Novo dano contra o patrimonio megalítico: pintadas no dolmen de Pedra Cuberta

O Concello de Vimianzo abre unha investigación sobre o acontecido despois de atopar varias pintadas realizadas con xiz nos últimos días

Non adoitan pasar moitas semanas sen que o patrimonio milenario de Galicia se vexa afectado por algún tipo de dano en forma de traballos agrícolas ou forestais, imprudencias de persoas, colectivos ou mesmo de Administracións Públicas. Mais nas últimas semanas, parece que estes ataques, intencionados ou inconscientes, ao patrimonio toman forma de pintadas ou riscadas. Aconteceu hai apenas dúas semanas nuns petróglifos da estación rupestre da Laxe da Rotea de Mendo, en Campo Lameiro, onde se atopa un dos conxuntos máis relevantes de Galicia. E estes últimos días o obxecto do dano foi outro emblema do patrimonio megalítico da Costa da Morte: o dolmen de Pedra Cuberta, en Treos (Vimianzo).

Segundo informou este martes o Concello de Vimianzo, o pasado día 4 apareceron uns motivos realizados en xiz, que representan a figura dun gato e unha persoa. Todo apunta a que se produciron durante os días festivos da Semana Santa. Desde o municipio avanzan que se abrirá unha investigación para resolver o acontecido, ao tempo que se ordenou “un estudo técnico sobre a afectación das pintadas neste ben patrimonial, así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación”.

Publicidade

https://twitter.com/Vimianzo15129/status/1379445937010061318

O dolmen de Pedra Cuberta

O monumento de Pedra Cuberta atópase na parroquia vimiancesa de Treos, nunha zona onde se concentra unha parte importante do megalitismo da Costa da Morte. É Ben de Interese Cultural desde 2011. Conservouse desde o Neolítico a pesar de sucesivos danos que provocou a man humana. Ten restos pictóricos en forma de liñas onduladas en vertical e horizontal, círculos concéntricos e triángulos.

Publicidade

Pedra Cuberta acadou relevancia, sobre todo, a partir da visita no 1934 dos arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner, que descubriron a decoración pictórica. Chegaron tarde, porén, para impedir un dos danos aínda hoxe visibles no dolmen, acontecido a comezos do século XX: parte das súas rochas foron rebentadas con dinamita. Con todo, conserva a lousa do corredor, aínda que xa non está presente a da cámara principal. Nos últimos anos, despois de acadar protección, foi adquirido polo concello e limpouse a área da contorna.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Novo espolio en Vimianzo: estragada outra histórica alvariza en monte Faro

O patrimonio de Cova do Raposo está preto de onde estaba a pedra furada que desapareceu e outra estrutura danada pola actividade madeireira

Mámoas roubadas e usadas como ramplas para motos: está en risco o patrimonio galego?

Os danos a elementos como petróglifos son relativamente habituais e en parte débese á súa fraxilidade e á dispersión da poboación en Galicia