A taxa de infertilidade sitúase en España arredor do 15% nas parellas en idade reprodutiva, porcentaxe que se eleva na poboación diabética debido a causas dependentes da propia enfermidade, unha doenza crónica endocrino-metabólica que afecta a case todos os órganos e sistemas da persoa que a padece, entre eles o aparato reprodutor, tanto do home como da muller. Mellorar o tratamento destas alteracións reprodutivas é un dos retos aos que se enfronta a comunidade científica e no que tamén están a traballar os integrantes do Laboratorio de Endocrinoloxía, un grupo dirixido polo catedrático Federico Mallo e do que forma parte a investigadora Verónica Outeiriño, autora dunha tese de doutoramento cuxos resultados abren novas vías para o tratamento das alteracións reprodutivas asociadas a esta enfermidade.
Os resultados obtidos por Outeiriño permitiron demostrar por primeira vez que GLP-1, a hormona que producen de forma endóxena as células intestinais en resposta á inxestión de alimentos e unha das principais responsables da síntese e secreción de insulina, presenta un efecto estimulador sobre o eixo reprodutor nas femias ratas adultas, actúa como un activador da puberdade e, xunto a un análogo denominado Liraglutide, é quen de restaurar gran parte das alteracións reprodutivas asociadas á diabete.
“Por exemplo, en casos de puberdade adiantada ou retrasada podería aplicarse algún análogo e actuaría sobre o control da función reprodutora independentemente do estado enerxético do individuo”, subliña a investigadora, ao tempo que explica que o correcto funcionamento do aparato reprodutor require da existencia de suficiente ‘combustible metabólico’, xa que é un proceso moi custoso desde o punto de vista enerxético. “A insulina funciona como unha chave que permite a entrada de glicosa ao interior das células e esta glicosa é a que se emprega como combustible”, subliña Outeiriño, que recalca o feito de que nun paciente diabético non tratado correctamente, ao non dispor de insulina, non podería empregala para obter enerxía para diversos procesos fisiolóxicos que inclúen a función reprodutora. “Unha muller coa diabete mal controlada, e en certos casos incluso estando en tratamento, ten alteracións hormonais que conlevan unha serie de irregularidades no seu ciclo menstrual, ou incluso anovulación, hiperandroxenismo ou menopausa precoz”, recalca a autora da tese.
Máis información no seguinte enlace:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=11464&Itemid=2