O proxecto Innova MicroLab, que comeza a executarse en Galicia, pode supoñer un cambio de paradigma na detección das enfermidades infecciosas e na utilización dos datos do microbioma humano para aplicar tratamentos personalizados e desenvolver terapias innovadoras. A Consellería de Sanidade, o SERGAS e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) colaboran xunto coa Fundación Profesor Novoa Santos nun ambicioso plan que conta cun orzamento de 5,7 millóns de euros (cofinanciado nun 80% con fondos FEDER) ata xuño de 2023.
Innova MicroLab xorde da necesidade de afrontar un problema de saúde existente a nivel mundial, a resistencia a medicamentos antimicrobianos e evitar a posibilidade de que as infeccións se convertan en incontrolables por este motivo. O proxecto prevé o desenvolvemento de dúas plataformas tecnolóxicas totalmente automatizadas que permitirán mellorar os tratamentos que se lles aplican aos pacientes.
Segundo explica German Bou, xefe do Servizo de Microbioloxía do CHUAC e coordinador do grupo de investigación en Microbioloxía do INIBIC, o obxectivo final é o de crear un laboratorio do futuro no que os cidadáns poidan atopar solucións para moitos dos problemas que afrontan na actualidade. “A nosa idea é a de contar cun sistema de atención temperá de calquera tipo de infección. Será un método de diagnóstico case universal xa que non terá un obxectivo dirixido como ocorre ata o de agora. Tamén poderá utilizarse para prever situacións como a pandemia actual”, indica Bou.
A primeira das plataformas que se vai desenvolver consiste nun sistema de diagnóstico ultrarrápido, capaz de identificar calquera proceso infeccioso en poucas horas e con detección temperá das bacterias resistentes aos antibióticos. Permitirá obter resultados válidos para enfermidades como a meninxite/meningoencefalite, pneumonía e septicemia, a partir de calquera mostra clínica biolóxica.
A segunda plataforma automatizada combinará técnicas como a secuenciación do microbioma humano con ferramentas informáticas de última xeración e Big Data. O seu obxectivo será o de estudar e analizar cambios no microbioma humano (principalmente microbiota intestinal) asociados á xénese e prognóstico de enfermidades. Deste xeito, poderá mellorarse a personalización dos tratamentos e o desenvolvemento de novas terapias innovadoras.
No marco do proxecto Innova MicroLab, o SERGAS e a Fundación Profesor Novoa Santos asinaron un convenio para colaborar na investigación necesaria que se desenvolverá no CHUAC de A Coruña a partir do mes de xullo para desenvolver un plan que deberá estar finalizado en xuño de 2023. “Partimos tamén dos datos cos que xa contamos de investigacións previas”, explica Bou, “e a idea é que unha vez concluído o proxecto os resultados poidan aplicarse noutros hospitais do SERGAS e tamén exportarse”.
Para desenvolver o proxecto será necesario contar cun apartado de bioinformática “moi importante” e os hospitais nos que se poña en marcha este tipo de laboratorios terán que contar cun importante equipamento para desenvolver todas as potencialidades do Innova MicroLab. “Dado o importante orzamento co que contamos, haberá un seguimento moi estreito do desenvolvemento do proxecto e distintos prazos a cumprir no traballo a realizar. Para nós é unha grande responsabilidade poñer en marcha un proxecto deste tipo pero o afrontamos tamén cunha gran ilusión”, sinala Bou.
O proxecto Innova MicroLab debera estar finalizado en xuño de 2023 e conta cun presuposto total que chega aos 5,7 millóns de euros, cunha importante financiación de fondos FEDER
Os seguintes pasos que se darán no desenvolvemento deste proxecto de innovación serán a formulación de consultas preliminares ao mercado, para solicitar información de operadores económicos, axentes sociais e axentes de coñecemento e identificar as características das posibles solucións que mellor se adapten aos requisitos do servizo e as necesidades dos usuarios e, posteriormente, a licitación dun expediente de Compra Pública Precomercial, que é un tipo de contratación empregado para os servizos de I+D co que se tratará de concretar as solucións propostas.
Innova MicroLab enmárcase dentro da importante aposta do Servizo Galego de Saúde pola innovación e compleméntanse co Plan de Innovación Sanitaria Código 100, centrado no envellecemento activo e saudable e os Plans de Innovación Sanitaria InnovaSaúde e Hospital2050, no marco das actuacións de impulso da Compra Pública de Innovación en Saúde.