Xoves 28 Marzo 2024

Os eucaliptos esnaquizan 40 sitios arqueolóxicos do norte de Lugo

 Corenta xacementos arqueolóxicos en municipios do norte de Lugo foron invadidos e presuntamente devorados polo avance sen pausa dos cultivos industriais de eucalipto. É a denuncia que ven de presentar o grupo galego de defensa ambiental ADEGA xunto coa asociación MariñaPatrimonio, que loita pola protección de bens cultuais.

Os danos ó patrimonio histórico-arqueolóxico están causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto. Non só se denuncia a plantación ou tala masiva , senón os danos que están a provocar as máquinas utilizadas para estes procesos. Esta maquinaria pesada ara enormes sucos, remove o terreo e ábrese paso trazando camiños forestais capaces de destruír as fortificacións defensivas dos castros.

Publicidade

A denuncia fíxose ante á Consellería de Cultura da Xunta e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona)  e as dúas asociacións presentaron en conxunto un catálogo composto por fotos satélite das zonas afectadas. Un traballo que non resultou doado de facer.

O catálogo de denuncia presentou as fotos satélite do antes e do despois

O primeiro paso consistiu en conseguir o inventario no que a Xunta de Galicia rexistra os máis de 500 xacementos arqueolóxicos dos que ten constancia. Un documento, en teoría, público polo que levan esperando anos e do que só puideron conseguir os correspondentes ó norte de Lugo.

A segunda fase rexistrouse este verán cando ambos grupos comprobaron que as fotos aéreas do SigPac foran renovadas e que poderían servir como evidencia das agresións na paisaxe. Coñecidas as coordenadas dos xacementos, definidas nos devanditos documentos, introducíronse no sistema satélite e fíxose unha comparación entre as fotos de fai tres anos e os cambios sufridos nas fotos actuais.

Desta revisión, extraeron  unha lista provisional de 50 xacementos presuntamente invadidos, danados, varios deles arrasados, polas masivas plantacións de eucaliptos que proliferan na zona.

O seguinte paso consistiu en ir a comprobar de primeira man, sobre o terreo, se as sospeitosas desfeitas eran reais. Foron descartadas dez delas porque respectaban os enclaves protexidos, pero as 40 restantes confirmaban o descuberto coas fotografías. “Hai bestiadas por todos os lados”, resume Manuel Miranda, portavoz de MariñaPatrimonio, “e se a Xunta non nos fai caso, pediremos amparo á Unesco”.

Adega di que a metade dos sitios arqueolóxicos de Lugo están xa afectados

Unha vez finalizado este traballo, elaborouse un catálogo conxunto dos posibles danos ó patrimonio polas plantacións masivas de eucalipto, con descricións e imaxes do antes e o despois. Este catálogo presentóuselle á Xunta e nel incluíron finalmente dous sitios paleolíticos, 21 mámoas e 14 castros, ademais dun xacemento medieval e dous de carácter aínda indeterminado. Nas diferentes visitas atoparon cerámica feita cachizas, construcións defensivas non escavadas por arqueólogos que quedaron á intemperie e enterramentos atravesados por sucesivos sucos en liña. Os eucaliptos novos prosperan aquí e alá sobre escenarios teoricamente protexidos pola lei en municipios lucenses.

O último paso foi facer chegar ao departamento de Patrimonio de Lugo e ó Seprona estas denuncias. Catro decenas de xacementos engulidos por un cultivo, o eucalipto, que segue avanzando no territorio galego, impoñéndose á vexetación autóctona, sen que se coñeza a superficie real que xa conquistou.

Unha vez entregadas as denuncias, o obxectivo que teñen agora ambos grupos é o de traballar en común para seguir revisando a provincia de Lugo, empezando pola comarca da Terra Chá, máis ao sur. Ademais, se son capaces que conseguir o inventario arqueolóxico de toda Galicia, buscarán grupos de voluntarios galegos dispostos a contrastar o mapa de xacementos co SigPac e tentar destapar a totalidade de desfeitas histórico-arqueolóxicas provocadas polo avance sen control do eucalipto.

1 comentario

  1. Ay que malos estos eucaliptos… e .digo eu… as mismas máquinas se empregarán para os castiñeiros e para os carballos, ¿ou acaso andan con eles a o lombo?.
    ¿e a vosa querida industria ganadera, as macrogranxas de vacuno? onde está o patrimonio arqueolóxico: desapareceu fai tempo.
    O monte debe ser dos propietarios non dos funcionarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Cantos eucaliptos hai na zona na que vives? Compróbao neste mapa interactivo

A aplicación 'Explorador Forestal' naceu ao abeiro da Universidade de Valladolid para explorar a superficie arborada de calquera punto de España

O 28% da superficie arborada en Galicia corresponde a eucaliptos

En total, o país conta con 1,5 millóns de hectáreas de bosque, 620.000 corresponden a especies frondosas e 420.000 a coníferas