De Ferrol a Vigo: os once concellos nos que houbo máis varamentos en 2024

Ribeira é o municipio no que se produciron máis rexistros, con case 60, seguido de Muros, O Grove, Porto do Son e Sanxenxo

O concello de Ribeira rexistrou máis de 60 dos 689 varamentos que se deron en Galicia durante 2024. Así o reflicten oficialmente os técnicos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) que veñen de publicar o número oficial de animais mariños ―cetáceos, pinnípedos, tartarugas, quenllas e lontras― que chegaron ás costas galegas durante o pasado ano. Como novidade, a organización explica cales foron os lugares que máis varametos documentaron. Encabezado polo concello da Barbanza, os seguintes municipios con máis varamentos foron Muros, O Grove e Sanxenxo, entre outros.

O 70%, no sur de Fisterra

Segundo debulla a Cemma no seu informe, o concello de Ribeira é “o que rexistra máis frecuencia de varamentos con case 60 documentados no 2024”. O 69% dos casos concéntranse na costa ao sur de Fisterra, por iso as seguintes localidades na lista, con máis de 30 exemplares nos seus areais, son Muros, O Grove, Porto do Son e Sanxenxo. Ademais, A Coruña, Bueu, Carnota, Ferrol, Fisterra e Vigo superaron os 20 animais varados. “Os que rexistran maior número atópanse orientados ao mar aberto ou nas bocas das rías”, detallan dende Cemma.

Publicidade

Con respecto ás especies que varan en Galicia, a organización indica que o 2024 documentou un total de 614 cetáceos (89%), 6 pinnípedos (1%), 32 tartarugas (5%), 23 quenllas (3%) e 14 lontas (2%). Alén disto, tamén se documentaron 17 peixes de especies diferentes como atún, peixe espada ou peixe roda. “Estas cifras, que seguen a liña de 2023, supón un incremento espectacular con respecto a calquera ano anterior ao 2022, superando o dobre da media anual situada nos 270 exemplares entre 1990-2022″, explican.

A maioría son golfiños comúns

Así, dos 689 animais varados en Galicia en 2024, 614 exemplares corresponden ao golfiño común (Delphinus delphis). “Tivo un incremento semellante ao ano anterior, pero quintuplicou a media anterior ao 2022”, matizan. Séguelle nesta lista o arroaz (Tursiops truncatus) con 46 rexistros e a tartaruga mariña común (Caretta caretta), con 10 individuos. Neste último caso, os animais chegaron vivos, foron trasladados a rehabilitación e oito deles acabaron sendo liberados.

Publicidade

A maioría dos cetáceos que apareceron varados estaban mortos e “moitos deles en avanzado estado de descomposición, polo que se descoñece a causa da morte”. Malia isto, o 42% dos cetáceos que apareceron en bo estado para ser valorados, máis do 30% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras. Outros exemplares, segundo a Cemma, mostraban síntomas de mortalidade a causa de enfermidades naturais.

Un exemplar de golfiño varado nas costas de Vigo. Foto: Cemma
Un exemplar de golfiño varado nas costas de Vigo. Foto: Cemma
Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro