institución. “El cría na difusión da cultura americana máis alá dos libros e, para iso, concibiu isto como unha biblioteca-museo. Aínda que prevalecen os elementos bibliográficos, tamén conseguiu animais desecados (que agora están no museo de ciencias), medallas, minerais, moedas e billetes, bustos de persoeiros da época, partituras musicais, fotografías, pezas de valor arqueolóxico, obxectos turísticos… A el servíalle todo o que dera coñecer a diversidade e riqueza cultural do continente americano”, explica Cagiao. Engade que o afán do seu creador era enciclopédico, de coleccionista, algo que, no seu contexto histórico, resultaba bastante popular.

A peza literaria máis antiga que garda a biblioteca é un libro do século XVII, pero tamén coleccionan exemplares do XVIII e, sobre todo, dos douscentos anos poteriores. “A riqueza está nos séculos XIX e na primeira metade do XX. Si hai tomos da segunda metade, pero temos que pensar que coa morte de Gumersindo deixaron de chegar tantos fondos; habería que esperar que pasara a guerra española para retomar o crecemento da biblioteca”, apunta Cagiao.

Un percorrido dende o pasado

A exposición está dividida en cinco bloques que levan o usuario da man pola historia da Biblioteca América. A primeira parte resume a creación da institución e os obstáculos que superou Busto ata lograr a súa apertura oficial en 1926; a segunda aborda, precisamente, a chegada de exemplares entre 1904, que marca o inicio do proxecto, e a súa inauguración máis de dúas décadas despois. Este bloque é tamén unha oda ao labor das persoas que coidaron os fondos durante todo este tempo.

A terceira parte, a central, rememora a inauguración que se celebrou tanto en Compostela como en Buenos Aires, onde se atopaba Gumersindo Busto, festexando a apertura nun banquete no Club Español de Bos Aires. O cuarto bloque lista os momentos máis singulares da biblioteca, como “cando a visitaron Blanco Amor ou Raúl Alfonsín, primeiro presidente da República Arxentina despois da ditadura, ou Fidel Castro, que foi nomeado fillo predilecto de Galicia por ter ancestros galegos”, enumera a comisaria.

A exposición conclúe cun achegamento á dimensión máis íntima da vida de Busto en Galicia. “Aínda que el só volveu unha vez, en 1909, despois de emigrar, nunca perdeu o contacto coa súa nai e a súa irmá Adelaida, que era a dona do establecemento compostelán ‘Hotel Argentina'”, explica Pilar Cagiao.

A xoia da coroa

A xoia da exposición é o título de doutoramento honoris causa concedido en 1934 a Gumersindo Busto, que foi cedido por Ricardo Busto e se amosa de xeito inédito. “Ter ese documento aquí supón unha emoción enorme e un agradecemento profundo aos netos de Busto”, asegura a docente de historia. Explica que o documento non sempre estivo en Galicia e, non obstante, o seu propietario xamais o viu en persoa.

“Cando lle deron o honoris causa no 34, el non veu a España. Estaba xa delicado de saúde e gastara boa parte do seu peculio na obra da biblioteca. El só viu unha foto que publicou un diario arxentino, La argentina económica, en 1935, que recollía que a universidade lle dera o título. El nunca viu o documento porque non lle foi enviado a Bos Aires”, explica Pilar Cagiao. Conta que, segundo as pesquisas do grupo de investigación Histamérica, o título permaneceu na universidade durante décadas. “No ano 47, cando el xa morrera, temos noticia de que a universidade lle entrega o título a un avogado porteño que viña de parte da familia Busto para recuperar o documento”, explica a historiadora. O honoris causa queda un tempo en Madrid e, finalmente, o máis novo dos seus fillos, Ricardo Busto, lévao a Arxentina nos anos 60.

“En febreiro fun a Bos Aires e pedinlle que nos prestara o título para a exposición do centenario. Nun xesto de absoluta xenerosidade, cedeuno por uns anos á universidade“, conta, emocionada, a docente. Engade que o título ten un valor emocional, pero tamén institucional e artístico, dado que foi o primeiro honoris causa entregado pola USC (e que, de feito, foi outorgado a unha persoa que non era profesor universitario), ilustrado polo artista Camilo Díaz Baliño e exposto nun marco de prata elaborado por un dos grandes orfebres composteláns do século pasado.

O futuro da Biblioteca América

Nos últimos anos, o fondo da Biblioteca América continuou crecendo. “Darío Villanueva fixo unha doazón impresionante de libros de literatura latinoamericana, un fondo de case 2.000 libros. Recentemente, uns amigos da biblioteca tamén doaron as súas coleccións persoais, entre outros” conta Cagiao.

A comisaria da exposición adianta que, a mediados de setembro, a Biblioteca América inaugurará unha segunda planta no claustro de Fonseca. “Terá contidos de detalle bibliográfico adicada aos grandes espazos xeográficos e temáticos da biblioteca e estará dedicada a fomentar a investigación”, conclúe a historiadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla