Domingo 28 Abril 2024

Xosé Regueira: “O xeoparque de Ortegal vai educar á sociedade no valor científico do territorio”

Unha das ensinanzas máis interesantes que os responsables de Turismo da Deputación da Coruña trouxeron das súas visitas a outros xeoparques recoñecidos pola Unesco. para poñer en marcha o proxecto do xeoparque de Ortegal, é a importancia de que a sociedade local coñeza e valore a importancia de posuír estas certificacións. “Dixéronnos que se non eramos capaces de explicarlles aos concellos e aos cidadáns que unha certificación da Unesco é máis importante ca un asfaltado puntual, era mellor que non fixeramos nada”, conta Xosé Regueira Varela, deputado provincial encargado, entre outras áreas, de Turismo e Patrimonio Histórico. Niso están a Deputación e os concellos que constituíron recentemente a mancomunidade para facer realidade o proxecto, que optará nos vindeiros anos a entrar no selecto grupo de proxectos recoñecidos pola Unesco.

– Que vai supoñer o xeoparque de Ortegal?

Publicidade

– Ortegal xa é un punto xeolóxico recoñecido polo ámbito científico internacional. Dende hai moitos anos vén xente de todo o mundo. Pero unha certificación da Unesco vai supoñer obter un selo de primeiro nivel, do máis potente que hai, e ten unha percepción moi sólida por parte do sector. E isto é unha certificación que lle dá valor ao territorio.

– Como vai axudar a un desenvolvemento sostible desta comarca?

– Para aprender sobre como se xestiona un xeoparque, e para evitar cometer erros, estivemos visitando lugares deste tipo. E sempre nos din o mesmo: o xeoparque, como ámbito xeolóxico exclusivamente, non supón nada, porque temos que ser conscientes de que o nivel de atracción da xeoloxía é limitado, cun público científico e especializado. Pero se isto se traballa con perspectiva turística, ten unha gran capacidade de desenvolvemento.

Regueira xeoparque

Se un territorio ten unha certificación da Unesco, é probable que as Administracións poñan maior interese en solucionar os problemas que ese territorio ten, para que a percepción da xente que o visita sexa positiva. Pero tamén hai outra serie de fitos que se poden converter en axentes de desenvolvemento: para conseguir o certificado, é preciso que este produto xa se estea traballando a nivel turístico, xa ten que haber un camiño andado.

Por tanto, temos un instrumento que vai educar, divulgar e cohesionar á sociedade sobre o valor científico do territorio, e vai ofrecer unha expectativa turística de primeiro nivel ao público que se achega. E isto hai que traballalo en dúas vías: a vía da curiosidade e a vía xa máis profesional e de coñecemento.

“A marca de calidade do xeoparque é un axente claro de desenvolvemento”

Nestas visitas, vimos que os territorios traballan a marca do xeoparque en todos os aspectos: hostelería, artesanía, aloxamentos… A marca de calidade é un axente claro de desenvolvemento. Non vai ser coma arte de maxia, que ao poñer o nome xa aparecerá a xente aquí, pero si que vai axudar.

– De que exemplos se aprendeu?

– Coñecemos xa proxectos como os da Costa Vasca, Cataluña Central, Sobrarbe, en Huesca ou Lanzarote, onde acabamos de estar. Todos funcionan relativamente ben, e a medida que avanza a xestión, os datos son cada vez mellores. Por poñer un exemplo, na Costa Vasca vendéronse o ano pasado 20.000 visitas guiadas, a 10 euros a visita, o que supón uns ingresos de 200.000 euros. E arredor disto hai moitas máis actividades turísticas que é máis difícil de cuantificar, pero que están aí. E que un xeoparque coma ese, que non chega aos 10 anos de vida, poida atraer xa a 20.000 persoas a visitas guiadas, convida ao optimismo.

Precisamente alí explicáronnos dun xeito moi gráfico o camiño que tiñamos que seguir. Dixéronnos que se non eramos capaces de explicarlles aos concellos e aos cidadáns que unha certificación da Unesco é máis importante ca un asfaltado puntual, era mellor que non fixeramos nada. A xente ten que entender que entrar nunha elite mundial é máis importante ca amañar un ano unha estrada.

“Na Costa Vasca xa venden 20.000 visitas guiadas todos os anos, a un prezo de 10 euros cada visita”

Por tanto, o que sexamos capaces de desenvolver en Ortegal vai marcar en gran medida o desenvolvemento da comarca. Podemos crear dinámicas que xerarán efectos moi positivos.

– Que queda por facer agora?

– Entre a Deputación e os Concellos constituímos unha mancomunidade para impulsar o xeoparque. Creamos un consello de dirección e, por mutuo acordo, decidimos os contactos que iremos facendo para que o proxecto sexa unha realidade. O compromiso da Deputación é destinar 500.000 euros á conformación do parque, pero despois hai que xestionalo.

E agora mesmo estamos inmersos xa nas bases para a contratación da dirección científica do parque, porque temos que ter unha persoa cualificada para asesorar todo o proxecto. Agardamos ter todo expediente xa rematado nun prazo de dous anos, para poder concursar coa candidatura na vindeira decisión da Unesco. E intentaremos facer un proxecto sólido que teña opcións de conseguilo. E se non é na primeira vez, pois intentarémola a segunda.

– Tamén terá un papel importante a divulgación.

– Ademais do contrato de dirección científica hai tamén un plan de sinalización do territorio, de divulgación na sociedade local, actuando primeiro na zona para que todo o mundo coñeza o xeoparque e poida falar del, xa que agora en Galiza esta figura e pouco coñecida, porque non temos ningún.

Cando se fala de xeoparque hai quen pensa que imos entrar nun nivel de protección do territorio maior do que xa ten. Isto non é así, e hai que informar disto: os xeoparques non teñen ningunha norma específica de protección. Si é certo que case todos están en zonas protexidas a nivel ambiental. Ortegal é un territorio que, por exemplo, entra en parte na Rede Natura, pero o xeoparque non vai significar unha figura máis de protección.

“Hai que comunicar que o xeoparque non supón unha figura máis de protección nin de restriccións”

Esta é unha barreira que a sociedade ten pendente de superar, e que temos que comunicar. Hai que empezar desde a comunidade educativa, intentando que xa os nenos sexan conscientes do que se vai facer e o que tratamos de facer para que tamén participen.

E aquí ten moita importancia o ruído que sexamos capaces de facer, e buscar alianzas. E tamén celebraremos proximamente na provincia unha xornada sobre xeoparques, á que imos a traer a xerentes científicos doutros lugares e a certificadores da Unesco, para poñer en común cousas e que o noso proxecto comece a escoitarse.

– Que outros proxectos de promoción do turismo científico está desenvolvendo a Deputación?

– Temos xa en marcha o parque de Compostela Rupestre, estamos a piques de formalizar a mancomunidade para impulsar o Parque do Megalitismo da Costa da Morte e o Parque da Idade de Ferro do Barbanza.

Estannos chegando xa outras propostas por parte de Concellos, que se van asociar para desenvolver proxectos en común. Por exemplo, os municipios do río Anllóns van poñer en valor o patrimonio fluvial desde o nacemento ata a desembocadura. No marco do Camiño de Santiago está un proxecto do Camiño Inglés, e outro dos concellos da ruta desde Santiago ata Fisterra e Muxía. E xa a nivel local, hai moitos outros proxectos máis pequenos, pero que son tamén moi importantes para as comunidades nas que se atopa este patrimonio, e que tratamos de axudar na medida do posible.

1 comentario

  1. O que lle da un valor científico ao Parque non é a Unesco nen a declaración de XeoParque. Son as características xeolóxicas e xeomorfolóxicas da Xeoloxía da zona a pesares do maltrato que se lle ten dado ata agora: canteiras-pedreiras, camposde muiños eólicos, nomedadamente. O entrevistado non ten unha palabra para os auténticos herois de que o Cabo Ortegal sexa taan ben coñecido dende o ponto de vista científico: mais de 40 anos de xeólogos de todo o Mundo traballando para estudar as súas rochas. Onte mesmo se publicou a tese de doutoramento nº 49 unha inxente labor científica levada acabo por investigadores de todas as universidades españolas e tamén de otras partes de Europa. Outra cousa será o manexo do XeoParque se é que chega a ser aceitado pola Unesco, ainda que esto non vai supor millora ningunha para o estudio científico de Cabo Ortegal que se fixo e continuará a facer coa desconsideración habitual ata agora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Illas Atlánticas, un destino de ciencia

Primeira entrega da guía turística Observer das Illas Atlánticas

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova