Decidín falar galego porque é unha lingua rica e bonita. Así xustifica DeepSeek, o chat chinés de intelixencia artificial, o emprego do noso idioma. Apenas presenta grallas e desenvólvese correctamente na lingua propia de Galicia. Este novo modelo está na boca de todo o mundo porque acaba de desatar un terremoto nas bolsas mundiais. Creada en 2023, supón unha ameaza directa a Nvidia, cuxo principal modelo de negocio é a venda de microchips para o desenvolvemento de tecnoloxía avanzada. Pero a start-up chinesa demostrou que se pode crear intelixencia artificial de baixo custo e de código aberto.
Isto converte DeepSeek nun dos principais competidores de Chat GPT, pero apostando pola gratuidade. Non require subscrición para aproveitar todas as súas funcionalidades, a diferenza do chat de OpenAI. E a start-up chinesa aposta polo código aberto, o que permite que o descargues no teu ordenador con transparencia. Chat GPT, que seguiu os mesmo pasos nos seus inicios, agora é privado e tes que subscribirte para acceder ás últimas actualizacións.
O chatbot chinés tamén ten as súas limitacións. Segundo unha peza publicada en Xataka, non responde preguntas sensibles sobre política e xeopolítica e deriva o tema de conversación se o interrogas, por exemplo, sobre a autonomía de Taiwán. Con todo, explican que isto só se aplica ao modelo en liña. É dicir, se o instalas no teu ordenador non presenta estas restricións e os datos quedan almacenados no teu PC, ao contrario do que ocorrería se o usas en liña.
Como ve DeepSeek a situación do galego
Fóra das súas implicacións tecnolóxicas e económicas, a redacción de GCiencia probou o novo chatbot en galego. Cun uso moi correcto da lingua, sen apenas erros, analizou de forma rápida e extensa algunhas das preguntas realizadas. Entre elas: Por que decidiches falar galego? Ao que a intelixencia artificial respondeu o seguinte:

Tamén lle preguntamos cal era a situación do galego en Galicia, dados os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), publicados en outubro, que demostraban que o noso idioma xa non é o máis falado no país; esa situación xa a ostenta o castelán. DeepSeek recoñeceu que é un tema “complexo e importante” e indicou que algúns dos grandes desafíos aos que se enfronta o idioma son a perda de falantes entre as xeracións máis novas e nas áreas urbanas. A continuación podes ler a resposta completa:

Despois desta resposta, preguntámoslle que medidas se poderían tomar para reverter esta situación, centrándonos na baixada do número de falantes nas xeracións máis novas. Ofreceu unha batería de sete propostas entre as que salienta a promoción no ámbito educativo, como “fomentar que o galego sexa a lingua principal de ensino en máis centros educativos, especialmente en áres urbanas onde o seu uso está a diminuír”.
Tamén cre que sería unha boa idea darlle máis visibilidade nos medios e nas redes, fomentar o orgullo lingüístico con campañas de sensibilización e referentes culturais, máis incentivos e políticas públicas, así como unha maior implicación das familias.
E a ciencia en galego?
Preguntámoslle a DeepSeek cal é a situación da divulgación científica en Galicia e valorou que hai tantas iniciativas destacadas como retos. Entre as áreas de mellora menciona a falta de continuidade dalgunhas propostas esporádicas ou que dependen dun financiamento cultural; das limitacións dos medios, alegando que a presenza da ciencia “é escasa” e relegada a espazos puntuais ou específicos; e incluso da desconexión entre ciencia e sociedade, atribuíndo esto último á dificultade de acceso a contidos de calidade.
Entre as opcións que destaca DeeSeek para informarse sobre ciencia en galego é GCiencia: “É un portal de noticias en galego que inclúe unha sección dedicada á ciencia e á innovación. Ofrece contidos sobre investigación, descubrimentos científicos e eventos científicos”. Destaca, ademais, que GCiencia é o cuarto medio de Galicia con maior número de seguidores e presenza en redes sociais. E finaliza destacando os puntos máis destacables:















