Un estudo constata o ‘baixón’ no rendemento dos futbolistas a partir dos 30 anos

O investigador da UVigo Ezequiel Rey é un dos autores dun traballo internacional que recolleu datos de 419 xogadores de Primeira e Segunda División

As distancias percorridas a máis de 21 quilómetros por hora por futbolistas maiores de 30 anos son entre un 6,3% e un 26,4% inferiores que as dos xogadores que se sitúan por debaixo desta franxa de idade. Por outra banda, os menores de 25 son capaces de percorrer en sprint, a máis de 24 quilómetros por hora, unha distancia entre un 8,5% e un 33,3% superior que os que superan esta idade, ao igual que alcanzan unha velocidade máxima entre un 1,1% e un 4,5% maior. Estes son algúns dos datos que se extraen da análise que o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey realizou, xunto a Pablo Costa, o docente da California State University Francisco Corredoira e Álex Sal de Rellán, dos movementos realizados por 419 xogadores da primeira e segunda división española ao longo dunha tempada. O obxectivo desta análise, explica o investigador do grupo Remoss, era corroborar “algo que historicamente xa se tiña en conta no fútbol, que a idade é un factor moi importante” no rendemento dos xogadores.

Os resultados desta investigación, que Rey completou no marco da estadía que realizou na universidade de California State como beneficiario dunha bolsa José Castillejo, do Ministerio de Ciencia e Innovación, recóllense nun artigo que neste 2021 será publicado nun dos volumes do Journal of Strenght and Conditioning Research, que en 2019 fixo público na súa web un avance de publicación deste traballo.

Publicidade

Valéndose dos datos obtidos a través do “sistema multicámara” da Liga, que rexistra “como se moven os xogadores no campo” ao longo dun partido, esta investigación comprendeu 10.739 observacións individuais de 419 xogadores de primeira e segunda, correspondentes á tempada 2017-2018. Estes agrupáronse á súa vez en cinco grupos por franxas de idade (menores de 20 anos, de entre 20 e 25, de entre 25 e 30, de entre 30 e 35 e maiores de 35), co obxectivo de constatar os “efectos da idade” en accións como as distancias percorridas a alta intensidade ou en sprint que, como sinala Rey, son “determinantes para o resultado final”.

Os resultados amosan que os xogadores de 30 anos ou máis presentan un “decrecemento significativo” na distancia total percorrida, na súa velocidade media e máxima e nos metros percorridos a alta intensidade e en sprint. Nese senso, Rey sinala que todos os valores analizados no estudo “empeoran” nas franxas de maior idade. De feito, no grupo de futbolistas de 35 anos ou máis realizaban entre un 17,4% e un 37,5% menos de accións a alta ou moi alta intensidade que os dos outros grupos, á vez que a distancia total que percorrían sobre o céspede era entre un 10,6% e un 14,8% menor que a dos xogadores de entre 30 e 35.

Publicidade

O traballo pon o foco nuns aspectos “que teñen un peso moi grande no fútbol moderno”, expón Ezequiel Rey

Aínda que o feito, como lembra Rey, “de que o rendemento físico vai decrecer ano a ano é lei de vida”, este traballo pon o foco nuns aspectos “que teñen un peso moi grande no fútbol moderno” e que non foran estudados previamente. “Aínda que un xogador sexa moi bo, o feito de que non sexa capaz de chegar a un balón vai condicionar todas as súas virtudes”, recoñece o investigador, que lembra que o 70% dos goles márcanse en accións nas que tanto quen anota como quen asiste atópanse realizando un sprint ou correndo a alta intensidade. Nese senso, recoñece, o estudo “corrobora as prácticas habituais nos clubs de alto rendemento”, no referido a ter en conta a idade á hora de renovar ou ofrecer contratos de maior ou menor duración aos seus futbolistas.

Pese a iso, explica, trátase do primeiro estudo que compara o rendemento físico dos futbolistas en función da súa idade, unha liña de análise na que continúan afondando, xunto co catedrático da facultade Carlos Lago, co propósito de sumar a este traballo de “corte transversal” unha investigación lonxitudinal que permita coñecer como, ao longo da súa carreira, un mesmo futbolista varía o seu rendemento nesta serie de parámetros.

Escaleiras de axilidade

Rey levou a cabo este estudo no marco da estadía de investigación que a finais de 2018 realizou en California, con Costa como coordinador. Tratouse dun dos traballos sobre rendemento en deportes colectivos que levou a cabo no Center for Sport Performance desta universidade e que se sumaron ao proxecto de investigación polo que foi seleccionado na convocatoria da José Castillejo. Este tiña como obxectivo, explica, analizar a efectividade dun material empregado de forma moi común na preparación de deportistas, a chamada “escaleira de axilidade, unhas cordas cuns chanzos transversais”, que se estenden sobre o solo para realizar diferentes exercicios dirixidos a mellorar as habilidades de coordinación.

“Trátase dunha ferramenta moi económica e moi estendida”, recoñece Rey, pero da que non existían “evidencias científicas” respecto da súa efectividade. “O que investigamos é se aplicar un programa de adestramento nesta escaleira, facendo unha serie de exercicios pautados e progresivos, xeraba as adaptacións a nivel coordinativo e físico que se presupuñan. E resulta que non”, salienta o investigador. Dous artigos, publicados nos últimos meses no International Journal of Sports Medicine e no Journal of Human Kinetics recollen os resultados de dous estudos realizados con xogadores en categorías de formación, que en ambos casos se dividían en dous grupos, un que sumaba ao adestramento habitual 15 minutos de exercicios na escaleira e outro que non os realizaba. Os resultados, conclúe, amosan que esta escaleira “non xera beneficios”, xa que ambos grupos presentaban “a mesma evolución”, o que ao xuízo deste investigador constitúe “un primeiro paso para saber que quizais non sexa unha ferramenta eficaz, nin tampouco prexudicial”, a pesares do estendido do seu uso.


Podes consultar a nova do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A actividade física reduce a mortalidade prematura nas persoas con obesidade

A obesidade é un problema de saúde global, que afecta a...

Reino Unido recomenda aos nenos non rematar de cabeza por posibles danos cerebrais

As federacións de fútbol de Inglaterra, Escocia e Irlanda do Norte vetan a práctica nos adestramentos aos menores de 11 anos

Un estudo galego explica como inflúe o fútbol na percepción social da inmigración

Os investigadores Carlos e Ignacio Lago analizan a percepción social dos futbolistas estranxeiros en función dos resultados dos equipos

Unha aplicación galega para ‘activar’ o desenvolvemento motriz desde a infancia

O proxecto de científicos das universidades de Vigo e Santiago medirá o grao de adquisición de habilidades que contribúen a un estilo de vida activo