Que comen as baleas galegas? Isto revela un novo estudo

Un estudo da Universidade de Aveiro e de centros de investigación de Galicia apunta a que os rorcuais consomen ata 67 quilogramos de peixe ao día

Con máis de sete metros de lonxitude e un peso de entre cinco e dez toneladas, as baleas de aleta branca (Balaenoptera acutorostrata) son os rorcuais máis abundantes cerca das costas galegas. Agora, coñécese un pouco mellor a dieta destes maxestosos animais grazas a un estudo da Universidade de Aveiro que conta con participación galega. Os peixes son a presa principal e, concretamente, a xarda e a sardiña son as especies máis presentes na súa dieta. No caso das baleas atopadas en Portugal, o seu consumo baséase nas sardiñas e nos xurelos.

Estes mamíferos consomen un total de 67 quilogramos de comida diaria, segundo as estimacións. O estudo indica que nos últimos anos os rorcuais incrementaron o seu consumo de sardiña. Un dos principais motivos podería ser a recuperación dalgunhas poboacións na zona. En total, calcúlase que as baleas de aleta branca consomen ata 26.100 toneladas de sardiña ao ano. En xeral observouse que os machos teñen unha dieta máis diversa que as femias. Nalgúns deles apreciouse que comeron crustáceos, aínda que non é un consumo destacable.

Publicidade

A balea de aleta branca, en situación de vulnerabilidade

A bióloga Silvia Monteiro analizando o contido estomacal dunha balea. Cortesía da Universidade de Aveiro.

Este animal inxire, polo xeral, sardiñas dun tamaño similar ás que se consomen nas casas. É por iso que se podería establecer certo grado de competencia entre o sector pesqueiro e a alimentación dos rorcuais. Isto pode ser perigoso para a conservación desta especie. A poboación das baleas nestas augas é de ao redor duns 1.400 individuos e está en situación de vulnerabilidade. Ademais, isto súmase á captura accidental, causa de morte no 34% das ocasións en Galicia e nun 75% das veces en Portugal.

De cara a mellorar a situación desta especie, os investigadores destacan a necesidade de facer un seguimento e ter máis control da poboación de sardiña na península ibérica. As actividades pesqueiras deben ser sustentábeis coa preservación dos depredadores mariños, apuntan no informe. A alteración das dietas poden comprometer a condición física destes animais e provocar que substitúan as súas presas por outras de menor calidade nutricional.

Publicidade

Este é o primeiro estudo da dieta da balea de aleta branca neste área de distribución. Nel, participaron investigadores da Universidade de Aveiro, a Sociedade Portuguesa de Vida Selvagem, o Instituto de Conservación da Natureza de Portugal (ICNF), a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro