A identificación e descrición dunhas 20 variedades de oliveira autóctona galega, a aprobación de dúas delas e o inicio do rexistro por parte do CSIC doutras 11 a través da Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais (OCVV), como Brétema e Carmeliña, constitúen os antecedentes do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia que, durante os próximos tres anos, xuntará coñecemento, técnica e recursos para impulsar o desenvolvemento do sector en Galicia.
Con este proxecto de I+D+i búscase poñer a punto e optimizar a gran escala técnicas ad hoc para a multiplicación mediante estacaxe clásica e microestacaxe in vitro estas 11 variedades únicas que permitan prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado polos novos agricultores galegos. Segundo datos do Ministerio de Agricultura (MAPA), desde 2009 a superficie cultivada destinada á oliveira aumentou un 279 %.
No marco deste proxecto tamén se sentarán as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións situadas en diferentes puntos da nosa comunidade. En concreto, na propia Misión Biolóxica Galega (MBG) e na plantación experimental da Axencia Galega de Calidade Alimentaria na Pobra do Brollón (Lugo).
Vantaxes e nicho de mercado
Por unha banda, a micropropagación in vitro supoñerá un recorte nos tempos para obter gran número de exemplares e no caso da estacaxe clásica, probaranse dous novos tipos de hormonas que favorezan o enraizamento da planta. Así mesmo, o establecemento das parcelas experimentais permitirá comparar o seu comportamento e, por último, o cultivo de exemplares xa adaptados ao solo e ao clima de Galicia permitirá obter olivas e aceite dunha calidade diferenciada respecto aos produtos existentes no mercado.
Ademais, tal e como destacan os promotores do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, esta investigación contribuirá a conservar a nosa biodiversidade agraria, integrada no patrimonio da humanidade, e dar un paso máis aló da súa conservación en bancos de xermoplasma.
O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia – Multiplicación a gran escala de oliveira autóctona (estacaxe clásica e micropropagación in vitro) foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.
O consorcio desta investigación aplicada, liderado pola Fundación Juana de Vega, está participado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural, as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra), e o laboratorio Cultigar, como colaborador externo. Hai uns días, a sede da Fundación Juana de Vega acolleu a reunión de presentación do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia coa asistencia de representantes do consorcio e colaboradores. “Case todos os días recibimos chamadas preguntando se temos plantas de oliveira autóctona listas para plantar. Con esta investigación poderemos responder a esta demanda, aínda que non de forma tan inmediata como nos gustaría, xa que necesitamos tempo para facer os ensaios”, sinalaba Carmen Martínez, xefa do grupo Viticultura, Olivo y Rosa (VIOR) da MBG.
Recuperación de territorios en risco de despoboamento
Desde a Fundación Juana de Vega manifestaron que “para nós é prioritario impulsar a recuperación, multiplicación e transferencia ao sector das variedades autóctonas de Galicia. O noso obxectivo é tanto apoiar a biodiversidade como manter o noso patrimonio natural e obter producións diferenciadas que, respaldadas, polo prestixio dos produtos galegos, permitan desenvolver un sector oliveiro que facilite a recuperación de territorios en risco de abandono e despoboamento”.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria considerou de máximo interese poder proporcionar, xunto co material vexetal, información fiable a viveiristas e profesionais do sector que lles permita decidir o mellor momento, a variedade idónea pola súa adaptación ao medio e a técnica recomendada en cada caso para propagar o material vexetal. Para iso, exemplares das plantas obtidas neste proxecto polas técnicas de estacaxe clásica ou por micropropagación in vitro, tras un período de aclimatación en invernadoiro, pasarán a complementar a colección existente no campo de ensaio da parcela experimental de oliveiras da que xa dispón AGACAL na Pobra do Brollón (Lugo). Esto permitirá comprobar e avaliar a súa adaptación ás condicións de cultivo en campo das plantas de cada variedade que se planten nel como consecuencia deste proxecto, recompilándose toda a información posible a fin de poñela ao disposición do sector.
Pola súa banda, os responsables de Ouro de Quiroga, Olivar de la Concordia e Cultigar mostraron a súa satisfacción por participar e colaborar neste proxecto de investigación e innovación para o agro galego.
Desde agora e durante os próximos tres anos, ata setembro de 2026, a investigación do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia dará resposta á demanda crecente de planta de oliveira de variedades autóctonas galegas mediante a implementación de técnicas de multiplicación específicas para estas variedades de oliveira, permitindo producir miles de plantas en pouco tempo e satisfacer a enorme demanda existente.
I+D+i e sinerxías para recuperar a riqueza biolóxica
Existen diversas referencias históricas testemuño da presenza do cultivo da oliveira en Galicia desde moi antigo. A importancia que tivo no pasado é evidente pola existencia de numerosos restos arqueolóxicos, como muíños de aceite primitivos destinados ao prensado da oliva dos séculos I-II a. C. e, mesmo, de épocas posteriores. A existencia de variedades de oliveira autóctonas de Galicia era totalmente descoñecida ata hai poucos anos e inexistentes os estudos científicos respecto diso.
En 2012, no marco do proxecto do CDTI (Inngal-Agromarsalud 2013), o grupo VIOR (MBG-CSIC) descubriu a posible existencia de variedades autóctonas e exclusivas de Galicia. Un ano máis tarde, decidiu continuar en solitario con este estudo, abrindo incluso unha liña de investigación específica que, entre 2017 e 2022, co apoio económico da Fundación Juana de Vega, logrou consolidar. Posteriormente, durante o ano 2023, desde a Fundación financiáronse algúns traballos preliminares para multiplicación mediante estacaxe clásica e microestacaxe in vitro que foron o xerme deste grupo operativo.
‘Carapucho’ e ’Susiña’
Como resultado da primeira fase de estudo, publicouse a primeira descrición de media ducia de variedades autóctonas e, dúas delas (Brava galega e Mansa galega), foron incluídas na lista española de variedades de oliveira. Tamén se constatou que aínda existen antigos oliveirais familiares en produción (Quiroga, Verín), escondidos entre a maleza, mesturados con outras árbores no monte (Valdeorras, Quiroga,…) ou outras zonas onde actualmente só quedan exemplares dispersos (comarca de Pontevedra, A Estrada e Val do Ulla).
Recentemente, iniciouse o proceso de rexistro dalgunhas delas na Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais (OCVV). Os nomes elixidos son Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña e Susiña, ás que se irán engadindo proximamente Santiagueira, Xoana e Hedreira, ademais doutras con estudos algo máis atrasados.
Sen dúbida, o eco de todo este percorrido e colaboracións, así como o recoñecemento oficial de Brava galega e Mansa galega, representan un pulo para unha nova xeración de novos agricultores que, desde hai uns anos, tenta recuperar as zonas de oliveiras de Galicia multiplicando as vellas existentes ao seu ao redor ou, mesmo, introducindo variedades foráneas como Arbequina e Picual, non tan adaptadas ás características particulares do solo e do clima de Galicia.