“Toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde”. Esa á unha das principais conclusións do informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020), elaborado polo Observatorio Galego de Acción Climática (Ogacli). O seu marco de referencia son as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) que, segundo recolle o documento, son “moito máis esixentes” que a normativa en vigor. Fontes de Ogacli afirman que o aire en Galicia é cualificado de “nocivo” pola OMS debido aos “niveis excesivos” de partículas finas e ozono troposférico que, en diversa medida, afectan tanto ás zonas urbanas como ás rurais.
De todas formas, o informe tamén recolle datos esperanzadores. Constátanse, por exemplo, “importantes descensos” nas emisións de varios contaminantes atmosféricos. Atendendo ás porcentaxes, as de gases acidificantes reducíronse un 81% en 2020 e as de gases precursores do ozono troposférico —tamén denominado malo— nun 42% en comparación cos valores de 1990. No que respecta ás emisións de partículas finas, estas baixaron un 46% en relación a 2020.
As emisións de gases de efecto invernadoiro diminuíron un 36% respecto a 1990
No relativo aos gases de efecto invernadoiro, o informe constata que non se produciu unha redución tan significativa como a dos contaminantes atmosféricos. Así é que minguaron un 36% con respecto a 1990. “Están lonxe aínda do obxectivo do 65% que se debería acadar en 2030 para estarmos na senda do cumprimento do Acordo do París”, afirman fontes de Ogacli. Máis polo miúdo, e facendo unha análise individualizada dos contaminantes, destaca o descenso nun 98% das emisións de dióxido de xofre e nun 59% das de monóxido de carbono. Malia a importancia destas cifras, as emisións de metano e amoníaco aumentaron nun 8% e nun 5% respectivamente.

As causas
Segundo explican no informe, as causas principais da redución global das emisións á atmosfera en Galicia durante ás últimas tres décadas débense á substitución do carbón na xeración eléctrica e melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación. Máis nomeadamente, de vehículos e centrais de carbón. “O sector que máis contribuíu no noso país á diminución das emisións á atmosfera foi o enerxético“, apuntan no informe. Os importantes descensos así o constatan: unha baixada do 99% en gases acidificantes; un 91% en precursores do ozono e un 78% en gases causantes do cambio climático, sempre en relación ao ano 1990. Ademais, recudíronse as emisións de partículas finas un 95% entre o 2000 e o 2020.
“O sector que máis contribuíu á diminución de emisións á atmosfera foi o enerxético”
Polo tanto, a principal fonte de contaminantes atmosféricos xa non é o sector enerxético, tal e como explican no informe. “O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes, cun 59% das emisións totalis”, recolle o documento. Tamén detalla que o transporte e a maquinaria móbil lideraron as emisións de gases precursores do ozono troposférico, nun 41%. No relativo ás partículas finas, a combustión non industrial —é dicir, a doméstica— foi a maior fonte, cun 42%. Dende Ogacli aseguran que todas estas cifras foron extraídas da base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Polo tanto, malia a redución das emisións, a poboación galega segue a respirar aire nocivo segundo os requirimentos da OMS. Fontes de Ogacli reflexionan que é preciso mellorar a calidade do aire para combater a emerxencia climática e urxen a reducir “moito máis” as emisións á atmosfera. “Resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandería extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais”, conclúen no informe.