O grupo de investigación Farmatox da USC, con sede no campus de Lugo e coordinado polo catedrático Luis M. Botana, lidera o proxecto europeo Agritox, un programa Interreg financiado con dous millóns de euros e centrado na identificación de micotoxinas e na destoxificación de alimentos, segundo informa a universidade compostelá.
O equipo galego está á fronte fronte dun consorcio internacional no que tamén participan universidades, empresas e centros de investigación de varios países, tales como a Queens University (Belfast), Facultade de Ciencias de Oporto, TEAGASC (Irlanda), Cifga, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Axencia Nacional de Seguridad Alimentaria de Francia, en Bretaña, e a cooperativa agrícola Vila do Conde, radicada en Portugal.
As toxinas que afectan aos alimentos gardan aínda moitas incógnitas ao seu arredor
O obxectivo último deste proxecto Interreg de I+D é a identificación de toxinas emerxentes en alimentos, así como o desenvolvemento e testaxe de novos métodos de identificación e eliminación, unha liña de traballo que non resulta allea para o equipo de investigación de Luis M. Botana. De feito, cómpre lembrar que o grupo Farmatox da USC vén de patentar en colaboración co grupo Nanomag da USC liderado por José Rivas un novo método de destoxificación, ao tempo que xa completou a identificación de novas toxinas emerxentes.
O horizonte de posibilidades que ofrece o proxecto Agritox para a comunidade científica é moi amplo, dado que as micotoxinas son toxinas de fungos que hai nos cereais e que tamén aparecen en todos os produtos derivados ou relacionados. A capacidade de expansión das micotoxinas é difícil de controlar, xa que estas toxinas tamén aparecen en fungos que crecen en viños, cervexas, leite…
Outra das dificultades que presenta a identificación de toxinas emerxentes garda atinxe que as aparición dunhas ou doutras micotoxinas depende moito da zona xeográfica e, en consecuencia, do clima. O cambio climático, precisa o profesor Botana, é un dos factores que está a favorecer o aumento da presenza deste tipo de toxinas no continente europeo.
Na Idade Media, as micotoxinas chegaron a ser a segunda causa de morte despois da peste
Unha das problemáticas deste tipo de toxinas está planteado nos pensos de alimentación animal, uns compostos que acostuman ter cantidades de micotoxinas moi superiores ás dos alimentos para humanos, que están sometidos a sistemas de control máis severos. A elevada concentración de toxinas emerxentes nos produtos de alimentación para animais xa están a xerar problemas importantes de varios tipos na súa saúde, unha casuística diversa que vai desde abortos, retrasos no crecemento… Ademais, outro agravante vén dado polo feito de que a inxestión das micotoxinas concentradas nos pensos afectan a calquera especie (pitas, pavos, coellos, porcos, vacas, etc).
As micotoxinas constitúen historicamente un problema grave. De feito, na Idade Media estas toxinas chegaron a ser a segunda causa de morte despois da peste. As doenzas provocadas por estas toxinas chegaron a ser un problema de tal magnitude e gravidade que incluso algúns artistas famosos, como é o caso de Brueghel, pintaron obras ao respecto. Basta lembrar os cadros titulados O fogo de Santo Antonio, que era como se coñecía o efecto do corno de centeo, que causaba gangrena e perda de extremidades. Dise asemade que estas toxinas aumentaron o prestixio do Camiño de Santiago, xa que a xente que se incorporaba á ruta melloraba da súa doenza e incluso se curaba ao deixar de comer alimentos tóxicos.