Un equipo da UDC reconstrúe 10 millóns de anos de historia dun cometa interestelar

A investigación, liderada polo CITIC, amosa como foi a traxectoria do astro na Vía Láctea, recoñecido como o terceiro obxecto interestelar detectado

Un equipo internacional liderado polo investigador do Centro de investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Xabier Pérez Couto, logrou reconstruir a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS. O traballo, dispoñible no repositorio aberto arXiv e enviado para publicación á revista científica The Astrophysical Journal, revela a traxectoria que seguiu este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea.

Descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS (Asteroid Terrestrial-impact Last Alert System) en Chile, 3I/ATLAS convértese no terceiro visitante rexistrado procedente doutros sistemas estelares, tras 1I/’Oumuamua (2017) e 2I/Borisov (2019). “O que fai único a 3I/ATLAS é que nos permite estudar a evolución de obxectos que veñen doutros sistemas estelares, algo que ata o de agora só viramos en teoría. Cada observación é como abrir unha xanela ao pasado do Universo“, explica Pérez Couto.

Publicidade

Este cometa destaca pola súa intensa actividade cometaria, indicativa dunha gran riqueza en xeos, e pola súa alta velocidade, dun 58 km/s (máis de 200.000 km/h). Estas son as características que o converten nun visitante fugaz, pero tamén nunha fonte de información valiosa para a investigación.

Grazas aos datos de precisión da misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), o equipo investigador calculou tanto a órbita de 3I/ATLAS como a de máis de 13 millóns de estrelas, co obxectivo de identificar posibles encontros próximos entre o cometa e estes astros. A análise revelou 93 posibles interaccións, das cales 62 presentan un alto grao de confianza. Con todo, debido á elevada velocidade do cometa, os investigadores acharon que ningunha destas estrelas foi capaz de desviar significativamente a súa traxectoria.

Publicidade

Unha cápsula do tempo de 10.000 millóns de anos

Os resultados indican que 3I/ATLAS é un obxecto extraordinariamente antigo, cunha idade próxima aos 10.000 millóns de anos. Isto convérteo nunha auténtica cápsula do tempo cósmica, capaz de conservar información sobre a formación e evolución dos primeiros sistemas planetarios do Universo.

Aínda que non se logrou identificar a súa estrela de orixe, e probablemente nunca se consiga, os datos sinalan que provén do mesma contorna dinámica que gran parte da materia do disco delgado da Vía Láctea.

O estudo tamén subliña a dificultade de rastrexar a procedencia de obxectos interestelares individuais. Porén, o equipo destaca que, a medida que aumente o número de descubrimentos deste tipo, será posible detectar tendencias químicas e dinámicas a escala galáctica, achegando pistas únicas sobre como os planetas e cometas fórmanse e dispérsanse polo Cosmos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade

Pódcast | Do sangue á lava: ciencia para predicir fluídos

A matemática e investigadora do CITIC María González Taboada participa no novo episodio de O Descodificador

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial

Pódcast | Industria intelixente: como construír a fábrica do futuro

O investigador do CITIC Óscar Fontenla Romero participa nun novo episodio de O Descodificador centrado no proxecto Casandra