Venres 29 Marzo 2024

Remontar o Miño e arrasar Vigo: as outras (terribles) visitas dos viquingos

Entre os séculos IX e XI, os saqueadores nórdicos visitaron Galicia en varias ocasións e chegaron ata as montañas do Courel

Na actualidade, as invasións viquingas son hoxe unha festa que ten o seu epicentro en Catoira. Alí, xunto ás torres de Oeste, erguidas en sucesivas obras por bispos como Sisnando, Cresconio ou Xelmírez, desembarcan hoxe cornudos con ánimo de festa. Pero a realidade histórica foi moito máis temible. E transcendeu este punto xeográfico ao comezo da ría de Arousa. Porque os invasores nórdicos asaltaron todas as rías galegas e algunhas crónicas din que as súas incursións chegaron ata as montañas do Courel.

O cronista Xosé María Álvarez Blázquez afirma que estivo nas illas Cíes o caudillo viquingo Olaf Haraldson, quen máis tarde sería canonizado como San Olaf. E conta unha incursión na ría de Vigo en 970. “Os normandos inzaron as costas galegas e fan incursións atrevidas terra adentro”, conta na súa obra ‘A cidade e os días’. “As bocas das nosas rías están practicamente taponadas polas naves dos audaces invasores. Penetran na ría de Vigo e, ao mando do caudillo Gunderedo ou Gundraed, chegan ata Fornelos, onde o arcebispo compostelán, Don Sisnando II, que lles saía ao paso, morre ese día”.

Publicidade

Continúa Álvarez Blázquez narrando que houbo novas incursións en anos sucesivos e que Olaf “chegou a remontar o río Miño e apoderarse de Tui”.

No ano 2017, un achado arqueolóxico volveu lembrarnos as invasións viquingas nesta terra. Porque Harald  Blåtand foi rei de Noruega e Dinamarca a finais do século X. E o seu tesouro, formado por máis de 600 pezas de prata, foi atopado mil anos máis tarde. E falamos do caudillo dunha familia que arrasou Galicia na segunda grande ondada viquinga, na que os invasores saquearon  Jakobsland.

Un rapaz de 13 anos deu coa pista do tesouro do rei Harald, atopando unhas antigas moedas na illa de Rügen,  en Alemaña. Como curiosidade, o rei Harald  Blåtand daría nome á tecnoloxía  Bluetooth, cando a compañía Ericsson bautizouna en homenaxe ao antigo caudillo viquingo.  Blåtand significa ‘dente azul’, do mesmo xeito que ‘Bluetooth’ en inglés.

O que resulta menos popular é que este tesouro, e esta familia viquinga, están  intimamente relacionados con Galicia. Porque foron eles os que protagonizaron a segunda gran onda que arrasou o país a finais do século X.

A primeira incursión

A primeira incursión data dun século antes, cando en agosto de 844 os nórdicos atacaron o  Farum  Brecantium, que adoita identificarse coa Torre de Hércules. A lenda di que o bispo Gonzalo conseguiu rexeitar aos invasores, desatando unha tempestade coas súas oracións. Máis tarde, en 858, regresarían os viquingos, nesta ocasión arrasando a ría de Arousa, Iria Flavia e poñendo sitio a Compostela, onde os veciños pagaron para que se levantase o cerco. Volverían en 951 e 964. Nesta última visita atacarían Mondoñedo, sendo rexeitados polo bispo Rosendo de Celanova.

E así chegaría a segunda gran onda viquinga, xa a finais do século X. Na que está implicada a familia de Harald  Blatand. Porque, en 968, aparece en Galicia o seu sobriño, chamado  Gudrød ou  Gunrod. Nas crónicas galegas aparece como  Gunderedo, como o cita Álvarez Blázquez.

As torres de Oeste, defensa contra os ataques viquingos.

Nesta ocasión, os viquingos estaban  en Normandía e suxeríronlles conquistar Galicia, “esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos”. Gunderedo chegou con duascentas naves e do seu carácter temible fala o feito de ser fillo do rei  Erico I, alcumado ‘Machada Sanguenta’. Parte dos invasores viquingos saquearon a ría de Arousa, mentres outros atacaban a  diocese de Bretoña. En Santiago, o bispo Sisnando saíu ao seu encontro, pero non conseguiu detelos, morrendo na terrible batalla de Fornelos o 29 de marzo de 968, que é a que lembra o cronista vigués.

Co país rendido á  ferocidade viquinga, os invasores saquearon Galicia enteira, chegando ata o Courel. Só en Lugo o bispo Hermexildo conseguiu contelos. Cando  Gunderedo xa regresaba á súa terra, cargado cos tesouros saqueados, saíu ao seu encontro o conde Gonzalo Sánchez, que os derrotou, deu morte a Gunrod  e conseguiu queimar parte das súas naves.

‘Dente azul’

Non correría mellor sorte o irmán de Gunrod,  o rei de Noruega Harald  Eirikson, que morrería un ano máis tarde, en 970, nunha batalla en Iutlandia.  O seu sucesor no trono noruegués sería o tío de ambos os caudillos, Harald  Blatand, que unificaría esta coroa coa de Dinamarca.  Blatand é o famoso rei ‘Dente Azul’ que deu nome ao dispositivo  Bluetooth e do que agora veñen de atopar o seu tesouro.

Tempo máis tarde, viría Olaf Haraldson, para poñer o seu pé nas illas Cíes, como tamén escribiu en varias ocasións Álvaro Cunqueiro. E aínda habería a incursión de Ulf ‘O Gallego’, chamado na súa lingua Ulf Galiciefarer, un alcume gañado polos seus éxitos saqueando o país. Hoxe estes antigos viquingos constitúen unha festa. Pero as súas invasións, esvaecidas nas brumas da lenda, foron unha historia moito máis temible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os raios cósmicos axudan a datar a presenza de viquingos en América no ano 1021

A análise de restos de madeira cortada nun asentamento de Terranova 29 anos despois dunha tormenta solar permite concretar o tempo da presenza viquinga

Catoira xa prepara o 2º Congreso Internacional sobre Cannabis

O profesor da UVigo Manuel Isorna dirixe o comité organizador, que traerá a 28 especialistas de Europa e Estados Unidos para abordar os efectos da droga

Loitou Ulf o Galego contra os musulmáns? Fala o descubridor do viquingo que arrasou Galicia

Bjarne Henning Nielsen, o arqueólogo que atopou a tumba do nobre en Dinamarca, achega a GCiencia novos datos sobre o achado

Encontran o tesouro dos viquingos que arrasaron Galicia no século X

O sobriño do rei Harald Blatand, que deu nome ao dispositivo 'Bluetooth', saqueou Jakobsland ata o Courel en 968