Publicidade
Domingo 16 Marzo 2025
Publicidade

Mar Capeáns: “Pódese chegar a postos de poder. Non hai que ser unha supermuller”

A física galega forma parte da dirección do CERN, unha organización que conta cun 24,5% de investigadoras no seu cadro de persoal

Mar Capeáns forma parte da dirección da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). Leva traballando nesta entidade referente na física de partículas dende 1992. Confesa a paixón que sente pola ciencia, pero non sempre tivo claro que camiño escoller. Despois de doutorarse en Física pola Universidade de Santiago deu o salto a Suíza e desenvolveu case toda a súa carreira investigadora no CERN. Dende alí nos recibe, pero admite que a morriña por Galicia a acompaña alá a onde vai. Así o recoñece na primeira entrevista de Ciencia en feminino 2025, o ciclo de charlas e mesas redondas organizado por GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M, Día Internacional da Muller.

“As mulleres seguimos sendo minoría no CERN. Fixéronse moitos avances nos últimos anos, podo explicar o progreso, pero non entendo por que é tan lento”, declara a física galega, actual líder do Departamento de Enxeñaría Civil e do Sitio. A organización europea, que ata 2021 só contaba cun 20% de mulleres, logrou escalar ata o 24,1% en tan só tres anos. Capeáns explica que este salto se debe ao programa imposto polo CERN, que pretende chegar ao 25% de investigadoras en 2025. E recoñece o importante pulo destas medidas trala chegada dunha muller á dirección do centro.

Publicidade

Crear unha “canteira” de mulleres

“Nos doutoramentos que se fan en Europa hai tantas mulleres coma homes. Unha vez que empezas a carreira profesional, elas aparecen menos, sobre todo nos postos de poder. E isto pasa en case todos os países europeos”, refire Capeáns. “Debemos crear unha canteira de mulleres que acaden espazos de poder. Cantas máis esteamos na cúpula, máis fácil será. Liderei varios grupos e sempre estiven absolutamente satisfeita co traballo das mulleres. Hai algo que fai que nos custe máis, pero o talento está”, matiza a física galega. Unha das claves está en ter referentes: “Pódese chegar a postos de poder. Non hai que ser unha supermuller”.

Capeáns pon énfase na necesidade de crear unha canteira. É dicir, de que cada vez haxa máis mulleres na base para que aumenten as súas posibilidades de chegar a postos de relevancia e a espazos de poder. Ao longo dos seus 33 anos de traxectoria no CERN, a física dubida que na organización europea a discriminaran pola simple razón de ser muller. “Se me sentín así non sei se era por ser muller, española, por falar mal o inglés…”, indica na primeira entrevista de Ciencia en feminino 2025. E insiste no talento das mulleres dos sucesivos equipos que ela liderou nas tres décadas que leva traballando na organización europea.

Unha mirada cara ao futuro do CERN

Dende 2021 lidera o Departamento de Enxeñaría Civil e do Sitio; unha volta á súa carreira centrada na construción dos aceleradores de partículas. “O noso obxectivo é construír as infraestruturas do acelerador do futuro”, sinala. Dalgunha maneira, o traballo que está a desenvolver agora a física galega é mirar cara ao futuro. Desenvolver a tecnoloxía necesaria para crear un LHC máis potente aínda que o actual. Con todo, Capeáns recoñece que son proxectos lentos e longos. “A planificación pode levar 10 anos. Estamos imaxinado a día de hoxe o que poderá acontecer en 2040”, apunta.

O achado do bosón de Higgs

Un dos momentos máis excitantes da súa carreira no CERN foi o descubrimento do bosón de Higgs en 2012. “Foi moi emocionante. Todos sentiamos que eramos parte do descubrimento”, lembra. De feito, cando se incorporou á organización europea comezou a traballar no departamento de I+D e, en concreto, no desenvolvemento de detectores que posteriormente integraron o LHD. Polo tanto, Capeáns contribuíu co seu gran de área ao achado que xa é un fito da ciencia contemporána. “O bosón de Higgs foi a guinda do pastel. Era a única partícula predita polo modelo estándar da física de partículas que non se vira experimentalmente”, explica.

Outros dos puntos nos que pon énfase Capeáns é na necesidade de divulgación, sobre todo nun campo que, de portas para fóra, pode parecer tan arduo como a física de partículas. Máis alá de centrarse nos estudantes, a galega opta por formar ao profesorado, para así multiplicar as posibilidades de que os coñecementos e os avances do CERN cheguen á maior cantidade de alumnado europeo posible. E, sobre todo, pon o foco en que máis alá do acelerador de partículas, todo o desenvolvemento tecnolóxico que permitiu a creación do experimento tamén axudou a transferir coñecemento á sociedade. Sen ela sería impensable a WWW, as tomografías ou os imáns supercondutores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:53:24

“As mulleres temos que dar un ‘pelotazo’ para ser visibles”

As científicas galegas María Tubío, María José Ginzo e Cintia Folgueira participaron na primeira mesa redonda de 'Ciencia en feminino' para falar sobre a situación das mulleres científicas
00:53:24

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Ser científica no século XXI

As doutoras María Tubío, María José Ginzo e Cintia Folgueira participan na segunda sesión de 'Ciencia en feminino' para falar sobre os avances e os retos das mulleres científicas
00:37:08

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Mar Capeáns

A física galega traballa no CERN dende 1992, onde se especializou na construción de aceleradores de partículas

GCiencia ofrece unha nova edición do ciclo de charlas e mesas redondas ‘Ciencia en feminino’

Mar Capeáns, María Loureiro, María Tubío Fungueiriño e Cintia Folgueira, entre as invitadas dun programa desenvolvido en colaboración coa Deputación de Pontevedra