Venres 19 Abril 2024

Destrúen no Irixo tumbas neolíticas de 6.000 anos para plantar piñeiros

O Seprona investiga a catro persoas na "Operación Sepulcrum" por un delito contra o patrimonio histórico ao usaren maquinaria que arrasou os monumentos

A parroquia de Loureiro, no municipio ourensán do Irixo, acaba de rexistrar o último exemplo do irreparable dano ao patrimonio o país. A comandancia da Garda Civil de Ourense informou esta fin de semana de que o equipo do Seprona da provincia abriu unha investigación a catro persoas por un posible delito contra o patrimonio histórico por causar danos en varias tumbas neolíticas do municipio ao usar maquinaria pesada para preparar o terreo para unha plantación de piñeiros.

Segundo informou o instituto armado, a chamada Operación Sepulcrum iniciou a investigación tras unha denuncia efectuada pola asociación Mámoa Verde ao constatar os danos en tres mámoas catalogadas do Irixo como ben cultural. As pesquisas certificaron, segundo o Seprona, “a destrución total da mámoa coñecida por Túmulo de Barro“, unha tumba neolítica de 6.000 anos de antigüidade e a “destrución parcial da mámoa coñecida por Túmulo 3 da Bugalleira e Túmulo 4 da Bugalleira, ambas igualmente tumbas neolíticas de 6.000 anos de antigüidade”. Do mesmo xeito, viuse que a destrución tivo lugar ao realizar movementos de terra na zona.

Publicidade

A orixe dos danos parece estar, segundo as mesmas fontes, nuns traballos para plantar piñeiros sobre os que “non consta ningún tipo de autorización” nin do departamento de Patrimonio dependente da Consellería de Cultura, nin do Concello do Irixo. As obras foron promovidas, segundo a Benemérita, “pola Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Loureiro, da que aparecen como responsables os tres integrantes da súa xunta reitora, así como un operario que manexaba a maquinaria utilizada nestes feitos”, aos que lles foi imputado o delito contra o patrimonio histórico. Tras tomar declaración en calidade de investigados, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Carballiño.

Segundo recolle Europa Press, os danos rexistrados producíronse ao facer cunha máquina “cortalumes e camiños” en monte comunal, segundo explicou o alcalde da localidade, Manuel Penedo, que lembro a solicitude realizada por veciños da zona para dispoñer dun buldócer. Mais o descoñecemento sobre a presenza das tumbas prehistóricas provocou que non se tomaran precaucións coa maquinaria na zona. “Ninguén sabía dela”, dixo o rexedor, que cualificou de “accidente lamentable” a destrución do patrimonio.

O descoñecemento por parte dos cidadáns e a falta de medidas efectivas desde as Administracións para protexer o inxente patrimonio cultural de Galicia provocan de forma periódica danos irreparables. Así, numerosas entidades teñen denunciado os danos producidos pola maquinaria en zonas do norte de Lugo, mais tamén aconteceron casos puntuais noutras zonas de Galicia, como o caso da Arquiña de Vilaseco, en Vimianzo, seriamente danada por traballos forestais.

1 comentario

  1. Quê horror! A mágoa é que isto já nom tem remédio. E por riba semelha que a destruiçom de património, seja artístico, histórico ou natural está na moda. Desde as cidades históricas onde os BICs servem de apoio a demoliçons encravadas na gentrificaçom mais descarada às barbaridades de ISIS, passando por uma enorme variedade de desleixo e genreira em mistura criativa de sentimentos cara os tesouros do passado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26