En primeiro termo, parte da mámoa de Pedra da Arca (o dolmen, ao fondo) destruída pola plantación de millo. Foto: Cándido Rico/Dólmenes de Galicia.
En primeiro termo, parte da mámoa de Pedra da Arca (o dolmen, ao fondo) destruída pola plantación de millo. Foto: Cándido Rico/Dólmenes de Galicia.

Unha plantación de millo destrúe parte da mámoa do dolmen de Pedra da Arca

O dolmen de Pedra da Arca, situado entre os municipios de Vimianzo e Dumbría, e un dos meirandes e mellor conservados monumentos megalíticos de Galicia, sufriu en datas recentes un importante dano na súa croa (recinto que rodea ao dolmen), debido aos traballos para realizar unha plantación de millo. Segundo recolle La Voz de Galicia, Pedra da Arca, catalogado como Ben de Interese Cultural, sitúase a escasos metros dunha parcela na que se vén usando desde hai anos para traballos agrícolas, aínda que a propia normativa de protección destes elementos obriga a gardar un perímetro de 200 metros.

En palabras recollidas polo xornal, representantes do colectivo A Rula apuntan que “o que se demostra aquí é a ineficacia da Administración, porque se durante este tempo non se lle advirte da irregularidade ao propietario, este acaba por perderlle o respecto ao monumento, sobre todo se ve que a sociedade non lle dá o valor que ten”.

O grave dano causado na Pedra da Arca é un novo episodio nos problemas causados por traballos agrícolas, forestais ou industriais que de forma periódica danan importantes vestixios do patrimonio en Galicia. No propio municipio de Vimianzo, as tarefas para unha plantación de eucaliptos destruíron hai algo máis de cinco anos a Arquiña de Vilaseco, no lugar do mesmo nome. Tanto a Arquiña como o dolmen de Pedra da Arca forman parte do proxecto do Parque de Megalitismo da Costa da Morte, aprobado en febreiro de 2003 pola Xunta de Galicia co obxectivo de protexer máis dunha ducia de enclaves na comarca, pero que 17 anos despois segue sen consolidarse, a pesar de que nos últimos anos foi rescatado pola Deputación da Coruña.

Nos últimos anos, o Concello de Vimianzo organizou actividades de información e divulgación dirixidas aos propietarios de terreos onde se atopan monumentos megalíticos, co obxectivo de informalos das medidas que contempla a lei de patrimonio cultural respecto á protección destes bens, ademais das correspondentes sancións no caso de realizar algunha acción que destrúa ou altere os monumentos. Porén, as agresións séguense producindo de forma periódica.

A Pedra da Arca

O dolmen da Pedra da Arca ten unha antigüidade de entre 5.000 e 6.000 anos, e considérase un dos exemplos mellor conservados do patrimonio megalítico en Galicia, xa que é “unha das antas máis grandes de Galicia tanto polo volume das lousas como pola amplitude do diámetro da súa mámoa”. Segundo a páxina de turismo municipal, “nun dos esteos da cámara aparecen restos de gravados en forma de U ou V e tamén hai restos de pintura (manchas de cor vermella)”, e a súa “tapa de cubrición pesa doce toneladas”. En 2011 aprobouse a súa catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC).

Foto: Concello de Vimianzo.
Foto: Concello de Vimianzo.
Foto: Concello de Vimianzo.
Foto: Concello de Vimianzo.

2 COMENTÁRIOS

  1. A desprotección deste dolmén e de outros moitos da bisbarra (existe un interesante roteiro no concello de Vimianzo), e absoluto, plantacións de eucaliptos e pinos na sua contorna, labradíos hasta as mesmas veiras,… Fai uns quince anos fixen ese roteiro por vez primeira e a día de hoxe a situación sigue a ser a mesma. Señores responsables da Xunta de Galicia, esta e Cidade da Cultura.

  2. Porqué non se protexe adecuadamente estes megalitos ? Que fan as autoridades ?
    Que pena e que horror !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.