A Deputación e 10 concellos impulsan o Parque do Megalitismo da Costa da Morte

Hai xa 15 anos, ao abeiro da chuvia de millóns para tapar a catástrofe do Prestige, a Xunta de Galicia anunciou a creación do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Ía ser un dos catro centros de interpretación do patrimonio arqueolóxico do país, pero ficou paralizado durante máis de dez anos, alén de tímidos avances no proxecto. Agora, a Deputación da Coruña colle a testemuña, e despois de meses de traballo, representantes de 10 concellos e o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, asinaron o convenio co que se habilita un orzamento de 500.000 euros para desenvolver o proxecto.

Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen o patrimonio megalítico da zona

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo, segundo informa a Deputación, esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto nos 10 concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado na Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra en Galicia, que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión.

Publicidade

O parque conta xa cun Plan Director de titularidade autonómica cos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas, tamén, como comunidade intermunicipal.

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens. Neste sentido, son 14 xacementos os que integran o parque, Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. O Dolmen de Dombate ou “catedral do megalitismo”, aínda que teña o seu propio plan director, será o recurso alicerce clave no proxecto.

Publicidade

Dolmen de Dombate, un dos emblemas do megalitismo en Galicia. Imaxe: Marta Arias López / CC BY-SA 2.0.
Dolmen de Dombate, un dos emblemas do megalitismo en Galicia. Imaxe: Marta Arias López / CC BY-SA 2.0.

A iniciativa forma parte do Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña que se asenta en sete proxectos arredor do patrimonio cultural e natural con fórmulas de cooperación intermunicipal dos concellos e a institución, co que se impulsan tamén proxectos de especial relevancia para o turismo científico, como o Xeoparque de Ortegal.

Nun prazo de quince días constituirase o comité de dirección que decidirá os investimentos a facer nos vindeiros meses que poden ser compra de patrimonio, sinalización de recursos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña habilita un orzamento de 500.000 euros cun período de execución de catro anos, conta tamén nesta iniciativa coa propiedade do Dolmen de Dombate que de feito é xa o gran centro de interpretación do Megalitismo da Costa da Morte.

“Agardamos que este impulso ao Parque do Megalitismo sirva para que nun futuro inmediato os grandes dolmens escavados na Costa da Morte sexan visitábeis en condicións óptimas e que estean ben sinalizados e sirvan de elemento dinamizador tanto cultural como turístico no territorio e que, ademais, sirvan tamén para que a nosa sociedade teña maior coñecemento e información sobre o que é a nosa propia historia”, sinalou o deputado Xosé Regueira.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Deputación da Coruña recibe en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico

O galardón recoñece a aposta da institución provincial por un modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sostibilidade

Os chefs Iria Espinosa e Luís Veira representan ‘A paisaxe que sabe’ no Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca o "momento extraordinario" da cociña coruñesa polo seu produto, identidade e creatividade

A Coruña consolida o seu prestixio gastronómico na feira Salón Gourmets

A Deputación valora a súa participación no evento celebrado en Madrid cun balance "moi positivo" e a sensación de deixar a restauración coruñesa na mira internacional

Descubertas dúas especies de cogomelos inéditas en Galicia

Un estudo da Federación Galega de Micoloxía e impulsado pola Deputación da Coruña identifica os exemplares no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo