Unha soa raíña provocou a invasión de velutinas en Europa

Un novo estudo da Universidade de Cork constata que a primeira avespa saltou dende China a Francia en 2004

Un exemplar de avespa velutina.
Un exemplar de avespa velutina.

As especies invasoras teñen unha gran capacidade de propagación e a avespa asiática (Vespa velutina) non é unha excepción. Segundo informan dende o portal de noticias ScienceAlert, é capaz de expandirse máis de 80 quilómetros ao ano, cunha dieta baseada fundamentalmente en abellas e outros insectos. Apareceron en Europa hai case 20 anos e agora un estudo centrado en análises xenéticas desvela que a súa rápida expensión cara ao oeste se debeu, probablemente, a unha soa raíña que saltou dende China a Francia en 2004.

“A investigación revelou o notable potencial para a expansión da poboación deste tipo de insectos, incluso cando a diversidade xenética orixinal é extremadamente baixa”, explica Simon Harrison, ecoloxista da Universidade de Cork. O equipo, liderado por Eileen Dillane, analizou tres xenes da primeira chegada rexistrada a Irlanda da velutina, datada en abril de 2021. Despois comparouse con secuencias de avespas atopadas en Europa continental. Todos os xenes eran xenes mitocondriais, que se transmiten ao longo da liña feminina.

A mesma liñaxe xenética

“Un traballo anterior demostrara que as avespas asiáticas en Europa podían compartían a mesma liñaxe xenética, segundo os estudos dun só xene. Levamos isto un paso máis alá e observamos dous xenes adicionais que serían máis sensibles para detectar variacións dentro da poboación invasora” , explica Dillane. De feito, os resultados do estudo demostraron que a liña materna de avespas que se atopou en Dublín foi a mesma que se viu en toda Europa. “Os nosos resultados, xunto cos doutros grupos, suxiren que toda a poboación de velutinas en Europa, que agora conta con millóns de individuos, descende dunha soa raíña apareada que chegou de China hai uns 15 ou 20 anos”, segundo se recolle no estudo da Universidade de Cork.

No seu sueste asiático, de onde procede a avespa, este insecto aliméntase de abellas que posúen un complexo sistema de advertencia e defensa. Son capaces de atacar unha velutina en grupo, sobrequentándoa ata a morte. Porén, as abellas europeas carecen deste comportamento defensivo , o que as converte en obxectivos fáciles para as avespas. Por tanto, isto xera preocupación polas consecuencias que poida ter na polinización de todo o continente.

Aínda que as avespas asiáticas teñen unha picadura á que algunhas persoas poden ter reaccións alérxicas, non adoitan ser agresivas cos humanos, a diferenza da avespa europea. A baixa diversidade xenética dentro da poboación europea de velutinas podería proporcionar ferramentas para o control biolóxico, segundo sinalan os investigadores de Cork. Desafortunadamente, os investigadores tamén advirten que “é probable que o cambio climático aumente a ameaza dunha invasión exitosa no futuro, polo que se debe manter a vixilancia contra esta especie”.


Referencia: The first recorded occurrence of the Asian hornet (Vespa velutina) in Ireland, genetic evidence for a continued single invasion across Europe (Publicado en Journal of Hymenoptera)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.