Os 25 anos da ‘resurrección’ da balea vasca en Estaca de Bares

O 5 de decembro de 1993, dous mozos, Pancho Arcos e Iago Mosqueira, estaban observando aves preto da Estaca de Bares. Non esperaban que de súpeto se ían atopar o que foi un dos avistamentos de cetáceos máis importantes dos últimos decenios en augas galegas. Aquel día emerxeu á superficie un exemplar de Eubalaena glacialis, a coñecida como balea vasca ou balea franca do Atlántico Norte.

Nese momento, a balea vasca estaba en serio perigo de extinción, despois da masiva caza que obrigou a unha moratoria comunitaria para salvalas da posible desaparición. Aínda segue sendo unha das máis ameazadas do planeta. Coincidindo co día no que se cumpren 25 anos daquel histórico avistamento, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), publicou nas redes un vídeo no que lembra o fito.

Publicidade

“Iamos ver paxaros e de súpeto apareceu un vulto enorme dun mamífero mariño”, lembra Pancho Arcos

Alfredo López, coordinador da Cemma, e Pancho Arcos, un dos mozos que avistou o exemplar de balea vasca, lembran o que aconteceu. “Iamos ver paxaros. Facía frío, e estabamos incómodos, pero de súpeto apareceu un vulto enorme dun mamífero mariño, pero non lle prestamos máis atención. Pero entón, sae da auga e deu un salto. Quedamos fríos”, lembra Arcos.

Pola súa parte, López conta: “Parecíanos incrible, así que o comentamos con expertos como Álex Aguilar, para que nos confirmara totalmente que era unha balea vasca. Foi un avistamento relevante, e seguira séndoo por moito tempo”.

Publicidade

Foi, desde entón, a última vez que se viu unha Eubalaena glacialis na costa galega. “A posibilidade sempre está aí, se son exemplares divagantes das costas americanas que poidan desprazarse fóra da zona habitual de distribución. Obsérvanse algunha en Islandia e nos Azores, así que non é imposible, pero si difícil. Depende moito de como estea a poboación americana”, conclúe López.

Outra das imaxes da balea vasca tomada por Iago Mosqueira.

A caza de baleas na Península foi moi abundante durante séculos. Os mariñeiros vascos foron pioneiros nesta actividade, comezando polo Cantábrico, estendéndose despois ao resto da costa ibérica e chegando ata as augas de Terranova ou Labrador. A relevancia da actividade chegou a facer que a Eubalaena glacialis fose bautizada popularmente como balea vasca. Estudos xenéticos recentes nos que participou a Cemma confirmaron que esta era a especie capturada hai séculos en augas galegas.

O ano pasado, Galicia foi de novo testemuña de avistamentos moi esperanzadores para o futuro destes grandes cetáceos. A presenza de varios exemplares de balea azul (Balaenoptera musculus), xerou unha grande expectación entre os científicos e apaixonados do mundo mariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación