O crecemento industrial en Galicia será superior ao de España en 2025

O sector da agricultura e pesca galegas mostran unha mellor evolución que a media española, mántendose no tempo con taxas uniformes

O crecemento industrial en Galicia será do 1,8% en 2024, fronte ao 2,2% no conxunto de España. En 2025, dito será de 2,5% para o caso galego, fronte ao 2,4% na totalidade do Estado. Estas son algunhas das predicións do equipo de Hispalink-Galicia, integrado polas investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María-Carmen Guisán, Maite Cancelo, Emilia Vázquez Rozas, Pilar Expósito, Rosario Díaz-Vázquez e Eva Aguayo. Hispalink constitúe unha liña de investigación permanente en economía aplicada de 15 universidades cuxo obxectivo principal é a revisión e análise da situación actual e perspectivas económicas ao longo do Estado.

A última vaga desta investigación permanente estimou nun 1,9% o crecemento da produción real de Galicia en 2023, menor que o de España, situado nun 2,5%. “Como a poboación de Galicia tivo un crecemento menor que a española, en termos per cápita produciuse unha melloría do PIB lixeiramente maior no caso de Galicia en comparación coa media do conxunto do Estado”, apuntan dende o equipo.

Publicidade

Séguese así a tendencia do período 2000-2023, no que se alcanzou un alto grao de converxencia de Galicia coa media española de produción por habitante. Ademais, Galicia foi unha das comunidades con maior resistencia durante a crise de covid-19, cando o PIB real español caeu nun 11,2% mentres que en Galicia só o fixo nun 9,1% debido á menor dependencia do turismo.

O mantemento do sector primario

En 2023, o sector primario (agricultura e pesca) tivo unha diminución menor en Galicia que no conxunto de España, cunha variación de -0,6% en Galicia e de -2,5% en España. Pola súa parte, a industria tivo un incremento maior en Galicia que no conxunto do Estado, cunha variación do 3% fronte ao 1,6%. A construción e os servizos medraron menos en Galicia que en España, con taxas en ditos sectores de 0,2% e 1,9%, en territorio galego, fronte a 2,4% e 3% na totalidade do Estado.

Publicidade

Tal e como apuntan dende o equipo da USC, “os últimos datos dispoñibles mostran unha mellor evolución do sector de agricultura e pesca galega que a media española”. O Valor Agregado Bruto (VAB) do último trimestre de 2023 mostra unha tendencia negativa para Galicia con relación ao trimestre anterior, pero mantense ao longo do tempo un comportamento máis estable que en España. En relación ao emprego, a situación é máis favorable, ao aumentar no primeiro trimestre do 2024 un 7,9% o número de ocupados galegos, segundo os datos da EPA, que contrasta cunha lixeira caída (-1,21) a nivel estatal.

A evolución da industria galega en cifras

O peso da industria galega, no conxunto da súa economía, segue estando por encima da media española, situándose no 17,3%, segundo a Contabilidade Rexional (CRE) do INE, fronte ao 15,6% de media en España, de forma que a participación de Galicia no ano 2022 situouse no 5,8% da industria española. Ao analizar a EPA, o 14,9% das persoas ocupadas galegas, no ano 2023, atópanse no sector industrial, fronte ao 13,3% de España, de forma que en Galicia atópanse o 6% dos e das ocupadas da industria española.

Con relación á construción, o peso do sector no conxunto do VAB diminuíu tanto en Galicia como no conxunto estatal dende o ano 2010, sendo o estimado para o ano 2022 en Galicia de arredor do 6% da economía española. Este foi un sector fortemente impactado polo estalido da burbulla inmobiliaria e pola crise derivada da pandemia da covid-19, aínda que, segundo os datos de CRE no ano 2022 prodúcese unha melloría, con taxas de crecemento do VAB do 2,7% (Galicia) e 3,2% (España).

Próximos anos

Os datos da EPA do 2023 mostran que o sector representa o 6,8% do número de ocupados galegos e o 6,6% no conxunto estatal. Con relación ao número de persoas ocupadas, o último dato oficial dispoñible (primeiro trimestre do 2024) mostra un aumento do emprego, neste sector, do 3,6% en Galicia e do 6,1% en España.

Para 2024, agárdase que o crecemento por sectores se distribúa do seguinte xeito: 1,5% en agricultura e pesca, 2,4% en industria, 2,6% en construción e 1,6% en servizos. De cara a 2025, as previsións de Hispalink indican que o crecemento en agricultura e pesca acadará o 5,9%, fronte ao 2,5% en servizos, ao 1,7% en industria e ao 2,2% na construción.  Finalmente, a taxa prevista de crecemento do VAB real de Galicia para 2026  é do 2.3% e a de España do 2,4%. Por sectores, as taxas de Galicia son do 0,8% en agricultura e pesca, 2,2% en industria, 1,8% en construción e 2,4% en servizos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Presión social e redes: as claves do éxito do cánnabis entre os mozos segundo un estudo galego

Un traballo da USC sinala que a baixa percepción de risco entre os mozos incentiva o consumo da droga máis popular tras tabaco e alcol

Antes de Humboldt e Darwin estivo José de Acosta

As obras do xesuíta do século XVI influiron a pensadores revolucionaros e iniciaron o que hoxe se coñece como a ciencia dos sistemas da Terra
00:01:23

Un torneo de motos emprega a mámoa de Guítara en Pantón como rampla de saltos

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian que se ubique un circuito nunha zona cun conxunto arqueolóxico de ata 10 mámoas protexidas

As computadoras saben ler poesía: un estudo pioneiro analiza a obra de José Ángel Valente

Un profesor e unha investigadora da USC estudan o rico e intrépido universo dunha das figuras fundamentais da poesía española contemporánea