O Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou o luns unha longa lista -máis de 2.000- produtos homeopáticos cuxos fabricantes solicitaron a adecuación á nova normativa que determinou o Ministerio de Sanidade. Seis meses atrás, en abril, o ministerio publicou a orde na que se esixía aos fabricantes que indicaran a lista de produtos que tiñan intención de regularizar. Esta petición débese ao descoñecemento xeral sobre cal é o número exacto de distintas variedades da homeopatía que están á venda en España. A cifra bailaba entre os 6.000 e os 14.000, segundo diversas fontes.
Só 12 dos 2.008 produtos pediron demostrar as súas propiedades terapéuticas
Porén, a partir de agora, só se poderán seguir vendendo, de forma provisional, os 2.008 produtos que aparecen na lista publicada no BOE pola Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS), que dirixe a galega María Jesús Lamas. Os que non estean na lista deberán ser retirados de forma inmediata do mercado.
Isto non quere dicir, con todo, que a homeopatía que aparece na lista do BOE vaia ter vía libre para seguir vendéndose. Todos estes produtos deberán pasar controis de seguridade e calidade por parte da AEMPS, e deberán indicar expresamente que non teñen indicación terapéutica.
Ábrese agora, por tanto, un prazo de varios anos para que os produtores continúen coa regularización do seu negocio e presenten a información solicitada. O primeiro período, desde este xoves ata o 30 de abril de 2019, está destinado aos produtos presentes na listaxe que teñan indicación terapéutica ou que se administren por vía inxectable. Un segundo prazo, entre o 1 de maio e o 30 de outubro de 2019, abrirase para os produtos de orixe biolóxica, constituídos con cepas obtidas de células vivas ou organismos (humanos, animais e microorganismos como bacterias ou lévedos). A continuación abrirase un novo prazo por orde alfabética para o resto de produtos.
Sen indicación terapéutica
Un dos detalles que máis chama á atención na longa lista da homeopatía que aspira a ser regularizada é que só 12 do dos 2.008 produtos (menos do 0,6% do total) solicitaron iniciar o procedemento para ser recoñecidos como medicamentos con indicación terapéutica. Para recibir esta denominación deberán seguir os preceptivos controis que segue calquera outro medicamento. Porén, mentres non sexa así, e por seguridade, estes produtos estarán fóra do mercado.
Na lista publicada por Sanidade destacan tres fabricantes, que recollen, segundo informa Redacción Médica, o 91% das peticións de regulación. Son Ibérica de Homeopatía, Soria Natural e Boiron, empresas que moven cada ano millóns de euros en produtos sobre os que non hai evidencia científica de que sexan útiles para tratar problemas de saúde.














