Mércores 24 Abril 2024

A Xunta non aprobou ningún plan de protección de especies tras prometer 45 en 2017

O Catálogo de Especies ameazadas, que recolle 200 taxóns en situación comprometida no país, só dispón de catro plans desde que se aprobara no 2007

Hai máis de tres anos, en febreiro de 2017, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo anunciaba, no marco da tramitación da Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia (aprobada en agosto de 2019) un obxectivo con horizonte en 2020: que 45 especies catalogadas como ameazadas ou vulnerables en Galicia “teñan aprobado un plan de recuperación ou de conservación”. Estas especies a protexer están presentes no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, unha listaxe de arredor de 200 taxóns de flora e fauna nunha situación complicada no territorio galego, que se aprobou no ano 2007, pero que apenas se desenvolveu desde entón. Só 4 dos 200 teñen aprobado o seu plan de conservación (en caso de ser consideradas como ‘vulnerables’) ou de recuperación (no caso das que están ‘en perigo de extinción’).

Porén, a pesar do anuncio de 2017, e coa lexislatura xa finalizada, os plans seguen sen coñecerse, contravindo ao que determina a propia lei de patriomonio natural; desde 2014 non se aproba a protección legal de ningunha especie mediante este procedemento.

Publicidade

“Falta vontade política”

Ante a falta de accións concretas de conservación, as entidades ecoloxistas reclamaron de forma reiterada unha maior axilidade na elaboración destes proxectos. Como teñen denunciado investigadores como Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, pouco despois da aprobación do documento, en 2007, había xa “22 documentos entregados con cadanseu plan de conservación, contratados e pagados”, listos para aprobar, pero que seguen “nun caixón”. Lamenta González que estes plans xa están “desactualizados”, polo que habería que desenvolvelos de novo.

Segundo Javier Guitián, catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, e estudoso de numerosas especies de flora en perigo en Galicia, “só falta vontade política”. “Eu creo que calquera observador imparcial estará de acordo en que en España e Galicia non existe un problema de falta de ferramentas lexislativas para garantir a protección de espazos e especies, salvo en cuestións puntuais; o problema é que o papel aguanta todo, e o incumprimento á hora de xestionar é xeral“.

“O papel aguanta todo, e o incumprimento á hora de xestionar é xeral”, sostén Javier Guitián, catedrático de Botánica

Na actualidade, segundo lembra a Dirección Xeral de Patriomonio Natural, “existen catro plans de xestión de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas que foron aprobados e publicados no Diario Oficial de Galicia: o do oso pardo, a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras, o sapoconcho común e a píllara das dunas”. Porén, no caso do oso pardo, diversas entidades teñen denunciado de forma reiterada que o plan está paralizado na práctica.

Entre outros exemplos, Javier Guitián alude a especies como Omphalodes littoralis subsp. gallaecica, endémica do litoral galego, ou a Hydrocaris morsus-ranae do LIC Ladra-Parga-Tamega, na provincia de Lugo, onde está unha das dúas únicas poboacións ibéricas. “Deberían tener un plan desde hai moitos anos”. O catedrático da USC apunta tamén a que a construción de infraestruturas compromete tamén algunhas especies como a Santolina melidensis en Melide.

Considera Guitián que “neste momento as especies que creo están máis ameazadas son as vinculadas ás augas doces e o litoral. No primeiro caso por contaminación dalgúns deles, procesos de desecación ou transformación de ecosistemas acuáticos, especies invasoras, etc.; e no segundo pola afectación do litoral e presión urbanística e turística“.

O científico compostelán encadra a falta de protección nun problema global de desinterese ante determinadas figuras de protección: “Os plans, unha vez desenvolvidos, comprometen á administración e limitan certas actuacións -do mesmo xeito que os Plans de Uso e Xestión de Espazos- e non están dispostos”, sostén. “Obviamente, en moitos casos a ausencia de plans compromete a supervivencia das especies e non teño constancia de que se avanzara nisto”.

O catedrático da USC considera que outras figuras de protección tampouco están tendo un efecto real na protección da biodiversidade: “Eu creo que outras ferramentas, por exemplo as microrreservas de flora ou plans de recuperación de especies privados ou de ámbito local, teñen valor pero pouca efectividade; en primeiro lugar porque a administración responsable, a Xunta, transfire responsabilidades a terceiros e, en segundo, porque a xestión é máis que discutible. Calquera pode visitar as microrreservas do Courel e ver que son pouco máis que un cartel indicativo”.

Ante isto, Guitián apunta a que “necesitamos unha estratexia de conservación máis xeral e non cambiante en función de intereses puntuais; non podemos abordar a conservación de bosques de ribeira ou plantas acuáticas sen abordar os problemas da auga, tampouco a das plantas litorais sen preguntarnos que estamos a facer coa costa, dos bosques sen revisar a política forestal, etc.”.

72 propostas técnicas de base

Á consulta sobre a falta de novos plans de protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural responde que “a xestión das especies ameazadas en Galicia non se realiza exclusivamente a través da elaboración e execución dos instrumentos de planificación como son os plans de recuperación e de conservación”, senón que tamén se desenvolven “un variado conxunto de ferramentas de xestión e/ou ordenación que se integran para procurar, entre outros obxectivos sinalados na lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, a conservación da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética”.

Ademais, engade Patrimonio Natural, os plans de xestión dos parques naturais, que actualmente se atopan en elaboración ou revisión, son tamén unha ferramenta na que se inclúen medidas de conservación dos compoñentes claves da biodiversidade como son as especies ameazadas.

Neste sentido, a dirección xeral “dispón de 72 propostas técnicas de base sobre especies incluídas no Catálogo que, se ben non tomaron aínda forma de plan de xestión mediante a súa aprobación como decreto, conteñen información técnica de base que está sendo aplicada igualmente no deseño de medidas de conservación e de xestión destas especies, sendo preciso mantela actualizada”.

Entre estas, atópanse as poboacións nidificantes en Galicia de agacha común e mazarico real, a aguia real, aves mariñas reprodutoras como o corvo mariño cristado, arao común ou gaivota tridáctila, especies endémicas de flora ameazada das áreas de serpentinas de Melide, especies ameazadas de odonatos e fentos de valgada, poboacións insulares de distintas especies de flora e fauna, como liques e réptiles, algunhas especies de náiades, plantas da orde Poales e outras especies de flora vascular amenazada.

Engade Patrimonio Natural que “as especies silvestres, particularmente as ameazadas, son obxecto dun seguimento específico para avaliación periódica do seu estado de conservación, que en moitos casos inclúe a obtención de información sobre a evolución da área de distribución da especie e o estado de conservación das súas poboacións”. Así, sostén o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, mantívose un control estreito sobre as especies mencionadas.

Ademais, “como parte das estratexias de eliminación de factores de ameaza comúns a distintos taxóns destaca principalmente a xestión das especies exóticas invasoras ou aquelas especies de fauna silvestre autóctona que poden ter incidencia sobre as poboacións das especies ameazadas”, con varias campañas de erradicación entre 2016 e 2020.

Un prazo máximo de 3 a 5 anos

A Lei de Patrimonio Natural acorda a creación da “Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia”, dentro da cal se incluirá o Catálogo de Especies Ameazadas, que inclúe aqueles taxóns que sexan merecedores “dunha atención e protección particular en función do seu valor científico, ecolóxico, cultural, pola súa singularidade, rareza ou grao de ameaza”.

No seu artigo 95, a lei expón os efectos da inclusión no catálogo dunha determinada especie. No caso das que están en perigo de extinción, terase que desenvolver “nun prazo máximo de tres anos” “un plan de recuperación, que incluirá as medidas máis axeitadas para restablecer as poboacións naturais a un estado que limite o seu risco de extinción”. No caso das especies catalogadas como vulnerables, os plans deberanse desenvolver nun prazo máximo de cinco anos, nun plan “que incluirá as medidas máis axeitadas para preservar, manter e restablecer as poboacións naturais facéndoas viables”.

Asturias e Castilla y León

O escaso desenvolvemento dos plans de protección de especies en Galicia contrasta co traballo avanzado en comunidades próximas, como Asturias ou Castilla y León. No Principado, a normativa contempla diferentes figuras de protección en función da situación da especie ameazada (en perigo de extinción, sensibles á alteración do hábitat, vulnerables ou de interese especial). E a meirande parte delas (son 20 en total) teñen o seu plan aprobado.

No caso de Castilla y León, aínda que a comunidade aínda non dispón de catálogo propio de especies ameazadas, si que se desenvolveron plans propios de protección para especies como o lobo, a pita do monte, o oso pardo, a aguia perdiceira, a cegoña negra ou a aguia imperial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización