Perdeu agresividade o SARS-CoV-2? Ollo coas ilusións víricas enganosas

* Un artigo de

Trampantojo: 1. m. coloq. Trampa ou ilusión con que se engana a alguén facéndolle ver o que non é. (Segundo a Real Academia Española).

Un dos poucos aspectos gratificantes desta crise está a ser atopar interese e linguaxe científico en toda clase de ambientes, algúns inesperados. Cando escoitei fai uns días a unha camareira falarlle da súa PCR a un cliente mentres lle servía un café con churros, pensei que algo cambiara na nosa sociedade, quizá para sempre. Oxalá o coñecemento que estamos a difundir e adquirindo nesta pandemia sedimente e se faga transferible a situacións de normalidade. Esperemos que non sexa un refugallo máis, como eses millóns de máscaras que agora fan crecer as entulleiras.

As distintas etapas polas que está a pasar esta crise seguen espertando novas preguntas para os expertos, cuxas respostas, despois, a poboación comenta ou discute con visible interese. Superamos fai semanas o momento de comprender a taxa reprodutiva, a seroprevalencia ou a diferenza entre unha PCR que detecta a infección e un test inmunolóxico que detecta se superamos a Covid-19. A gran preocupación do momento actual é se o virus é agora menos virulento.

Publicidade

Os resultados rigorosos tardan en chegar

Lamentablemente, a ciencia tarda moito máis en responder có horóscopo. Necesita tempo porque o fai cunha necesidade de rigor á que non estamos afeitos nestes tempos en que a opinión tenta quitarlle o sitio ao coñecemento.

Os científicos aínda non poden dar unha resposta contundente sobre se o virus perdeu agresividade ou non, porque necesitan aplicar un elaborado método e ter certeza antes de facer afirmacións rotundas. Ese é o motivo polo que os resultados rigorosos se fan esperar. E ninguén debería enfadarse porque grazas a iso, por exemplo, poden poñer anestesia cando imos ao dentista.

Con todo, algo que si poden facer desde xa os científicos é explicar como foron as dinámicas doutros virus en situacións semellantes.

Os datos do pasado amosan que é certo que os virus, despois de chegar a un novo hospedador con forza, vanse volvendo menos agresivos co paso do tempo. Por iso é esperable que volva acontecer nesta pandemia. Pero igualmente pode tardar en suceder, e mesmo non producirse nunca.

Un detalle importante a ter en conta ao falarmos de virulencia é que, aínda que adoitamos falar de virus en singular, en realidade o que nos infecta son centos ou miles de partículas virales (ou virións) de forma simultánea. Ao infectarnos repiten incansablemente o mesmo proceso: unha ou varias delas entran nunha célula e producen centos ou miles de novas partículas virais. Noutras palabras, unha característica dos virus é a súa abundancia simultánea de copias. Son pequenos, pero moitos.

Así que, se o actual coronavirus se dispón a perder agresividade, é necesario que a perdan os miles de millóns de virións que infectan aos millóns de individuos da nosa especie. E claro, iso non acontece da noite para a mañá. O proceso non é sinxelo: non se trata de que unha determinada partícula viral decida moderar a súa actitude, como se fose unha persoa que senta a cabeza e decide non saír máis de esmorga entre semana para casar e ter fillos.

Os virus ‘aprenderon’ durante millóns de anos de evolución a ser máis efectivos para transmitirse entre organismos

Erros aleatorios

Para que un virus perda agresividade téñense que ir acumulando mutacións no material xenético (ARN) dos novos virións que vaian xurdindo. Esas mutacións son modificacións moleculares que ocorren ao azar nese manual de instrucións de cada partícula viral que é o seu ARN. Estes cambios poden producir novos virións que leven un ARN que os faga menos agresivos. Aínda que ao ser aleatorias, as mutacións poden xerar coa mesma facilidade virións máis virulentos ou non ter efecto.

Cada partícula viral de SARS-CoV-2 que ingresa nunha das nosas células dá lugar a moitas novas copias. Nelas haberá unha gran maioría que serán exactas, e só unas poucas mutantes. É o normal cando se fan moitas copias de material xenético: a maquinaria adoita executar ben o seu traballo, pero ás veces aturúlase e comete erros. Sucederíalle a calquera que copie manualmente un texto miles de veces.

Os menos virulentos teñen máis opcións de sobrevivir

É clave comprender que esas mutacións ao chou non van facendo aos novos virións necesariamente menos agresivos, senón distintos. Con todo, ao cabo de certo tempo é probable observar que van sendo máis abundantes as partículas virais menos agresivas, que desprazan ás máis virulentas. Da mesma maneira que os produtos máis atractivos van desprazando aos pasados de moda nos escaparates.

Por que esta substitución? Cal é o criterio que “pon de moda” os virións menos agresivos e deixa obsoletos aos máis radicais? Non hai escaparatistas tomando decisións, simplemente é un fenómeno evolutivo ben coñecido, a selección natural. A versión que consiga propagarse mellor irá deixando máis copias de si mesma.

Se uns novos virións menos agresivos ingresan nun individuo e déixanlle facer vida normal con maior comodidade que se o invadisen outros máis virulentos, serán máis facilmente transmitidos por este portador. Porque un infectado por estes mutantes máis “soportables” fará unha vida máis contaxiosa que se estivese baldado con febre na cama ou illado nun pavillón dun hospital. O virus máis moderado vai impoñéndose na poboación cunha estratexia infalible: deixar ao seu portador ir a festas ou congresos.

Así, aos poucos, vanse volvendo máis frecuentes as partículas virais menos agresivas, que se adaptan á convivencia co seu hábitat, isto é, nós. Cando un virus chega por primeira vez a unha especie pode mostrar distintos graos de virulencia cara ao seu hospedador, pero se consegue perpetuarse é porque acaba mostrando unha tendencia para alcanzar un equilibrio de convivencia. Se o virus se adapta á nosa vida e nos deixa ir en metro ou pola rúa tranquilamente e saír cos nosos amigos, será un mellor sobrevivente que se nos elimina.

O proceso é un exemplo de selección natural nun pequeno mundo no que as partículas virais son os individuos e os nosos corpos o ambiente ao que se van adaptando.

Ilusións víricas enganosas

Podemos dicir entón que o SARS-CoV2 é xa menos agresivo? Responder unha pregunta tan complexa de forma rigorosa non é posible sen antes analizar numerosos datos. É certo que vemos menos casos cada vez, que os pacientes que reciben os hospitais son máis leves, que cada día que pasa as cifras son máis alentadoras… Pero probablemente non perdese agresividade.

Ás veces, sentados nun tren a piques de partir, observamos o vagón doutro convoi na vía do lado. Ao cabo dun intre, vemos como o vagón veciño se move e tardamos en poder diferenciar se é o outro tren ou o noso o que se comezou a mover. Trátase dunha ilusión óptica. Probablemente, a menor severidade e número de casos da Covid-19 que observamos actualmente sexa consecuencia do confinamento pasado, do distanciamento social actual e da experiencia e capacidade do noso sistema de saúde de atender casos máis leves, entre outros esforzos.

Seguramente non é que o virus sexa agora menos agresivo, senón que estamos máis atentos. É o noso tren o que se empezou a mover e non o do lado. Pero temos que ser cautos e pacientes para evitar caer en ilusións víricas.


* Miguel Pita é doutor en Xenética e Bioloxía Celular na Universidade Autónoma de Madrid.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pilar Domingo Calap, Premio Zendal: “A sociedade é clave para frear bacterias resistentes”

A viróloga deseña novas solucións médicas baseadas en fagos que atopa na natureza

Así aumenta o risco de infarto ou ictus nas semanas posteriores a unha gripe

Un crecente número de estudos identificou dende os anos 30 como a influenza pode ser a causante de eventos cardiovasculares agudos

Por que a maioría das persoas son destras e non zurdas?

É curioso que a maioría dos humanos utilicemos a man dereita, pero é algo azaroso ou é consecuencia da selección natural?

Que é a febre do preguiceiro? A (pen)última ameaza para a saúde mundial

O virus Oropouche provocou 8.000 infeccións en Sudamérica no que vai de 2024 e xa se detectaron os primeiros casos en Estados Unidos e Europa