Xoves 25 Abril 2024

Coágulos sanguíneos e Covid-19: cinco factores de risco

* Un artigo de

Nos últimos días houbo unha gran preocupación arredor dos coágulos sanguíneos, especialmente despois de coñecer unha alerta de Alemaña sobre persoas que sufriron tromboses nas veas cerebrais –un coágulo sanguíneo no cerebro– despois de recibir a vacina de AstraZeneca. Outros países europeos expresaron a súa preocupación polo posible aumento do risco de embolias pulmonares e tromboses venosas profundas despois da vacinación.

Publicidade

Con todo, AstraZeneca afirma que actualmente non hai probas de que os episodios rexistrados estean asociados á vacina, e que o número de coágulos sanguíneos notificados despois de recibir a vacina non é maior do que acontecería normalmente.

A coagulación, unha función extremadamente importante no corpo humano, axuda a previr a perda excesiva de sangue tanto dentro como fóra do corpo cando se dana a nosa pel, os órganos internos ou os vasos sanguíneos.

Pero aínda que pode ser un proceso normal e esencial, se un dos coágulos se desprende desde onde se formou, pode resultar perigoso, sobre todo se acaba nun órgano ou nunha arteria demasiado estreita. Isto é o que se coñece como un émbolo e pode bloquear o fluxo sanguíneo arterial, que é esencial para os órganos vitais e pode derivar nunha embolia pulmonar (coágulos de sangue nos pulmóns), un accidente cerebrovascular isquémico (coágulos no cerebro) ou un ataque cardíaco. Tamén pode bloquear as veas, como unha trombose venosa profunda nas pernas, coñecida como trombo.

Hai moitos factores que poden aumentar a probabilidade de que unha persoa desenvolva un coágulo de sangue. Destacaremos cinco:

1. Obesidade

As persoas obesas teñen máis do dobre de probabilidades de desenvolver un trombo (coágulo de sangue na perna) en comparación coas persoas de peso normal. Isto débese a que a obesidade provoca unha inflamación crónica e unha redución da fibrinólise (capacidade de descompoñer os coágulos).

A inflamación crónica tamén se produce como resultado de ter menos óxido nítrico no corpo. O óxido nítrico é unha molécula que protexe o endotelio especializado (o revestimento dos vasos sanguíneos) e evita que as células se adhiran á superficie endotelial. Mesmo a unha idade temperá, as persoas obesas teñen niveis significativamente máis baixos de óxido nítrico.

É esta cantidade reducida de óxido nítrico nas persoas obesas a que aumenta o dano no revestimento dos vasos sanguíneos, aumentando á súa vez o risco de formación de coágulos.

2. O tabaco

Fumar aumenta o risco de formación de coágulos ata o triplo.

Do mesmo xeito que no caso da obesidade, o tabaquismo reduce a cantidade de óxido nítrico no corpo e favorece que o sangue se pegue para formar coágulos. Este proceso é impulsado en parte polo aumento significativo dos niveis de fibrinóxeno, un compoñente importante na coagulación, presente no sangue dos fumadores.

As substancias químicas dos cigarros tamén fan que as plaquetas do sangue se peguen. Xuntos, estes factores fan que o sangue sexa máis espeso, o que dificulta o bombeo do corazón polo corpo, danando á súa vez o revestimento interno dos vasos sanguíneos.

3. Voar e a inactividade

Viaxar longas distancias en avión ou estar inmobilizado durante un longo período despois dunha intervención cirúrxica importante poden aumentar o risco de coágulos sanguíneos en forma de trombose venosa profunda (TVP), é dicir, coágulos sanguíneos nas pernas. A incidencia típica deste tipo de trombose é dunha por cada 1.000, pero multiplícase por tres nos voos de máis de tres horas.

Como o sangue non flúe tanto, as células e proteínas do sangue aséntanse e forman grumos. Cando a persoa volve moverse, estes coágulos poden desprazarse polo corpo e bloquear un vaso sanguíneo se non se desfán. Un maior índice de masa corporal, a idade e o tabaquismo aumentan o risco de desenvolver unha trombose venosa profunda por inactividade ou nos voos.

4. Traumatismos e cancro

Ata unha de cada catro persoas que sufriron un traumatismo importante, que provoca danos nos vasos sanguíneos –por exemplo, se romperon ósos grandes– desenvolven coágulos. Nestes casos, a formación de coágulos está relacionada tanto coas lesións dos propios vasos sanguíneos como co repouso, a miúdo prolongado, asociado ao tratamento e a recuperación.

Do mesmo xeito, as persoas con cancro teñen entre cinco e sete veces máis probabilidades de desenvolver coágulos. Isto débese a que algúns cancros producen cantidades crecentes de factores de coagulación. O cancro tamén dana os tecidos sans, o que fai que se inchen e coagulen.

5. Pílula anticonceptiva

Comprobouse que as mulleres que toman a pílula anticonceptiva oral combinada, que contén estróxenos e proxesterona, teñen un lixeiro aumento de risco de sufrir coágulos. Outros anticonceptivos orais mostran niveis de aumento similares, con aproximadamente 6-17 eventos adicionais por cada 10.000 mulleres tratadas, dependendo do fármaco utilizado, en comparación coas mulleres que non toman o anticonceptivo oral.

Os ingredientes dos anticonceptivos aumentan os niveis de varios factores de coagulación que circulan no sangue, o que aumenta as probabilidades de que se formen coágulos nas veas.

E a Covid-19

A investigación tamén mostra que os pacientes de Covid-19 teñen niveis significativamente elevados dunha molécula que se forma cando hai coágulos presentes.

Isto débese a que a Covid-19 ataca as células endoteliais que recobren os vasos sanguíneos, o que provoca un aumento dos coágulos en todo o corpo e preséntase como unha enfermidade vascular.

Un estudo tamén descubriu que entre o 2% e o 9% dos pacientes con Covid-19 desenvolven embolismos pulmonares. E teñen entre tres e seis veces máis probabilidades de desenvolver coágulos nas veas en comparación co resto da poboación. Outros factores –como o repouso en cama e a idade– poden aumentar o risco de coágulos nestes pacientes.

Pero, aínda que moitos factores poden aumentar o risco de que unha persoa sufra coágulos sanguíneos, aínda non hai probas que suxiran unha relación directa entre estes e a vacina de AstraZeneca.


* Adam Taylor é profesor e director do Centro de Aprendizaxe en Anatomía Clínica da Universidade de Lancaster.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Por que hai persoas que se marean ao ver sangue? Como enfrontarse á hematofobia

Os afectados, aproximadamente un 4% da poboación, recoñecen o seu medo como excesivo e infundado e evitan as situacións que o producen