GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

GCiencia iniciará nas próximas semanas o Dicionario da Galicia Histórica: un Reino do A ao Z, un proxecto audiovisual transmediapara divulgar de maneira amena pero rigorosa a historia do Reino de Galicia. A iniciativa apostará por un formato novidoso no que YouTube e TikTok serán as ferramentas centrais, pero non exclusivas. O obxectivo é que a historia do Reino de Galicia chegue a un público predominantemente novo, con especial atención aos menores de 25 anos, para que coñezan a rica e peculiar crónica do medievo galego.

O Dicionario, a través do asesoramento de especialistas na materia, tomará distancia dos estereotipos que tradicionalmente abordan a historia de Galicia como parte colateral da de España. Afondarase no Reino de Galicia, nos seus antecedentes e derivacións, dende as súas raíces nos suevos da primeira metade do século V ata a desaparición da Xunta do Reino de Galicia, coa reforma liberal de 1833. Dende a socioeconomía ata a arte e a heráldica, todos eles son elementos que formarán parte do particular dicionario de GCiencia para a difusión da historia galega.

Publicidade

A de GCiencia foi unha das iniciativas seleccionadas polo xurado do II Certame ‘Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia’, creado polo departamento de Cultura da institución provincial, que premiou 20 dos 49 proxectos recibidos. O obxectivo é por en valor o pasado medieval de Galicia a través da súa divulgación en diferentes formatos. Así o explicou este mércores a deputada de Cultura, Natividad González, nunha presentación na sede provincial á que concorroren os representantes dos proxectos gañadores.

GCiencia é un dos 20 proxectos seleccionados dun total de 49 presentados

A iniciativa de GCiencia será unha serie composta por capítulos nos que, a partir da inicial dunha palabra clave, faise unha explicación académica do concepto que se vai desenvolver, pero nunha linguaxe coloquial que a aproxime o público obxectivo e co apoio de infografías, creatividades e textos sobreimpresionados. En YouTube, os audiovisuais durarán arredor de tres minutos e en TikTok partirase dos mesmo conceptos, pero cunha narrativa adaptada a esta rede social.

Publicidade

A oferta do Dicionario da Galicia Histórica: un Reino do A ao Z formará parte dun microsite dentro de GCiencia que servirá de repositorio a todos os contidos que formen parte do proxecto. Ademais, os temas terán un enfoque social que subliñe a mirada galega cara á súa historia e, tamén, ao papel das mulleres na mesma, dada a súa ausencia no relato oficial.

Cada un dos contidos audiovisuais estará acompañado dunha reportaxe que se publicará en GCiencia. Toda a oferta de Reino de Galicia estará tamén dispoñible nas distintas redes sociais do medio, que suman mais de 100.000 seguidores, así como no boletín diario do portal da ciencia galega, que supera os 2.300 subscritores.

A serie de reportaxes escritas, que será elaboradas polo equipo de xornalistas de GCiencia, respectarán o estilo divulgativo característico deste medio, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. Con ata 5,5 millóns de visitas mensuais, GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns como o Premio da Crítica de Galicia ou o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

  • A deputada de Cultura Natividad González.
  • Presentación dos proxectos do Reino de Galicia.
  • Representantes dos proxectos seleccionados pola Deputación.

“Queremos contribuír a combater a desmemoria e descoñecemento deste periodo de gran esplendor do noso país” destacou Natividad González, “e así poder compreder mellor a actualidade, e camiñar cara un futuro con maior capacidade”, engadiu. O certame, que celebra a súa segunda edición, busca mudar o relato hexemónico e construír un novo imaxinario colectivo sobre o Reino de Galicia. A iniciativa parte da área de Cultura da Deputación, que tamén porá en marcha unha exposición itinerante sobre o medievo galego na primavera de 2024.

“É un orgullo ver o noso pasado medieval representado en múltiples formatos que nos permiten chegar a públicos moi diversos” sinalou a deputada. O obxectivo, segundo salientou González na presentación dos proxectos, é potenciar o coñecemento sobre o pasado do país, e máis concretamente sobre unha época tan descoñecida como a medieval, carente dun relato propio no imaxinario colectivo. Para iso, premiáronse 20 proxectos que contribúen a darlle visibilidade e a reivindicar a historia medieval de Galicia a través de diferentes formatos.

Convocado o pasado mes de abril, este certame recibiu un total de 49 solicitudes, que foron avaliadas por un xurado composto por Diana Pelaz Flores, Carlos García Vieito e Carlos Lixó Gómez como vogais; a deputada de Cultura, Natividad González como presidenta, e a xefa da sección de Cultura e Deportes da Deputación da Coruña, Manuela Muñiz Souto, como secretaria.   

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

Turismo sostible a través da identidade gastronómica e patrimonial: este é o proxecto ‘Os Fogóns do Anllóns’

A Deputación da Coruña completa dúas novas actuacións en Cabana de Bergantiños e Ponteceso para impulsar o plan enogastronómico

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa