Venres 29 Marzo 2024

Descobren as 13 variedades de oliveiras centenarias de Galicia

Hai un ano, a Fundación Juana de Vega a delegación do CSIC en Galicia asinaron un acordo que reactivou o interese por unha práctica que xa desenvolveron no seu tempo os romanos: a produción de aceite de oliva autóctono en Galicia. O proxecto de investigación, financiado íntegramente pola Fundación Juana de Vega con 250.000 euros, leva por título “Caracterización e recuperación de variedades de oliveiras autóctonas de Galicia”, e presentou este xoves os primeiros datos do proxecto, cuxos resultados finais se agardan para o 2021.

Rolda de prensa sobre o proxecto de elaboración de aceite de oliva autóctono. Imaxe: CSIC.
Rolda de prensa sobre o proxecto de elaboración de aceite de oliva autóctono. Imaxe: CSIC.

Desde novembro de 2016, o equipo de investigadores da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), organismo do CSIC, localizou e marcou 70 oliveiras centenarias, sobre todo no sur das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. E ata o de agora, o equipo do CSIC realizou a análise de ADN e a descrición botánica e agronómica de 45 destas 70 oliveiras. Os resultados do estudo confirmaron a existencia das 13 variedades, das que cinco correspóndense con variedades localizadas anteriormente en Galicia polos investigadores da MBG. Atopouse tamén un exemplar da variedade portuguesa Cobrancoça, e no estudo incluíronse tamén, a modo de testemuño, exemplares de plantacións xóvenes galegas de Arbequina e Picual, variedades do sur de España.

Publicidade

“O obxectivo xeral agora é ampliar e completar a recuperación de variedades de oliveira autóctona galega e caracterizar os aceites procedentes das devanditas variedades”, explicou Carmen Martínez, directora do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia.

Para avanzar neste senso, Martínez sinala que se realizarán varias accións: “En primeiro lugar, enquisas sobre a existencia de oliveiras centenarias en diferentes puntos de Galicia, visitas e prospeccións en cada zona, verificación do carácter centenario da oliveira e toma de mostras de follas e olivas. A continuación, realízase a caracterización molecular (ADN) e botánica de todas elas. No seguinte ano, na época de maduración, recóllese cantidade suficiente de oliva daqueles exemplares que resultaron ser variedades distintas para facer unha microelaboración de aceite. Posteriormente, cada un destes aceites é sometido a distintos tipos de análises para coñecer a súa composición. En anos posteriores realizaranse elaboracións de aceite, a maior escala, daquelas variedades que presenten máis interese comercial”, explica Carmen Martínez.

O traballo da MBG xa permitiu o recoñecemento oficial de dúas variedades autóctonas: Brava e Mansa

Os primeiros traballos desta liña de investigación xa se realizaran en 2012 por parte do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, confirmaron a existencia de dúas variedades autóctonas de oliveira en Galicia que hoxe xa teñen recoñecemento oficial: a Brava e a Mansa. E tamén se demostrou que existían, polo menos, outras cinco variedades máis, totalmente descoñecidas fóra de Galicia.

O acordo do CSIC coa Fundación Juana de Vega permitiu poñer en marcha catro obxectivos fundamentais: ampliar e completar a recuperación das variedades de oliveira autóctona galega a través da realización de prospeccións exhaustivas; caracterizar os exemplares localizados a nivel botánico, molecular e agronómico, así como os aceites daquelas que resulten diferentes e únicas; poñer a disposición do sector e das administracións autonómica e nacional os datos científico-técnicos necesarios para o recoñecemento legal e comercial como variedades de oliveira autóctonas de Galicia e únicas no mundo; e poñer a disposición de viveiristas e olivareiros a planta das variedades de oliveira autóctona galega que presenten interese comercial.

Mostras de aceite da oliveira

A finais de 2017, na época de maduración, xa se elaboraron pequenas cantidades de aceite de 15 oliveiras distintas. As análises evidenciaron que todos os aceites “cumpren cos parámetros esixidos pola normativa vixente para ser considerados aceites de calidade“, segundo a científica da MBG.

Na actualidade, o grupo traballa na realización de análises de ADN de todas as oliveiras xa localizadas e nas próximas semanas realizarán novas mostraxes en zonas como Verín, Valdeorras e varios puntos da provincia de Pontevedra.

Pola súa banda, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, subliñou que “os resultados que hoxe presentamos aquí son unha proba da inmensa riqueza biolóxica que temos en Galicia, que non temos identificada nin caracterizada e da que non podemos sacar proveito económico”.

A Fundación Juana de Vega destaca o proxecto como mostra da “riqueza biolóxica” de Galicia

Destacou a aposta estratéxica da Fundación neste proxecto, “orientada a recuperar variedades autóctonas de interese agrario en Galicia” para “poñelas a disposición do sector agroalimentario con todas as garantías e certificacións, co obxectivo final de axudar na mellora da competitividade por medio da diferenciación de produto”.

O proxecto conta tamén coa colaboración da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, que participa na realización das prospeccións e asesora para a aplicación dos resultados ao sector, e da Asociación de Viveiristas do Noroeste, que prestará apoio na multiplicación de planta daquelas variedades que resulten de maior interese comercial.

Na rolda de prensa interviñeron, en representación do CSIC, o seu delegado en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, e a directora do Grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez Rodríguez. Por parte da Fundación Juana de Veiga interviñeron o seu presidente, Enrique Sáez Ponche, e o seu director, José Manuel Andrade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais