Radiografía da nova avespa xigante que apareceu en Asturias: xa está en Galicia?

Un equipo da Universidade de Oviedo detecta catro exemplares en Siero. Trátase do primeiro rexistro desta especie en Europa

Un equipo da Universidade de Oviedo vén de detectar catro exemplares de Vespa soror en Asturias, unha especie natural de rexións cálidas de Asia. Malia que as súas características difiren das da coñecida velutina, a súa potencial expansión pode xerar un problema invasivo similar.

O achado deuse a coñecer a través dun estudio publicado na revista Ecology and Evolution realizado por investigadores da Universidade de Oviedo e financiado polo goberno de Asturias e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Segundo expón o artigo, a presenza dos exemplares de Vespa soror detectouse a través dun programa de seguimento ecolóxico, centrado en avaliar a diversidade dos insectos afectados pola presenza da velutina no norte da península. “Trátase do primeiro rexistro desta especie en Europa“, explica o coautor do artigo e investigador da Universidade de Oviedo Omar Sánchez. “Só se coñecía que saíse de Asia unha vez: a América”, matiza.

Publicidade

En concreto, acháronse catro exemplares deste tipo de himenóptero nunha trampa para velutinas situada no lugar de El Campo, na parroquia de Granda, en Siero. “Rexistramos dúas obreiras, que atopamos en febreiro e marzo de 2022. Logo volvemos atopar outras dúas en outubro de 2023”, indica. O espallamento temporal dos achados non é, en principio, unha boa nova. “Isto quere dicir que, se chegou en 2022, polo menos sobreviviu ata o 2023”, sostén.

Como son estas novas avespas? Fisicamente, moi distintas da velutina: mentres esta é case negra, agás un segmento laranxa no abdome e nas patas, a Vespa soror alterna amarelo e negro: a cabeza nesta primeira cor e o final do abdome escuro. Tamén é algo máis grande. Ademais disto, “non é que sexa máis agresiva, pero a súa picadura si que é algo máis dolorosa e, probablemente, dura máis no tempo”.

Publicidade

O problema da súa localización

Exemplares de Vespa soror capturados en Asturias. Foto: Universidade de Oviedo

Vespa soror é difícil de localizar. “Cremos que as trampas que temos postas están bastante lonxe da colonia, e por iso caen moi poucos exemplares”, matiza. O investigador considera probable que exista mínimo unha colonia. “De momento non a temos localizada. Ademais, a diferenza da velutina, que pon eses niños tan grandes en altura, en edificios ou en árbores, esta nidifica no solo, co que vai ser máis complicado aínda atopar os niños”, sinala.

No artigo afóndase neste problema. A meirande parte das colonias de Vespa soror atópanse en áreas boscosas, situadas ata 700 metros sobre o nivel do mar. O niño adoita estar baixo o solo, habitualmente nunha costa, co orificio de entrada escavado en ángulo e, con frecuencia, entre as raíces de árbores grandes. Algunhas nidificacións poden chegar a estar baixo máis de 60 centímetros de túneles. “Isto pode converterse nun problema se esta especie se xeneraliza no norte de España, dado que, como pasa coa velutina, o primeiro factor para o seu control efectivo é a retirada dos niños tras detectalos”, explican no artigo, no que propoñen un nome común en castelán para a especie: “avispón sóror”.

Unha avespa polisón

Como chegou ata aquí a Vespa soror? O artigo apunta que podería ter sido como polisón, durante a hibernación, unha posibilidade que desenvolve María José Servia, investigadora, profesora e docente da Universidade da Coruña (UDC). “O que está a recoller a literatura científica”, explica, “é que a globalización, as viaxes, os transportes de mercadorías, o turismo, están facendo que haxa moita entrada de especies invasoras”.

Esta dispersión de especies invasoras a outras áreas novas ten un ritmo moi alto, destaca; no caso dos insectos, son organismos que son moi facilmente transportados de forma non intencionada. Os himenópteros teñen, ademais, unha grande capacidade de supervivencia.

A presenza invasora deste himenóptero pode levar á predación de insectos autóctonos, invertebrados de diverso tamaño como bolboretas, libélulas ou grilos, así como outras avespas e abellas. Incluso pode chegar a afectar a pequenos invertebrados. “É certo que lles prestamos moita atención ás avespas, porque a chegada da velutina hai anos supuxo un cambio radical”, desenvolve Servia. “Temos moitas melloras que facer aínda na xestión da velutina”, recoñece, “e a chegada de especies novas preocupa”. O seu impacto podería ser notable para sectores como a apicultura ou determinados cultivos. E, como non, para o ser humano, xa que ten unha picadura máis agresiva que as das especies autóctonas.

Chegará a Galicia?

A detección de exemplares de Vespa soror en Asturias en anos distintos non é boa noticia, pero haberá que continuar coa vixilancia antes de dar por sentado que xa está instalada. “A avespa asiática chegou cunha raíña fecundada por cinco machos, e a diversidade xenética permitiulle sobrevivir. Neste caso non sabemos se está fecundada”, sinala Sánchez. “Pode ser que por deriva xenética non consiga establecerse, ou todo o contrario”, engade.

Patróns de coloración máis comúns das especies de Vespa e Dolichovespula da península. Vespa velutina (A), Vespa orientalis (B), Vespa crabro (C), Vespa bicolor (D), Vespa soror (E) e raíña de Dolichovespula media (F). Debuxos adaptados de Perrard et al. (2014)

De momento, di, está moi localizada, pero é difícil prever o comportamento. Desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aseguran que, polo momento, non teñen constancia da presenza desta especie en Galicia. Sánchez engade que a Vespa soror vive nunhas condicións medioambientais de moita humidade e vexetación, polo que podería darse tanto Asturias como Galicia e a zona da costa atlántica e cantábrica.

Mellor previr

Isto non implica que vaia espallarse si ou si. Polo momento, hai que “establecer programas de control, sistemas de trampas que poidan ser analizados”, sinala Servia. Para Sánchez, “o mellor é previr que cheguen, porque unha vez que o fan poden causar unha explosión demográfica e invadilo todo moi rápido”. O investigador da Universidade de Oviedo recoñece que o trampeo da velutina non é de todo selectivo e, polo tanto, non sempre é eficaz. “O control está moi ben e funciona, precisamente, para dar a voz de alarma sobre estas cousas, pero localizar e controlar a invasión é moito máis complexo”, sintetiza Servia.


Referencia: Early Alarm on the First Occurrence of the Southern Giant Hornet Vespa soror du Buysson, 1905 (Vespidae) in Europe (Publicado en Ecology and Evolution)

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da velutina aos meles de baixa calidade: os retos actuais da apicultura

A confluencia de varios factores ameazan á saúde da abella e do seu ecosistema. Por Damián Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe

A guía definitiva para frear a expansión da velutina en Galicia

O documento elaborado pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental establece protocolos de actuación para protexer a poboación, a apicultura e a biodiversidade

Chegará o avespón oriental a Galicia? “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”

O cambio climático e o comercio de mercancías incrementan o risco de expansión desta especie invasora cara ao noroeste peninsular

Que é o avespón oriental: a nova ameaza que toma o relevo da velutina

O depredador de abellas melíferas está considerado unha das principais pragas do país segundo o Catálogo Español de Especies Invasoras