Venres 19 Abril 2024

Catoira xa prepara o 2º Congreso Internacional sobre Cannabis

O profesor da UVigo Manuel Isorna dirixe o comité organizador, que traerá a 28 especialistas de Europa e Estados Unidos para abordar os efectos da droga

Difundir información sobre os efectos do consumo de cannabis na saúde e facilitar información a profesionais docentes e sanitarios sobre o problema de saúde pública que representa o consumo desta droga son dous dos obxectivos do II Congreso Internacional sobre Cannabis e os seus derivados, que entre o 7 e o 9 de novembro reunirá en Catoira 28 especialistas procedentes de diferentes países europeos e de Estados Unidos. Farano para abordar, como conferenciantes, o consumo desta substancia e as problemáticas derivadas deste desde as ópticas da saúde, a educación e a lexislación, nun foro que promoven o Concello de Catoira, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o Plan Nacional Sobre Drogas e a Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Acholismo y las otras Toxicomanías (Socidrogalcohol), xunto do grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo, e que ten no profesor Manuel Isorna ao presidente do seu comité organizador.

O programa preliminar deste congreso internacional foi presentado na tarde deste xoves no Concello de Catoira, nun acto que contou coas intervencións del Alberto García, alcalde da localidade; Azucena Martín, delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas; Raquel Zubizarreta, subdirectora xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade; e Gerardo Flórez, secretario de Sociodrogalcohol. “Trátase da sociedade científica máis importante en España” sobre estas temáticas, que se incorpora nesta segunda edición á organización dun congreso que, explica Isorna, potenciará neste 2019 a súa dimensión internacional, con conferencias en inglés e castelán e tradución simultánea a ambos idiomas. “Estamos falando dun fenómeno global e se queremos estar na vangarda da investigación sobe o cannabis temos que traer aos mellores”, sinala Isorna dun evento que abrirá nas próximas semanas a súa inscrición, co propósito de superar as preto de 300 persoas que participaron en 2017 na primeira edición dun congreso dirixido a profesionais sanitarios e da educación, estudantes das ramas socio-sanitaria e outro tipo de axentes “interesados en dar unha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis, fenómeno que sufriu un grande auxe nos últimos anos”.

Publicidade

Tres días, 29 expertos, tres focos de análise

Oito conferencias maxistrais, impartidas por especialistas de recoñecido prestixio internacional, e seis mesas redondas, nas que participarán outros 17 relatores e relatoras, integran o programa preliminar dun congreso que nesta segunda edición incorpora tamén como novidade tres talleres de carácter práctico. Por unha banda o congreso centrará máis da metade dos seus contidos, no eido sanitario, abordando cuestións como “as repercusións do mal chamado consumo recreativo, que é un termo inventado pola industria” ou o potencial terapéutico dos derivados cannábicos. Para abordar estas cuestións, contará, entre outros, coa participación da pediatra da Harvard Medical School Sion Kim Harris, quen falará das “repercusións do consumo de cannabis no cerebro dos adolescentes”, ou de Robin Murray e Marta di Forti, do King’s College de Londres, dous expertos que abordarán “a relación entre o consumo de cannabis e o desenvolvemento de trastornos psicóticos”.

As problemáticas asociadas a estas drogas serán así mesmo abordadas desde unha óptica legal nun foro que contará tamén coa participación de Iván Montoya, do National Institute on Drug Abuse do Goberno dos Estados Unidos; de Brendan Hughes, do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías da UE, quen falará da situación legal do cannabis en Europa, ou do fiscal antidroga Luis Uriarte; mentres que na súa vertente educativa, o foro avaliará cuestións como a prevención e o traballo coa infancia e mocidade, aspectos nos que se centrará, por exemplo, o experto portugués Nelson Carvalho. Rafael Maldonado, da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona; Fernando Rodríguez de Fonseca, da Complutense de Madrid; e Jón Sígfusson, do Instituto Islandés de Análise e Estudo Social (Icscra) figuran tamén entre os responsables das nove conferencias plenarias dun congreso que, na tarde do xoves 7, abrirán tres talleres simultáneos, nos que se tratará que é o cannabis e como se elabora, posibles medidas preventivas e a entrevista motivacional enfocada a consumidores desta droga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A procura para converter o cánnabis nun potente medicamento

A marihuana resulta prometedora para tratar enfermidades como a depresión, a artrite e a epilesia

Como previr o consumo de drogas na adolescencia

Os mozos e mozas que non toman alcol ou cánnabis presentan un mellor funcionamento familiar e maior apoio social

A praga do fentanilo: así actúa esta droga devastadora

Este opiáceo de laboratorio é extremadamente tóxico e adictivo. En Estados Unidos xa corbou decenas de miles de vidas

Volve ‘Regueifas de Ciencia’ cun debate sobre o cannabis

O encontro celebrarase o xoves 20 de abril ás 19.30h na Facultade de Comunicación da USC, con entrada libre ata completar aforo